“Españolismo”
Ás veces ouvimos esta palabra pensando que non pasa de seren unha ideoloxía, unha postura política ou unha actitude sen outra relevancia; porén non é só isto, é moito más. O españolismo constitúe, xa que logo, unha densa estrutura político, económico, social, cultural... e moitas cousas mais, fortemente centralizado historicamente por un militarismo e unha burocracia civil e relixiosa ao seu servizo.
Forma parte do españolismo: unha oligarquía capitalista terratenente, que oprime e explota a todos os pobos que en cada tempo, estean ao seu alcance. Unha forza militar e represiva con vocación colonizadora, disposta a actuar contra todo pobo que pretenda defenderse e liberarse do seu xugo: facemos especial mención a chamada Garda Civil, na que abondan moitos galegos, por aquel de que “non hai mellor cuña ca da propia madeira”. Unha Igrexa Católica de obediencia gótica españolista, que se impuxo sobre o primitivo cristianismo existente na antiga Gallaecia, Suévia, do que Prisciliano é o referente principal.
Posiblemente nos esquezamos doutros moitos compoñentes desta estrutura españolista. Porén, estou certo de que os sinalados son parte indiscutíbel do mesmo.Dicir, que no seu comezo coa dominación do Reino da Galiza, até acadar unha crecente expansión imperialista, puido chegar a afirmar que “nas terras do seu Imperio non se poñía o Sol”, malia, si a noite nos pobos dominados , comezando polo noso . Hoxe, a maioría destes pobos e nacións, alcanzaron xa a súa Soberanía. O Imperialismo Español finalmente fracasado, ficou reducido as terras que os antigos cartaxineses chamaron Yspan (España) terra de coellos, converténdose nunha cárcere de pobos.
Como todos os Imperios na súa decadencia, o españolismo móstrase submiso e disposto a subordinarse aos novos Imperios e seren forte cos pobos que oprime. Nos últimos tempos non dubida en renunciar a súa soberanía en beneficio dos mais poderosos imperios; as veces dubidou a quen servir e subordinarse, agardando que xurdira o mais poderoso de todos eles.Na Segunda Guerra Mundial Interimperialista , o seu representante mais xenuíno, Franco, dubidou entre Alemaña e os EE.UU , e ao fin acertou: hoxe pertencemos a U.E, que non hai dúbida, é un Protectorado dos EE.UU, a cúpula do Imperialismo Global. Tan servil e covarde é o españolismo, que ante esta crise capitalista está disposto a deixarse gobernar directamente, amais de mandar, por un golpe tecnocrático da Unión Europea co permiso dos EE.UU.
O declive imparable da estrutura españolista favorece a liberación das nacións e pobos da península: nacións que non son Imperios, nin unidades de destinos no universal, e nunca o serán. Nacións coma nosa Galiza que teñen substancia concreta: unha terra, un pobo, cultura e lingua propias e que xa leva mais de 500 anos de existencia como pobo colonizado, sen teren desaparecido; xa que logo, podemos seguir existindo moito tempo mais como nación, porén, cun futuro de esperanza grazas a debilidade cara a súa disolución deste nefasto entramado chamado españolismo, que impídenos voar con alas propias.
Nas nacións sen Estado, como no caso da nosa Galiza, falla a liberdade para as galegas e os galegos, como dicía Castelao “ Estamos fartos de ser unha colonia, e por moitas vantaxes que nos ofrecese unha nova colonización, queremos ditar leis para gobernarnos por elas, sen inxerencias alleas. A liberdade é a única reserva con que contan os pobos para crearen o seu futuro. E nos poderíamos hipotecar todo, menos o futuro “.