En Nadela un golpe máis. O sector leiteiro galego, pendente dun fío

En Nadela un golpe máis. O sector leiteiro galego, pendente dun fío

O frustrado xermolo dun Grupo Lácteo Galego en Outeiro de Rei

O pasado ano asistimos ao conflito xerado ao redor da factoría de Pascual en Outeiro de Rei. Ao anuncio de Pascual de desfacerse da factoría seguiulle un continuo ronsel de actuacións que dende o ámbito político galego se traducían na posición do nacionalismo galego de aproveitar a ocasión para que a través dun conxunto de cooperativas lucenses e galegas, nucleadas en torno a Feiraco, se puxesen os alicerces dun Grupo Lácteo Galego. Unha posibilidade real que supoñería o primeiro paso para contarmos cun grupo propio que se traducise nun revulsivo para o sector en canto a unha mellora substancial para produtores, comercializadores e consumidores. En definitiva un proxecto para o país, un proxecto longamente arelado polo nacionalismo e polo propio sector naqueles ámbitos nos que se aposta por artellar unha estrutura de futuro para o sector lácteo galego fronte á situación actual e ás agresións externas. Un proxecto este, ademais, avalado polas máximas garantías empresariais e sociais.

Pero o goberno galego tomou unha decisión política totalmente distinta. A súa opción foi impulsar dende a sombra outro proxecto a través doutras cooperativas afíns ao PP e, polo tanto, cunha clara intención de desactivar a posibilidade de que se artellase unha reestruturación a través da outra opción que para nada está en consonancia cos parámetros políticos do actual goberno galego e do PP.

Calquera formula que signifique conformar unha identidade propia para Galiza, neste caso de identificación nacional nun sector socioeconómico clave para a nosa nación é rapidamente eliminado. E así, a factoría de Outeiro de Rei pasa a mans de Alimentos Lácteos. Un conxunto de cooperativas que para nada garanten ningún paso significativo na mellora real do sector e con dubidosa seguridade sobre o seu futuro.

O monopolio avanza por Nadela.

E o seguinte paso na convulsión do sector, con epicentro en Lugo, é a inminente compra da factoría, até o de agora pertencente a Puleva, en Nadela (Lugo) polo grupo Lactalis. Neste caso, coa anuencia política do Goberno Central e a pasividade da Xunta de Galiza.

Este proceso supón ampliar gravemente o monopolio sobre o leite galego, cos correspondentes prexuízos para gandeiros e consumidores. Os prezos, a cadea de distribución, as marcas, pero sobre todo, a absoluta deslocación que supón esta operación, van supoñer que unha parte importante da produción leiteira galega quede baixo control foráneo e, polo tanto, Galiza fique totalmente á marxe dun elemento substancial do seu desenvolvemento socioeconómico.

Ademais, estes dous feitos que poden parecer illados, seguramente no futuro acaben confluíndo. A debilidade do sector á que todo isto contribúe notoriamente, fano presa fácil da especulación absoluta por parte das multinacionais e, polo tanto, isto incidirá aínda máis na crise que sufre, claramente constatada no constante peche de explotacións.

En definitiva, tremen gravemente os débiles alicerces do sector leiteiro galego. Está pendente dun fío outro elemento máis consubstancial ao noso ser como nación.