"Este bus te lleva gratis a Marineda City"

"Este bus te lleva gratis a Marineda City"

De vivirdes na Coruña ou na contorna saberedes de que estamos a falar só con ler o titular. Tamén os do sur saberedes de que se trata do novo centro comercial que vén de abrir na Coruña. A cidade permanece empapelada con propaganda de Marineda City, cada dez minutos saen autobuses co lema "este bus te lleva gratis a Marineda City" (por suposto, só te leva de balde en español), longas ringleiras de coches atascan os accesos á gran superficie, os medios de comunicación non deixan de loar o gran centro comercial... En definitiva, o papanatismo volve invadir A Coruña, desta vez disfrazado de americanismo. E, como se for pouco, baixo a máscara do "centro comercial más grande de España, y el tercero de Europa". Iso si, apenas ninguén se pregunta se a área metropolitana da Coruña será suficiente para absorber semellante macro centro comercial, e máis tendo en conta a excesiva oferta de grandes superficies coas que conta a cidade, moitas delas, por certo, de afluencia case nula. Non hai máis que lembrar os eloxios que recibía o Dolce Vita cando abriu as súas portas non hai nin tres anos. E que temos hoxe en día? Que hai deses 3.900 postos de emprego que ía crear? A primeira e derradeira vez que entrei en Dolce Vita decateime do fracaso que representaba: tendas baleiras, estabelecementos fechados, despedimentos de dependentes e dependentas... E na Coruña non se aprende. Non chegaba co Dolce Vita que houbo que instalar outro xigante do consumismo, onde cada detalle está pensado para que quen entre nese centro comercial, merque.

Saramago falaba da "conciencia autista" provocada polos centros comerciais, unha frase que debe inducirnos á reflexión. Por que non existen fiestras abertas nestas grandes superficies? Por que apenas vemos a luz do sol? Porque os centros comerciais desconéctannos da realidade, íllannos, impiden a socialización. Este modelo americano de consumo eríxese como as novas prazas das vilas, as prazas nas que atopabamos os veciños e veciñas, as prazas nas que mercabamos, as prazas nas que conviviamos... coa diferenza de que este novo espazo monetarizado despóxanos do carácter sociábel da vida. Fronte este modelo creado por e para consumir, debemos apoiar e afortalar o débil comercio tradicional. O pequeno e mediano comercio ten a capacidade de vertebrar a cidade, de unir a través dos barrios e do espazo público e de cohesionar o pobo; é dicir, potencian a calidade de vida. Fronte ao urbanismo especulativo que desenvolveu durante anos o PSOE na Coruña, cómpre promovermos un urbanismo sustentábel, como o que reivindica o nacionalismo galego, que dote de vida os barrios da cidade. Un urbanismo sustentábel acompañado dunha mobilidade tamén sustentábel, na que se potencie o uso do transporte público fronte ao excesivo uso dos vehículos privados, e dun consumo responsábel.

É por todos e todas coñecida a postura tanto do PSOE como do PP a respecto das áreas comerciais. Vímolo no PSOE coa modificación do planeamento urbanístico para o estabelecemento destes centros comerciais e vímolo coa Lei do Comercio impulsada polo PP que, feita ao ditado das grandes empresas, supón unha "barra libre" para as grandes superficies. Tamén o vimos na o pasado mércores durante a inauguración de Marineda City, á que non faltaron os concelleiros do PSOE nin a conselleira de Traballo, Beatriz Mato. E iso, malia a sangría que vai provocar esta grande área a nivel laboral. Non temos máis que ver os efectos dos outros centros comerciais nas rúas coruñesas: Santo Andrés, a Rúa Torreiro, a Rúa Barcelona, Federico Tapia... Non nos enganemos. O modelo das grandes superficies destrúe milleiros de postos de emprego estábel do pequeno e do mediano comercio, substituíndoos por traballos en precario. O caso da tenda PC City prognostica o que vai pasar nuns anos. E é que á media hora de abrir as súas portas en Marineda City, os seus empregados e empregadas souberon de que a compañía británica fecha os seus estabelecementos comerciais no Estado español. A cantas tendas de Marineda City lles acontecerá o mesmo? Deixemos pasar o tempo.

E para non vermos impasíbeis como seguen a fechar as portas dos comercios tradicionais, cómpre consumirmos no pequeno e mediano comercio, un sector estratéxico nas vilas, non só a nivel económico, tamén a nivel sociolóxico. Somos moitos e moitas as que preferimos ir mercar a tendas como a de Felisa, onde Valentín ou Viqui aténdente polo nome, comparten contigo as súas alegrías e preocupacións, aconséllante novos produtos ou apréndenche a cociñar novas receitas.