Febre eólica
Como se dunha traxedia grega se tratara, os vendavais e as nortadas galegas ensaríllansenos e atafégannos cal telenovela mitolóxica ao redor do capital tapado co deus eolo.
Do goberno de Feijoo -baixo o envoltorio verde, mediático e pandémico- agroma agora a febre eólica espallada polo país querendo convencer á cidadanía do estupendo que será esta vacina para as empresas...digo para Galiza.
É o rexurdimento da enerxía eólica. Parecen inventar agora a enerxía aproveitada xa desde hai milenios, desde antes das obras clásicas onde alí se aventura a orixe dos deuses dos ventos. As pas de muíños para diversos fins, de axuda na agricultura e por suposto na navegación. Moitos son os vestixios das inchadiñas brancas velas que ondearon polos ceos debuxando travesías, muiñadas, recordos, auga, historias, patrimonio,...
Agora esas novas arboraduras ondearán máis polo país e transformarán a paisaxe como aconteceu nos tempos dos encoros. Facemos as presas aquí, anegamos todo isto, sacamos rendemento,...en Galiza desde os 60 asolagadas terras e... canto se investiu en infraestruturas? Canto se mellorou o servizo eléctrico? Canto pagamos de luz? Onde deixan a ganancia as empresas? Agora volven os parques de aeroxeradores logo de quedar obsoleto o plan sectorial eólico de Galiza. Seguimos baixo o signo do depredator. Leis 2/2016, 5/2017 e 9/2021 de Galiza que se non reaccionamos nós mesmos poderían substituír o conde de Fenosa polo de Next Generation. E capaces son de bautizar no día das letras galegas a cada un dos muíños co nome dunha persoa galega egrexia.
O delirio
Pese a negacionistas, o cambio climático dos modelos científicos estudados está aí como hai tempo advertían asociacións ecoloxistas do país e de todo o mundo. E as enerxías renovables fronte á obsolescencia programada dos combustibles fósiles apuntan, desde hai décadas, a fontes das que bebemos en todos os fogares, fábricas, sector público, etc. Cuestionadas as nucleares e xunto coas derivadas do astro rei rexurde en Galiza a enerxía eólica.
Preocupado polas grandes corporacións máis que polo país, empregan as políticas europeas de fomento das enerxías renovables, xunto coas da transición verde do estado contra o pobo, e ás agachadas coas súas propias leis en plena pandemia da COVID-19. Aseguran que as directrices galegas do plan sectorial eólico de Galiza quedaron obsoletas, pero ante estas plantacións de muíños eólicos cada vez máis voces claman e denuncian. E coinciden asociacións ecoloxistas, comunidades, o BNG -1º partido político da oposición- ao falar de falta de transparencia á cidadanía en xeral é ás comunidades de montes ás que lles van co da enerxía verde e a consabida creación de postos de traballo. Que non traga a xente ao veren o resultado das eléctricas e dos primeiros parques instalados; agora as infraestruturas serán máis modernas e precisarían menos persoal, pensando en cantos postos xeran os actuais encoros, parques eólicos, piscifactorías,...
Contras ou a realidade
Sen embargo, das accións contra o país xa ten Galiza experiencia. E sabe dos sitios onde se queren instalar cun impacto no agro, na fauna, en espazos ambientais, culturais, paisaxísticos. Desde logo todo quisque entende que os montes poden dar máis que eucaliptos e... aeroxeradores a 12.000 €/ano?!?! Ao lado deses muíños eu non querería a miña casa, escoitamos acotío! Desaparece o valor da terra tal e como o coñecemos, din outros, ao non poder gozar do gando, nin do aproveitamento agrario perdendo unha produtividade nosa en detrimento de compañías forasteiras que veñen a sacar cartos á conta das nosas leiras. Modifícase a cualificación do uso do solo, do espazo empregado polas infraestruturas todas que implican os eólicos. En palabras do parlamentario Luis Bará só en Rede Natura non se poderían instalar parques polo que queda o resto, se cadra un 90% do territorio. Coa cualificación de “solo rústico de especial protección de infraestruturas” converteríanse esas zonas, de facto, nun polígono industrial tal e como está no artigo 34 da actual Lei Galega do Solo 2/2016.
Desde a Universidade de Vigo, os datos do Observatorio Eólico de Galicia son preocupantes. Facendo números rápidos. 3.111Mw producen os grandes encoros galegos, e sóbranos luz pois véndena ou consómena máis alá, e pagámola -cara- aquí, sen contra prestación acaída polas presas, tendidos ou estacións. As novas máquinas canto producirían? 10 aeroxeradores na zona de Lalín xerarían 560 Mw. Non hai máis que calcular sumando e multiplicando co nº actual de parques proxectados.
Cando sopran outros ventos
Conxugar o territorio e as súas xentes tarefa pendente nas actuais decisións observando a voracidade empresarial. Muras pode dar a pauta de boas prácticas para Galiza desenvolvendo outro Plan Sectorial Eólico con condicións respectuosas para esta industria e para o territorio. Contrasta o auxe eólico galego e non se entende como, en Galiza, pecha unha fábrica de pas na que traballaban 215 persoas! Inaudito.
Necesítase buscar con criterios científicos e máis respectuosos co terreo, os enclaves de novos parques que non parece que se fixera ata o de agora. Tampouco é normal o feito de ter un operador eléctrico de costas á cidadanía e á terra que pisan. Existen outros mellores modelos fóra do país ou coma os que apuntaba o daquela conselleiro de industria, o nacionalista Fernando Blanco . Somos unha potencia por mar e por terra; e faltos dunha potente industria deixámoslla que outros a exploten por nós. Por que non un modelo de participación pública?
Cando aínda chían nos oídos os proxectos de minas de Corcoesto ou de Touro-O Pino achégase outro rebumbio provocado polas mesmas desnortadas políticas. Treme tamén o fogar de Breogán que pode estar minado polos prezados cobre, estaño, coltán, tantalio, wolframio,...Que dirán os rumorosos sen costas verdescentes!
Xoán Bautista Mariño Abuín.
Maio 2021