España cañí
Dúas noticias repenicaron seguido nos derradeiros días de Agosto e primeiros de Setembro: a reforma da Constitución, perpetrada -cabe dicer- por PSOE e PP e mais a exhibición en espectáculo inmundo dun touro chamado "Ratón", famoso pola súa forza e fereza e que xa "conseguira" matar tres individuos en anteriores concentracións taurinas. Esta, a segunda das noticias que comento, arregala os ollos e arrepón os cabelos, por moi afeitas ou afeitos que estexamos á pervivencia de tradicións horrísonas da España cañí. Resulta que o tal touro é alcumado de "asasino" porque, como dixen, matou tres homes que se lle enfrentaron ou que o provocaron en senllos espectáculos. ¿Que culpa terá o animal de seguir o seu instinto -ou como queiramos denominalo- e arremeter contra todo o que se lle poña por diante? ¿Alguén dotado-a dunha mínima lóxica xurídica pode comprender que exista unha lexislación protectora dos animais e que, á vez, se siga permitindo a brutalidade tauromáquica, con todos os elementos tradicionais de acoso, tortura e derruba? Os ingresos do empresario organizador do espectáculo onde se facía intervir o tal touro multiplicaron exponencialmente, asunto fundamental no mantemento de semellante barbarie.
Polas mesmas datas estivais, PP e PSOE acordan e executan unha reforma constitucional que esnaquiza en mil pedazos non xa os máis estreitos e limitados marcos constitucionais senón a propria lóxica utilizada por ambos partidos cando se demandou historicamente a reforma, moderna e realista (de realidade, non de monarquía), da Carta Magna. Un dos argumentos centrais da negativa a tocala consistiu precisamente en que a reforma dun texto legal de tal categoría e simbolismo debería ser obxecto dun demorado proceso de debate, contraste e consenso, tal e como, supostamente, se xestara a aprobada en 1978. Nesta ocasión, alá se foi polo río abaixo, en celeridade bruta e abrupta, o tal debate, o tal contraste e o tal pretenso consenso, que, ao que se ve, reduce o mapa político español a dúas forzas, nun alarde de -como diría Castelao- claro separatismo. Con efeito: quen son os separadores?; quen dinamita, reducíndoo a dúo intercambiábel, a pluralidade ideolóxico-política recoñecida pola mesma Constitución agora reformada?
Mais, para alén destas consideracións, máis dúas se impoñen -por se non estiveren de todo claras- coa súa elocuencia. Unha é a que poderiamos denominar bifurcación: PP e PSOE, ramas da mesma póla ou pólas do mesmo tronco. A súa necesaria e funcional oposición no sistema en que xogan e que nos impoñen disólvese como unha pedra de zucre na auga cando procede obedecer submisamente os ditados, designios, desprezos, diterios e ordes, en fin, da superioridade. Este conglomerado hexemónico e superior -Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeu, grandes corporacións financeiras..., en suma, os beneficiarios da crise por eles provocada- é -segunda das evidencias- quen goberna os gobernos, póndoos de xoellos, se preciso é, para os converter en instrumentos servís e entregados ás súas decisións.
¿Ula, a fachendosa soberanía española, muro permanente do exercicio posíbel dunhas outras soberanías compartidas? León para estas, gato domesticado para os amos do mundo...
"Eiquí compría escribir unha novela; pero eu son home de ben e non debo contar o que non sei. Pero novela haina": así interfere Castelao no magnífico retrato da andaina de Ramón Carballo, cuxa moralexa, por certo, deberían tela ben presente os fatalistas do pagamento, do resgate e da submisión ao Moloch hodierno. Tamén nos dous flashes que comentei hai novela e, aínda, ilación. Deixo á imaxinación das leitoras e leitores que este artigo tiver a relación entre touro, espectáculo vil, encerrados nas gaiolas de onde saen a provocar o animal, por unha banda, e, por outra, os personaxes intervinientes na reforma da Constitución. Asegúrolles que entre unha estampa e outra hai máis dunha semellanza.