GALIZA EN 315 CONCELLOS


As eleccións municipais de maio de 2011 teñen importancia en si mesmas, en canto representan a renovación das institucións locais, parte fundamental da xestión pública e da vida política. Mais, nesta ocasión, a importancia aínda é maior polo contexto no que se producen. Vivimos unha grave crise económica que está a conducirse cara unha grave crise social, con maiores desigualdades, e a redución das liberdades democráticas, derivada da concentración económica, do monopolio informativo e da recentralización do Estado. Con pequenos matices diferenciais, dentro deste deseño móvense as receitas do bipartidismo español. Compiten por ver quen é máis ardoroso en camiñar na dirección contraria aos dereitos das maiorías sociais, seguindo os ditados do FMI, do Banco Central Europeo e da Comisión Europea. Ambos os dous empéñanse en, co pretexto de reducir o gasto público, lanzar un ataque de fondo ás competencias autonómicas.

Espállase así confusión e desánimo entre a poboación. Medra o desprestixio da política, inducido xustamente polos poderes fácticos que desexan que non se mude nunha dirección favorábel ao pobo e a un Estado politicamente descentralizado. Esta é a mellor maneira de afianzar un voto maioritario ás opcións do sistema, as representadas polo bipartidismo español. Asistimos así no debate político a unha escalada por demostrar quen é máis corrupto ou por desviar a atención social cara temas de escasa incidencia na vida social, pero útiles para a manipulación das conciencias, como o tema do terrorismo. Trátase de falar de todo menos do que habería que falar. Neste contexto, está claro que o debate debe centrarse en si o que se fai desde o Goberno español e desde a Xunta é axeitado para saír da situación de crise económica. Tamén é o momento de facer unha avaliación da situación real de Galiza en todos os aspectos, e cal é a responsabilidade da Xunta. Resulta rechamante que non mereza a mínima atención cal é o papel da Unión Europea, os deseños que a fundamentan e as consecuencias para as periferias, moi en particular para Galiza, e se hai futuro dentro dela para nós. Naturalmente, non se pode prescindir de como afecta a situación ao financiamento dos concellos e á viabilidade dos servizos que prestan, pois é a administración máis directamente en contacto cos cidadáns. Neste aspecto, temos claro que os concellos poden cumprir un papel non desprezábel na dinamización económica e na atención das necesidades sociais, así como no desenvolvemento da cultura galega. Para isto cómpre que teñan claras as prioridades e o modelo de país que necesitamos, polo que a súa posición, tamén na política xeral, non é baladí.

De nada disto falarán o PSOE e o PP. Este intentará converter as eleccións municipais nun plebiscito para o asalto á Moncloa, sen lle importar para nada Galiza e os seus problemas, e intentará ocultar as consecuencias da súa nefasta política, culpando en exclusiva ao Goberno español ou alegando falta de competencias para solucionar os problemas. Unha posición cínica que non pode ocultar a súa negativa a exercer moitas veces as que ten ou a reclamar as que son necesarias. O PSOE recorrerá a subliñar os abondosos casos de corrupción, operación Orquestra incluída, no PP e a súa falta de alternativa no terreo económico, denunciando o seu interese partidista en chegar ao Goberno sen ofrecer solucións. Para o nacionalismo galego a cita ás urnas é crucial. Todos coñecemos que a presenza nas corporacións locais é unha panca para a actuación ao longo e ancho do territorio de Galiza. En boa lóxica unha boa política local ten que favorecer a organización social e política do nacionalismo e viceversa. Desde logo o BNG ten demostrado unha capacidade de xestión das competencias municipais, caso de acceder ao Goberno, de repercusións notábeis na mudanza de vilas e cidades. Ninguén pode negar que, tendo en conta o punto de partida, os dous casos de transformación máis espectacular producidos na Galiza foron os de Allariz e Pontevedra, contando con goberno nacionalista en varios mandatos. Tanto no goberno como na oposición o BNG é sempre garantía de presenza dunha política galega e popular, a favor das maiorías, un antídoto contra o localismo antigalego, contra a especulación e a corrupción e a favor da transparencia. Máis do que nunca os concellos van necesitar defender a creación de postos de traballo, que Galiza conte con sectores produtivos; teñen que defender os servizos públicos como a sanidade e o ensino; deben valer para desenvolver a nosa cultura desde a base e os usos da nosa lingua...

O BNG ten mantido nos últimos tempos unha iniciativa política constante, dando resposta a todos os retos e ataques que o pobo galego sufriu: contra a súa lingua, a reforma laboral e das pensións, o proceso de privatización da caixa, o deterioro dos servizos sanitarios, a redución da nosa capacidade enerxética... Mantivemos unha liña coherente en defensa dos intereses de Galiza, das clases traballadoras e de todos os sectores vinculados a unha economía produtiva. Necesitamos reforzar e avanzar na nosa presenza local e na capacidade para gobernar máis concellos. Somos optimistas, sabendo coas dificultades coas que contamos. Temos comprobado como se empregaron presións económicas, políticas ou familiares, especialmente en pequenos concellos, para intentar disuadir de participar e apoiar as nosas candidaturas, desde poderes económicos ou empresariais ou institucións políticas controladas polo PP, aproveitando as condicións de precariedade laboral e falta de postos de traballo existentes.

Estamos seguros de que, co esforzo colectivo, grazas á política mantida desde os gobernos ou desde a oposición nos concellos durante estes catro anos, e grazas á iniciativa política mantida en todo momento, imos obter uns resultados satisfactorios. O BNG vai saír reforzado como instrumento que é de defensa de Galiza e das clases populares neste momento crítico. Temos un discurso claro e alternativas definidas, tanto desde un punto de vista da política internacional, da dinámica do Estado e dos problemas do noso país desde unha óptica popular e galega. Temos deseños e alternativas, ideas e iniciativas para cada un dos concellos, non como illas, senón como entes que forman parte de comarcas e dunha nación que se chama Galiza. Sexamos conscientes de que o nacionalismo é a única resposta adecuada á actual crise económica, aos intentos de recentralización do Estado e aos problemas que desagran Galiza, moi necesitada de dignidade e de vontade política de seu.