Emerxencias silenciosas


Hai moi poucos días tiven a oportunidade de escoitar a un representantes de UNICEF falar da emerxencia nutricional e da traxedia humanitaria que se está a vivir nos países que integran o coñecido como "corno" de África por mor da persistente seca que os asola e que ameaza a subsistencia de miles de persoas que dependen da agricultura e da gandaría.

Este home deu en chamarlle a esta situación, e a outras semellantes, "emerxencias silenciosas". É dicir, a confluencia de circunstancias verdadeiramente extremas que non teñen apenas repercusión mediática e que, dende logo, a que teñen alónxase bastante do impacto que producen imaxes e noticias de emerxencias producidas sobre todo por catástrofes naturais, como tsunamis, grandes terremotos, etc.

É curioso, pero describía a realidade destes países (Somalia, Etiopía, Eritrea, Yibuti) cunha frase que non me pareceu nada acaída á climatoloxía que está a producir semellante drama e que, sen embargo, fotográfao perfectamente. Dicía que, nestes territorios, "chove sobre mollado" e estas secas, que nalgún deles dura xa máis de dous anos, súmanse a unha crise continua e permanente na rexión e a unha grande inestabilidade política, económica e social.

Non é a miña intención facer hoxe aquí comparacións que nada teñen a ver entre esta terríbel situación -por certo, aproveitada e explotada por EE.UU. e polos grandes países europeos pola súa localización xeoestratéxica e de ruta obrigada para barcos petroleiros e de mercancías- e a doutras zonas do mundo, como por exemplo a de Galiza, tamén cada vez máis preocupante.

Enténdaseme ben, por favor, que, salvando todas as distancias, o certo é que me resulta cando menos interesante o paralelismo entre a explicación do representante de UNICEF co que no noso país hai anos que está a ocorrer, provocado non por unha sorte de continuas desgrazas irremediábeis senón debido a un deseño político e económico perfectamente estudado e aplicado dilixentemente polos sucesivos gobernos estatais e autonómicos. E, sobre todo, abráiame a simetría existente entre as solucións que el propón ao problema en África coas que moitas e moitos levamos anos insistindo aquí: Políticas económicas que se apliquen de xeito constante para crear estruturas que melloren o principal medio de vida, naquel caso a agricultura e a gandaría, e non que se limiten a ser axudas extraordinarias, puntuais e concretas.

Galiza é un país rico, un territorio cheo de potencialidades, onde os seus principais sectores produtivos foron verdadeiramente punteiros, mesmo a nivel internacional e mundial, e que políticas determinadas e políticos concretos converteron nun país axudado, subsidiado, en favor doutras zonas do Estado e doutras rexións da UE.

Cando o goberno estatal do PSOE, co apoio explícito do PP nas Cortes, decretou en contra dun sector estratéxico para Galiza como o do carbón, a UE, en contra das súas propias premisas, en contra das súas propias cláusulas económicas e medioambientais, deu a aquiescencia a esa normativa sentenciando miles de postos de traballo galegos e favorecendo o mantemento e creación destes noutros territorios do Estado.

Si facemos unha retrospectiva, vemos que o ocorrido neste ámbito non é moi diferente do que ten pasado co sector lácteo, onde os postos de traballo reducíronse dun xeito alarmante nos últimos vinte anos. A desaparición das nosas granxas significou tamén a paulatina redución da poboación no interior do país e a contribución a unha situación demográfica que, na actualidade, está ao bordo da insostibilidade e serviu, por obra e graza da UE e o asentimento servil do Estado e o Goberno galego, para facer medrar aínda máis as potencias lácteas, por exemplo, de Francia e Holanda.

Foron tamén os sectores pesqueiro e naval dous nichos (palabra de moda e moi acaída neste caso) de emprego atacados e espoliados impunemente polas políticas europeas, coa submisión absoluta e o "laissez faire" dos gobernos españois e galegos. O inxente beneficio de toda esa destrución en Galiza foi a parar, dende logo, a outros países de Europa, e mesmo extra-europeos, que hoxe volven a empuxar ao abismo ao pouco que queda do sector naval nas rías de Ferrol e Vigo. Nós fomos os principais sacrificados nos anos 80, con milleiros de empregos dinamitados, a consecuente pobreza económica e un brutal deterioro social nas zonas afectadas, onde xeracións enteiras atopáronse, de súpeto, coas mans baleiras e ningún sitio a onde ir.

Mentres se rachaban acordos pesqueiros con terceiros países, como Marrocos, que explota ilicitamente e sen ningún tipo de consecuencia legal nin apenas críticas da omnipresente comunidade internacional as augas saharauis, a alternativa europea para Galiza eran as subvencións e as axudas para os despeces.

O sector conserveiro, fonte económica principal de ducias de vilas costeiras do noso país, ameazado constantemente pola deslocalización e os acordos da UE con terceiros países aos que hai que sumar a nula intención política de controlar as importacións masivas de produtos que se promocionan e se venden como autóctonos e que rematan de arruinar economías insustituíbeis para nós.

Ata o pouco, por non dicir o único, que tiñamos de noso no sector financeiro, as Caixas, foron entregadas mansamente ao capital privado e festexado como un gran éxito polos profetas do papanatismo máis impresentábel.

Galiza, como dicía, é un país rico, un país que, tal e como analizou o portavoz nacional do BNG hai só uns meses, está a vivir en situación de emerxencia nacional, diante da inmunidade dos principais partidos políticos estatais que, por acción ou omisión, estanna a converter nun auténtico apartheid.

Galiza, dende logo e afortunadamente, ten miles de diferenzas cos países do corno de África. A distancia entre unha e outros é infinita, e non só xeograficamente. Pero non é desatinado pensar, aínda que sí moi duro de dicir e máis aínda de escoitar, que as liñas estratéxicas trazadas polos imperios para ambos os dous casos van na mesma dirección: A desaparición, a inanición, a destrución que conleve, inevitabelmente, a dependencia absoluta doutros estados, doutras potencias dende onde se moven, con astucia, os fíos do mundo.

As propostas do representante de UNICEF que eu escoitei, a respecto das políticas económicas a levar a cabo naqueles territorios para mudar progresivamente a súa precaria situación son, no fondo, as que tamén aquí nos conveñen. Non podemos seguir aplaudindo os "premios" que se nos outorgan a un prezo tan alto, non podemos seguir aturando un deseño político e económico que nos deixe, anaco a anaco, sen país e que nos "beneficie" con fondos que, a cambio, levan aos nosos principais sectores produtivos, a nosa riqueza fundamental e natural, a que nos proporciona basicamente o emprego, ao desmantelamento e ao devastamento absoluto.

As políticas que nos foron devorando como Saturno aos seus fillos hai tempo que deixaron de ser as que nos corresponden, as que nos pertencen por xustiza. Por iso, aínda que o grave tsunami que se ven producindo na Galiza historicamente non conte co favor nin coa atención das grandes potencias mediáticas, as galegas e galegos, que vimos resistindo dende hai miles de anos en contra de todos os elementos, temos que facer fronte, unha vez máis, a esta actualidade brutal que tenta abafarnos definitivamente.

Mellor ou peor, máis forte ou máis débil, é evidente que só temos unha ferramenta, un instrumento utilísimo que, a cada paso, propón alternativas e insiste na imperiosa necesidade de gobernármonos por nós mesmos e defender o noso, precisamente co mesmo e igual empeño que outros pulan polo deles.

O nacionalismo galego, desengañémonos dunha vez por todas, é o único medio para levantarmos cabeza, a única organización política empeñada en que Galiza poida producir e poida tirar rendabilidade para sí dos inmensos recursos que ten. Os demais, tamén están empeñados, sí, empeñados en que o noso país siga a ser rédito económico para outros, para un Estado e unha superestrutura europea que non nos tivo nin nos ten en conta, que pouco ou nada lle representa seguir aniquilándonos como pobo en favor dos máis grandes.

Efectivamente, Galiza está en estado de emerxencia nacional pero, a diferenza do que está a ocorrer nos territorios africanos máis abandonados, non podemos nin debemos permitirnos, definitiva e rotundamente, que a nosa siga a ser unha emerxencia silenciosa.