Ensino


Hai ben pouco tempo falábase da crise económica coma dun cálculo de probabilidades, agora desgraciadamente para nos, esas mesmas posibilidades vólvense certezas que no día a día van medrando, ata acadar dimensións que meten o medo no corpo a tódalas persoas que non tivemos nada que ver coa súa implantación, e posterior posta en práctica.

O que se debe de poñer en dúbida é o rigor científico de quen asegurou a non existencia do devandito problema, ou maquillouno para minguarlle importancia a un feito tan salientábel coma perigoso, que afecta moi de preto ós mozos e mozas en idade escolar.

Falan de "novas" condicións de equilibrio na economía, de "novas" readaptacións económicas; o que non din é que os ciclos económicos levan moitos anos e moitos séculos esnaquizando á xente honesta e traballadora, xa que non hai que ir moi lonxe no tempo para atopar feitos semellantes, aínda que non tan graves coma os de agora.

Pero o que é peor é que das súas propias verbas despréndese o descoñecemento da dimensión real do que esta acontecendo no ensino, sobrevoando o debate nunha posición que é froito circunstancial do pensamento económico, interesado en negar ou empequenecer, a segundo que criterios económicos conveñen en determinado momento, o modelo educativo que teñen deseñado os gurús da Consellería.

Parece imposíbel predicir os acontecementos que poden asolagar a vida do estudantado e o seu medre intelectual, neste taboleiro onde os están a mover coma pezas de xadrez ó seu antollo e interese. Non lles preocupa quen pode ver desaparecer posibilidades educativas por mor da masificación das aulas. Tampouco lles importa os postos de traballo que se perderon, os que se están a perder e se seguirán perdendo.

A cuestión álxida que debería constituír a esencia da resolución do grave problema non é a apocalíptica, e sobor de todo a interesada resposta que están a dar, marxinando destas resolucións a os traballadores e traballadoras do ensino, deixándoos morrer na inanición e non facendo o máis mínimo esforzo para reactivalas, mentres os poderosos calan ou din que non hai que alarmarse, nin facer catastrofismos, cando deberían darse conta que os recortes no ensino lévanos a minguar a calidade educativa e aumento do fracaso escolar.

A consecuencia directa destes feitos tamén é que moitos profesores e profesoras están na rúa ou a piques de facelo.

Quen sabe o que acontecerá?, pode dicilo ó Conselleiro?. Estou a falar de ensino, cousa que ben pouco preocupa nas altas esferas políticas e económicas, xa que o acontecido deriva directamente e sen ningún tipo de dúbida da súa actuación especulativa noxenta, e todo isto é demostrábel. Non acontece por que sí, por causas naturais, acontece por que alguén quere que aconteza.