Estamos rexidos por enfermos mentais

Estamos rexidos por enfermos mentais

De tanto perseguir os cartos acaban coa riqueza real e coa felicidade das persoas e dos pobos.


A crise e a corrupción non son as causas da situación de atraso e falla de traballo en Galiza, son as consecuencias do reparto e uso ou desuso dos nosos recursos.

Parecía lóxica a emigración cando as familias tiñan entre catro e dez fillos e a Nosa Terra estaba cultivada, pero, porqué emigramos cando un País se queda sen xente nova, que está ben preparada e está abandonado, improdutivo e importando todo aquilo que aquí podemos producir?
A corrupción mais danosa non é a que se exerce por saltarse a lei, a corrupción mais grande é mudar a lei para que legalice os abusos, o roubo e as desigualdades. Os casos que saltan a prensa non son mais que unha árbore incendiada para que non vexamos o que hai detrás.

Fai poucos días nunha canle televisiva na que deixan falar algo contra o PP, para consolo de discrepantes; despois de fartarse de expoñer as grandes nóminas dos representantes públicos preguntaron ao final cal era a nómina anual dun directivo nunha empresa privada, e comparouse co do Presidente do Goberno do Estado:

- Presidente do Goberno.........98.000 €, mais ou menos.
- Directivo dunha empresa importante.......2.200.000 €.

Un directivo dunha empresa cobra 22 veces o salario do Presidente do Goberno. Tanto un salario como o outro saen da produtividade xerada polos traballadores e traballadoras. So que a xente metéronlle na testa que o do directivo da empresa era froito da súa intelixencia privilexiada e do seu esforzo, e que por iso parece moi xusto que un directivo dunha empresa cobre tres ou catro mil veces o salario mínimo. Ou moi artistas son os traballadores para vivir con tan pouco ou moi inútiles son os directivos para precisar tanto. Xa temos a solución da crise: Facerlle plans de formación laboral aos inútiles ate que aprendan a aforrar como os traballadores, e sobraríannos moitos recursos e remataríamos co paro.

Na medida en que a economía pública se vaia privatizando todo aquilo que nun “político” é un delito nunha empresa privada é un mérito. Ollen o “ El Progreso” do día 13 de febreiro deste ano. Segundo parece o Sr. Liñares pide perdón por ter tres centos mil euros gardados nunha adega, e é un “villano”. Media ducia de ex directivos da “ atracada” Caixa Galiza poden ter ducias de millóns de euros, libres de cargas e impostos, en calquera Paraíso, absoltos de calquera delito, e estar sendo solicitados por novas entidades como excelentes artistas da enxeñería financeira. Ou sexa, o modelo de persoas (homes) que a sociedade envexa. Xuntar cartos, que non riqueza, é o logro mais grandioso na nosa sociedade, distribuír riqueza é unha ilusión idealista dos ditadores comunistas que a OTAN eliminará si fai falla con guerras como a dos Balcáns.
As barreiras sociais raramente lle permiten a un pobre, pasar a rico pola virtude da política. E si llo permiten é para que faga simplemente o traballo porco. O poder e os cartos son dunhas poucas familias e normalmente non precisan facerse corruptos para seguir sendo donos de vidas e facendas; fan as leis a súa medida e converten en legal todo o que se lle antolla. E si se lle pon difícil dan un golpe de Estado, un golpe de caixa, un golpe de prensa, un golpe xudicial, ou moitos golpes no lombo ate que te rendas, te sometas, te cales ou te fagas o tolo renunciando a exixir os teus dereitos e a organizarte e protestar, e tamén a votar. Isto que nos está pasando si que é corrupción, é a corrupción da Democracia. Si tanto interese hai por rematar coa corrupción porqué amantes da Xustiza como o Sr. Garzón non se van para Gibraltar, por exemplo, onde fai pouco dixo publicamente o Sr. Rajoy que había grandes lavadoiros de diñeiro? Sería unha oportunidade para amañar parte da fraude fiscal do Estado. Pero non hai tanta ansia de xustiza. Si tanta ansia hai porqué so un representante da xustiza saíu en Galiza en defensa dos milleiros de estafados polos bancos? Imaxínanse o que acontecería si fora ao revés? Seríalle moi difícil a Banca lograr apoio político e xudicial? Viron peor estafa que a que nos fan as eléctricas meténdonos a todos os usuarios nun sistema de cobro sen contrato a vista nun xogo de casino no que eles poñen cada segundo o prezo que queren coas cartas marcadas? Onde está o libre mercado? Non lle preocupa a ninguén esta violación dos dereitos democráticos e constitucionais? É ou non é un atraco a man armada? A enfermidade dos “carto-dependentes” impídelles resolver as súas fortes contradicións e ponos ao borde do delirio.

Están dándonos xustamente os tratamentos ao revés, inda sabendo que van matar a quen os vota e a quén lles da o vicio que teñen. Acabaron cos traballadores normais pasándoos a miseria e agora liquidan aos pequenos empresarios e aos autónomos, non para criar riqueza si non para destruír riqueza e facer cartos. Aos autónomos e pequenos empresarios quítanlles aquilo que é o seu alimento: Os clientes, os consumidores, e por parte o creto. En Galiza temos mais de duascentas mil entidades que están sendo fundidas premeditadamente igual que fundiron a Caixa. Primeiro mándannos ser emprendedores e logo fúndennos. ¡Organícense compañeiros, organícense, que van a por vostedes, e con vostedes vamos moitos! E miren algo para os nacionalistas inda que sexa a contragusto, que lles convén nesta situación. Si de obreiros non podemos vivir, de autónomos tampouco, as empresas fúndenas para deixarlle o mercado aos de fora, en Europa bótannos,... de que van a vivir os descendentes dos galegos? Ou é que imos ir ao suicidio colectivo? Quen é o torpe que cre que vai vir a recuperación? Díganme algunha cousa na que acertara algún Goberno de Madrid dende o ano 2008? A xente imporante da prensa, dos negocios e ate da Universidade tivo algunha previsión que se cumprira nestes case seis anos?

Vou aproveitar uns datos oficiais do Goberno do propio PP reflectidos na prensa, para que deixemos xa as parvadas interesadas dos recortes e vexamos como o Propio Goberno aplica as medidas dos vampiros para arruinarnos.

(Entre aspas, comentarios do “El País”).

“Un estudo presentado polos técnicos do Ministerio de Facenda (GESTHA) estima que a economía mergullada en España elevouse ate o 24,6% do produto interior bruto (PIB) no 2012, un aumento de 6,8 puntos en cinco anos”. “Xustamente os cinco anos dende a creba da empresa financeira dos EE. UU. Lehman Brother, que provocou a crise global ó 15 de setembro do 2008”.

Logo, a crise non foi por mor de vivir por enriba das nosas posibilidades, nin do gasto dos deputados,nin dos pensionistas, nin dos parados, nin dos hospitais, nin do ensino....

E sigue o relato: “O diñeiro negro que circula por España ascende a 253.000 millóns de euros….a economía mergullada aumenta con especial intensidade nas comunidades autónomas mais afectadas polo problema do paro e o pinchazo do boom inmobiliario que son Andalucía, Canarias, Extremadura, Castilla-la Mancha e zonas do interior e outras comunidades”, dando a entender de xeito malicioso e perverso que a culpa da fraude fiscal, é dos parados, e do gasto das comunidades autónomas. Pero un informe publicado por esta mesma equipa do Ministerio de Facenda uns días antes, sobre a fraude fiscal no ano 2009 por sectores económicos, indica nun gráfico as causas da crise e da corrupción, delitos que ninguén persigue en serio. Minto están perseguindo aos parados. Unha Ministra montou en cólera porque segundo ela estes, os parados, (coas súas chapuzas) defraudaran 4 mil millóns de euros ao ano:

- GRANDES EMPRESAS E FORTUNAS……………71,77%.
- PYMES………………………………………………………… 17,05%
- AUTÓNOMOS……………………………………………………8,59%
- OUTROS ………………………………………………………….2,59%

E a peor das fraudes: Quen presentan o informe son precisamente os encargados de evitalas. E por si non chegase, para burla, dannos os datos do ano 2009 no que xa prescribiron as débedas. Isto si que é unha amnistía fiscal! Talmente como si as forzas da orde nos fixeran un informe sobre criminalidade de fai anos no que se explica que foi moi abundante a delincuencia pero que non se coñece aos autores. Ven a conto aquí outro dato que amosa o cinismo e inmoralidade de tódalas predicas da crise , dos recortes e mais da “curmán de risco” e de quen a xermolou:
20 ricos teñen tanto diñeiro como os 10 millóns mais pobres de España
.

E de novo, o grave non é isto, é que os chamados de esquerda afirman, ou afirmamos, que isto é normal na verdadeira democracia. Na “Santa Democracia do libre mercado”.Si digo que para rematar cos fundamentos da corrupción e respectar os dereitos humanos o que compre e repartir a riqueza acabando cos ricos, dirán que son un tolo e fanático comunista. Pola contra arruinar e matar a un pobo para satisfacer a megalomanía e a cleptomanía (entre outras dependencias )do 1% da poboación é planear a saída da crise

Dende o punto de vista social, e tamén terapéutico, algo tan irracional como que, a nivel mundial, nesta fabulosa globalización, un 8,4% das persoas sexan donos nada menos que do 97% da riqueza, é cousa de tolos, sádicos e terroristas. Isto so o logra esta minoría co imperio da violencia. Viu alguén no reino animal que nunha manada oito coman a mesma ración que noventa e sete. Como moi ben dixo Curros referíndose a Deus: “Se che eu fixen tal mundo que o demo me leve” Preguntáronse os contrarios ao aborto cantos crimes de nen@s e mulleres cometen eles simplemente con tres reparticións: a auga, a enerxía e as bombas?

No citado estudo fálase de que a Comunidade de Madrid presenta unha taxa de actividade “chamativamente” baixa, pola elevada concentración de grandes empresas nacionais e estranxeiras e grandes fortunas que concentran os ingresos tributarios na capital”. Non obstante, Gestha presupón no seu estudo que esta circunstancia compénsase coa “elusión fiscal” que realizan a través da “ingeniería financiera”. Branquear o diñeiro de actividades delituosas chámase enxeñería financeira.

Os mesmos técnicos din que o 70% do efectivo que se move en España é con billetes de 500 € e que este é o instrumento preferido para realizar operacións en negro.

¿Terá logo razón a Sra. Vicepresidenta do Goberno cando lle bota a culpa da fraude fiscal aos parados? ¿Pódeme alguén dicir cantos billetes de 500 € caben na carteira dunha familia de parados que non ten ingreso algún, dentro deses 2.000.000 que hai sen percibir ren, a nivel de Estado?.

¿Pode estar ben da cabeza un gobernante con estas fantasías?

O mesmo xornal abre un titular dicindo “A UE e o BCE piden a España seguir as reformas e reforzar as políticas laborais que todos sabemos que producen máis desemprego”. Conclusión clara: A UE e o BCE pídenlle a España que siga fomentando o desemprego, a fraude e os billetes de 500 €. Seguro que o “Mestre Bárcenas” podería ser, sen ningún problema, Comisario Europeo ou relevar ao Ministro de Economía. Ao fin e ao cabo as finanzas duns poucos cidadáns ( a cúpula do PP e os seus amigos) funcionan ben. Conclusión: a economía vai ben. ¿A de quén?.....

O obxectivo do déficit público é, segundo a “democrática Troika”, o 3%. Pola contra a banca, os fondos de pensións e todos os especuladores poden endebedarse e arruinar á maioría dos e das cidadás dun pobo ou nazón, abrasándonos a impostos inxustos e indirectos. Os da Santa Inquisición ao lado destes dispuñan dunha saúde mental óptima.

Se queremos seguir vivindo nun país próspero e civilizado comecemos por darlle o tratamento psiquiátrico a quen lle toca rexer, e xa non lle rexe, o centro de emisións.

Aínda que só sexa por isto hai que loitar pola sanidade pública, pois na privada dificilmente os van curar porque están contaxiados do mesmo virus.