E chegou o día do castigo…
En 1567, o rei Filipe II promulgou, en colaboración co Inquisidor General correspondente, a Pragmática Sanción que ilegalizaba o emprego da lingua árabe, prohibía a práctica da relixión, a vestimenta e os costumes islámicos. Esta disposición provocou, pouco despois, a sublevación dos mouriscos das Alpujarras granadinas, levantamento que foi brutalmente reprimido por don Juan de Austria e que concluíu coa morte de máis de 2.500 persoas e a deportación dunhas 80.000 persoas destas comarcas a diversos territorios do norte peninsular habitados por cristiáns vellos.
O pasado día 22 de xuño, a intransixencia inquisitorial de Filipe II impúxose de novo nun colexio de Arteixo baixo o brazo executor de José Luis Fernández Pardo, director do centro escolar, ao prohibirlle a unha nena de doce anos permanecer nas súas instalacións o derradeiro día de clase en que ía recoller as súas cualificacións finais de Primaria e participar, cos demais compañeiros, na festa de fin de curso que estaba programada.
A Consellaría de Educación validou con isto unha sanción grave, a de maior rigor existente no réxime disciplinario no ensino obrigatorio, imposta a unha nena, cuxa conduta consistiu simplemente en manifestar externamente a práctica da súa relixión islámica. É certo que a represión exercida conxuntamente pola Inquisición e mais polo monarca Filipe II, a mediados do século XVI, a través dos exércitos dirixidos persoalmente por Juan de Austria, causou moitas máis vítimas que a exercida pola Consellaría de Educación contra unha indefensa nena de doce anos, mais tamén é certo que nos encontramos no século XXI, transcorridos xa 444 anos desde que o monarca español tomara aquela drástica decisión, que tamén pasaron máis de sesenta anos desde que en 1948 se proclamase a Declaración Universal de Dereitos Humanos, e máis de trinta de que se promulgase a Constitución española, normas que recoñecen os dereitos á liberdade de relixión e que prohiben a discriminación por este motivo.
A Consellaría de Educación, o Consello escolar do CEIP Novo de Arteixo e mais o seu Director, José Luis Fernández Pardo, conseguiron executar, o último día en que podían facelo, a expulsión dunha nena do colexio en que estaba matriculada. O expediente académico da etapa de Ensino Primario completábase para esta alumna ese día 22 de xuño de 2011, cando o Señor Director se presentou cominándoa, como anxo flamíxero enviado por Yahveh, a que, de xeito inmediato, abandonase a aula na que alegre e inocentemente celebraba o fin de curso e de Primaria. A vinganza divina acababa de cumprirse e a nena, aterrorizada por tal castigo público, ten que abandonar o paraíso da tolerancia das súas amigas de escola e de infancia. Consellaría de Educación, Consello Escolar e Director do centro do CEIP Novo de Arteixo, no momento en que a nena deixou de ser alumna do mesmo, estou seguro que alentaron con alivio porque na execución deste acto viron cumpridos os designios sagrados da norma que eles mesmos crearan para a ocasión. O rei Filipe II deportou 80.000 mouriscos a centos de quilómetros de distancia. Neste caso, a nena foi deportada apenas a 15 metros, onde se encontra o novo centro escolar que a Administración educativa lle asignou como consecuencia da sanción, mais o dano psíquico que sufriron ela e a súa familia ten moito de parecido con aquelas deportacións de mediados do século XVI de infaustos recordos.