Fixeron unha constitución e agora refórmana
Un pacto, ou talvez fose máis acaída a palabra contubernio, entre un PP en estado puro e exultante por un goberno do estado que xa toca cos dedos e un PSOE en acelerada regresión reaccionaria conseguiu o mesmo que Lope de Vega dicía da velocidade coa que escribía as súas obras: "En menos de horas veinticuatro, pasaron de las musas al teatro". Pero unha cousa é unha comedia de enredos e outra moi distinta a constatación de que romper o melón da Carta Magna non implicaba máis dificultade que o común acordo dos dous partidos. Tanta verborrea altisonante, tanta liturxia case relixiosa, tanta sacralización do documento, e resulta que o podemos lañar coma se fose un bacallau, remexer dentro e transplantar o órgano que queiramos ou, mellor sería dicir, o que nos ordenen os que realmente mandan. Toma soberanía e toma respecto pola Constitución!
Non vou escribir aquí sobre o fondo do asunto, conformándome con subliñar que calquera persoa de esquerdas estará necesariamente en contra de plasmar no marco lexislativo un acordo que hipoteca decididamente o estado de benestar. É preocupante ter débedas e aínda máis preocupante ter que aumentalas para pagar os intereses das anteriores, pero, antes de morrer de fame, calquera persoa está disposta a facer cousas máis ben peores. O estado español xa non poderá facer máis que recortar prestacións que, como é sabido, non afectan precisamente aos ricos. Eles levan o benestar incorporado de serie.
A modificación do texto constitucional provócame un paradoxo, uns sentimentos encontrados. Repúgname o novo texto, dóeme e faime sentir súbdito no canto de cidadán o feito de que non se me consulte en referendo e, máis aínda, que o ministro Blanco diga textualmente que, xa que hai presa, "no vamos a transferir la responsabilidad que tenemos que asumir a los ciudadanos". Non sei que ten que ver unha cousa coa outra, pero iso si, engade que logo os cidadáns xulgarán. Logo non, logo, antes e agora, e algúns pensamos que o medo de que o pobo se manifestase cun voto negativo a unha imposición foránea, fixo que PSOE e PP decidisen que o pobo eran eles, o que me trouxo á cabeza ao periodista e político Girardin, cando dixo que unha constitución, máis ca unha garantía é un perigo, ou aquel dito anónimo, que nos lembraba Julio Senador, de que unha constitución é "para todos o dereito e para uns cantos o proveito". Engadía este autor esta frase de Federico de Prusia: "O meu pobo e máis eu entendémonos ben. Eu déixolle dicir o que quere e el déixame a min facer o que me dá a gana". Pero dixen arriba que tiña sentimentos encontrados. Vexamos.
Se eu non votei esta Constitución, se simplemente a acato por imperativo legal, por que me ten que importar que lle metan man e mesmo que a esfolen? Xa sei que, con independencia de que non me guste, aféctame en tódalas ordes da vida.
Cando, nas miñas clases, chego ao espectáculo vergoñento que os Borbóns fixeron en Baiona, teño que me deter a explicar a diferenza entre unhas leis fundamentais, un estatuto real, unha carta outorgada e unha constitución. Como nota inicial do proceso de elaboración dunha constitución, debo dicir que é necesario convocar unhas cortes constituíntes (tódolos alumnos lembran a etapa constituínte do proceso revolucionario francés que estudaron o curso anterior) Pois ben, no ano 1977, en España non foron elixidas as tales cortes constituíntes. Mal empezamos, pois o pobo non facultou a ninguén para, no seu nome, elaborar unha Lei Fundamental. O que se fixo foi, en total secreto, nomear unha comisión, os despois coñecidos como os "Sete Pais da Constitución", propostos polos respectivos partidos ou, se preferimos, escollidos a dedo polo rei. Cinco deles eran dunha confesionalidade católica a tope (non esquezamos a Tarancón cos reis, como vasalos, no primeiro acto na catedral de Madrid), outro representaba ao PC de Carrillo, pasando máis adiante ao PSC e chegando así a ministro, e o último, Peces Barba, en nome do PSOE. Non houbo representación do nacionalismo vasco nin galego. Entre eles, sobre todo entre os franquistas de AP e UCD, elaboraron o texto de xeito totalmente clandestino, mentres por fóra e con nocturnidade discutían e preparaban os artigos Abril Martorell e Guerra (condición do PSOE para non autoexcluírse e respectar o texto final), e entregaron o resultado no Congreso de Deputados, ignorante do seu contido ata o momento da votación; pasou logo ao Senado e, finalmente, foi presentado ao pobo. No referendo saíu aprobado por, unicamente, o 58 % do censo total. O 27 de decembro de 1978 foi asinado polo rei, pero non se plasmou no BOE ata o 29 para non facelo coincidir cos Santos Inocentes. Podíase notar demasiado a broma.
Inmediatamente empeza a se xerar toda unha mitoloxía arredor da Carta Magna e do marabilloso e modélico da transición reformista sen ruptura. Pero, simultaneamente, con menos fortuna por falta de medios difusores, comézase a falar non do Grande Consenso, senón da Grande Traizón. O rei e tódolos que xuraron defender os Principios do Movemento, por mantérense no poleiro, traizoaron aqueles o mesmo que a Franco a quen todo debían. Carrillo co seu PC, e o PSOE, aínda que este en menor medida, pois xa viña precedido polo asalto sevillano ao poder en Suresnes, catro anos antes, esquecendo a loita antifranquista e a prol da democracia, traizoaron os ideais da esquerda. Os nacionalistas galegos mantivemos a dignidade e por iso, tantos anos despois, aínda que me afecte, segue sen me preocupar o que PP e PSOE fagan coa súa Constitución.
Hai tempo, lin un texto de Orbaneja no que chamaba ao optimismo, dicindo que as dúas Españas tradicionais son tan simples que, renegando das súas respectivas orixes, van desenfreadas cara a un indefinido e anódino centro, pero, como parten de direccións opostas, agardamos que "se peguen tal topetazo que se aniquilen definitivamente" e que esperte a terceira España, a demócrata en teoría e na práctica, por suposto de esquerdas e, obviamente, republicana. Non leva trazas de ser, porque xa non parten de direccións opostas, pero, de todas maneiras, AMÉN.