Esmorece a era nuclear? (II)

Esmorece a era nuclear? (II)

O 11 de marzo tivo lugar o sismo acompañado do tsunami que provocou o gravísimo accidente na central nuclear de Fukushima. O 27 de marzo publicouse a primeira parte deste artigo, cando a situación na central nuclear xa era recoñecida como moi grave, clasificada nese momento como de grao 5 nunha escala de 1 a 7. A OEIA (Organismo Internacional de Enerxía Atómica) informaba eses días que "houbo avances tendentes a controlar a situación, pero a mesma segue a ser grave". Un mes despois, a clasificación do accidente é de grao 7, a máxima gravidade posíbel, igual nivel que o accidente de Chernóbyl, e a situación na central segue a estar fóra de control, aínda que xa apenas ocupa lugar nos medios de comunicación. Só de cando en vez aparecen novas desacougantes como: "O goberno de Xapón prohibe permanecer a menos de 20 km da central", ou "Xapón bota ao mar miles de toneladas de auga debilmente radioactiva para librar cubas e poder enchelas de auga altamente contaminada que está no interior do reactor". Por certo para permitir a reparación dos circuítos de arrefriamento e evitar que avance a fusión dos reactores e a situación empeore... E tamén nos decatamos de que Xapón vai tardar cando menos un ano en ter baixo control a central, tendo que solicitar importante axuda ao exterior, principalmente a Francia, Estados Unidos e Rusia, malia ser un pais punteiro tecnoloxicamente e nomeadamente na tecnoloxía nuclear. Trátase de que a situación non vaia a peor.

E dentro dun ano conta ter baixo control a situación na central; o desmantelamento da central levará un mínimo de dez anos, cuns enormes custos. Isto nin moito menos significa que se acabe o problema: a contaminación e as radiacións debidas ás fugas, emisións e verquidos controlados e descontrolados que se produciron (e producirán) e os que ficarán dentro da central han perdurar durante moito tempo. A vida media dos isótopos radioactivos que andan por aí vai desde uns oito días do iodo-131 aos 24.100 anos (vinte e catro mil cen anos!) do plutonio-239. Un só miligramo de plutonio-239 é suficiente para matar unha persoa, e unha central nuclear xera nun ano plutonio suficiente para matar seis veces a poboación do estado español.

Son cantidades difíciles de abranguer: demasiada pouca cantidade é suficiente, demasiado tempo de duración, demasiado nocivo. Demasiado perigoso para a humanidade. O nuclear é o que ten. A radiación nuclear é invisíbel, incolora, inodora e insípida. Ten efectos inmediatos -os menos- e ten efectos de longo alcance e a longo prazo, que non podemos controlar nin medir. Non produce necesariamente imaxes de impacto, que son as que nos gusta consumir, as que crean preocupación na sociedade, pero a intoxicación por radiación producirá efectos devastadores sobre a saúde de moita xente ao longo de moitos anos, de moitas xeracións, pode ser que de centos delas. Perto do lugar do accidente e a miles de quilómetros.

Tamén nos imos decatando aos poucos que Tepco, a empresa operadora da central, non tomou as medidas axeitadas para evitar o accidente. Cando menos, houbo tres graves erros pola súa parte: non tomou as medidas correctoras necesarias logo dun accidente grave que se produciu no 2007 noutra central, en Kashiwazaki, onde logo dun sismo de magnitude 6,8 houbo un incendio, unha fuga de auga contaminada e de substancias radioactivas; tardouse moito tempo en tomar as primeiras decisións logo dos primeiros fallos nos reactores, malia os requerimentos que lle fixo o goberno nipón, principalmente porque os dous principais directivos da empresa estaban fóra de Xapón; e por último, tal vez nun intento de salvar a central, tardaron moito en refrixerar con auga de mar, que inutiliza os reactores para o seu uso futuro, pero que era o refrixerante que estaba máis a man.

Agora tamén se vai sabendo que Tepco falseou datos sobre a súa seguridade nunhas 200 ocasións durante 25 anos (Público, 27 marzo 2011). É verdade que en España a industria nuclear está hoxe aparentemente controlada. Non por propia iniciativa -malia que agora defenden que son os primeiros interesados na transparencia- senón a base de sentenzas xudiciais. En calquera caso, que estea controlada nun estado non significa que o estea no veciño, ou no que está máis lonxe; que nun sistema capitalista (por contraposición ao dito sobre Chernóbyl) o obxectivo dunha empresa en obter as maiores ganancias posíbeis, e as centrais nucleares en xeral están en mans de empresas privadas (aínda que se invertan unha inxente cantidade de cartos públicos na construción e no almacenamento de residuos). O envelenamento radioactivo non entende de fronteiras xeopolíticas nin de razas nin de ricos ou pobres. É de carácter global.

O lobby nuclear intenta darlle unha tinguidura moderna aos seus argumentos para reabrir o que chaman o debate nuclear: o nuclear é bo porque reduce a dependencia dos combustíbeis fósiles, porque non emite dióxido de carbono, porque permite cubrir as necesidades crecentes de electricidade e porque as centrais son seguras e baratas. Argumentos que se poden demostrar falsos un a un; en calquera caso, é suficiente dicir que seguen sen estar resoltos os catro eternos problemas da enerxía nuclear: seguridade, custos, residuos e proliferación. E por se isto fora pouco, o verdadeiro debate que se debe abrir non é sobre a enerxía nuclear, senón sobre o modelo enerxético no seu conxunto. Neste sentido, son moitos os que defenden, como Marcel Coderch e Núria Almiron no seu libro El espejismo nuclear que a enerxía nuclear non é a solución senón parte do problema, pois engule tal cantidade de recursos públicos (a fondo perdido) que limita o desenvolvemento de outras fontes de enerxía realmente seguras e sustentábeis. Porque contrariamente ao que nos queren facer crer, a enerxía nuclear non é barata, senón que é moi cara: no cálculo do quilovatio-hora producido cómpre incluír os gastos de construción da central, de seguridade e mantemento, de xestión dos residuos (durante cantos anos?) e de desmantelamento da central ao remate da súa vida útil (pode ter un custo de aproximadamente a metade do custo de construción). Xa non digamos o que se pode encarecer se se produce un accidente. A moratoria nuclear logo dos accidentes de Three Mile Island e Chernóbyl non era soamente pola presión social: as empresas decatáronse de que o risco económico era demasiado grande: unha inversión excesiva, da que ningunha aseguradora quería facerse cargo. Só a continua inxección de cartos públicos conseguía manter o negocio.

A nosa sociedade tecnolóxica denomínase tamén "sociedade do risco", concepto acuñado polo sociólogo Ulrich Beck. Normalmente son as traxedias como Chernóbyl (e agora Fukushima) as que producen unha conmoción na sociedade que fai cambiar a percepción do risco asociado a actividades tecnolóxicas como a produción de enerxía nuclear. Os pronucleares defenden que se ben o risco percibido pola sociedade é moi elevado, o percibido polos "expertos" (segundo eles, os "expertos" sempre están a favor da enerxía nuclear) é moi remoto. E introducen o interesante concepto de "risco aceptado", aquel que a sociedade está disposta a aceptar a cambio do beneficio que esperan obter, entendendo por este o económico, do aumento do benestar ou doutro tipo, e sempre considerando que -por exemplo- o modelo actual de consumo enerxético e de recursos crecente e sen límites é inevitábel, o cal obviamente fai que xa esteamos en desacordo coa hipótese de partida.

Nin sabemos valorar en que mans está nin en que mans pode caer a industria nuclear para a xeración de enerxía. Os riscos son demasiado altos para seren asumíbeis. En 2005, Mohamed El Baradei, director da OIEA, afirmaba que "os controis de exportación fallaron, o que fixo florecer o mercado negro de material nuclear, un mercado tamén accesíbel a grupos terroristas". É unha irresponsabilidade colectiva non abandonar definitivamente a enerxía nuclear. Agora é o momento do debate sobre o futuro.