Docentes


Na era covid falouse moito da enfermidade, das medidas, das normas, da vacinación,...e no medio as persoas. Vimos desfilar por platós... de todo; pero quen realmente estaba detrás traballando e investigando era persoal sanitario, educativo, seguridade, etc. Cada quen coa súa responsabilidade acode, coma sempre, ao seu traballo hoxe multiplicado fronte aos recortes do público fronte á aposta do PP polo privado.

Ao longo dos tempos foise perfeccionando o estudo. Con esforzo foise estendendo desde un entretemento á obrigatoriedade. Ninguén pon en dúbida que o acceso ao saber fixo avanzar a humanidade. Cobizosos pergameos, papiros, ...libros; son unha parte material das persoas creadoras obrigadas, nun principio, a deixar constancia contable do que posuían reis e outros mandatarios nos primeiros momentos da escrita.

Choveu desde o trivium e o quatrivium e hoxe a lexislación no país esixe saber moito máis alá das catro regras da Enciclopedia Álvarez. E á fronte a figura da mestra e do mestre.

A 2ª República anticipaba o ensino público, laico, gratuíto, con liberdade de conciencia e persoal; preparado tamén no pedagóxico pero truncado coas cunetas do franquismo onde asasinados mestres deron a súa última lección.

Hoxe temos no país 1227 centros públicos referenciados -e moitos sen mantemento desde hai anos- no buscador de centros da Xunta. As unitarias do CRA, EEI, CEP, CEIP, CPI, IES; en menor medida EOI, CIFP, EASD, CEE, CFEA, EPAPU, CMUS, ESMU, CDAN, ESCO, ESDA, ESAD, Cen. Pub. Escola G. do Deporte. 227 centros privados concertados coa Xunta, dos que xa a 4ª parte están no concello de Vigo. E 188 centros de ensino privados.
Os actuais postos son insuficientes. Tralos continuos recortes -marca PP: fin de empréstamo universal de libros, a nosa maltratada lingua galega polo D. 79/2010 de Feijoo- e á vista desta situación extraordinaria de pandemia o ensino galego reséntese máis, segundo o sindicato maioritario a CIG-Ensino .

Docer ou non docer

É ben recordar como nace unha docente de Bioloxía, por exemplo. Todo o mundo sabe que, normalmente, logo de pasadas as probas de acceso á universidade coa nota do bacharelato podes entrar no grao de Bioloxía como primeira opción, ou noutra especialidade semellante se non che alcada a nota. Tras 4 anos na facultade complementarase a formación coa pedagoxía, obrigatoria, dun ano co Master de Secundaria, para impartir clase nun IES, se entras! pois faltan prazas segundo o sindicato estudantil Erguer. Esforzos persoais e económicos que culminarán no último paso para traballar como profe de bioloxía nun instituto público: superar as non fáciles probas de concurso – oposición, cando as convocan, marcadas pola lexislación da función pública dará un posto para coñecer Galiza coa consellería antes de ir a un destino definitivo.

Boa parte do persoal docente ocúpase do ensino ata os 18 anos no caso do bacharelato e máis alá cando se trata de formación noutros eidos. Será pois, esa poboación estudantil das aulas quen nos goberne nalgures mañá, interprete, xogue, arranxe estradas, baile, proxecte e faga obras, cure enfermidades, compoña música, corte e semente árbores (de eucaliptos xa estamos servidos!), atenda a persoas maiores,...De aí a responsabilidade do maxisterio, coas futuras xeracións, clamando e reclamando atención e formación continua. Uns obtéñena lonxe da administración sempre escasa de cursos formativos para a inmensa masa de materias, mentres que outra parte fórmase continuamente fóra e de xeito continuado pola actualidade esixente de estar diante das últimas novidades que ve o alumnado coma médicos en alerta ante novas enfermidades, que dicía miña nai.

O desprestixio do profesorado

Tampouco a nostálxica lei de Villar Palasí chegaba nunha nova orde, disque europea. Coma o orzamento no ensino, carteira ministerial pobre e inda por riba inzada de leis desde a Constitución de 1978: LOECE, LODE, LOGSE, LOCE, LOE, LOMCE -entre outras- nas que cada unha delas rezuma máis centralismo, alienación e menos liberdades que a anterior. A isto súmaselle a falta de compromiso galego nas competencias plenas de educación dunha autonomía asentada para propaganda e auto bombo, omitindo a débeda histórica para co Pobo Galego que repite Non des a esquecemento...E por ese longo camiño e desde finais dos 90, a perda de poder adquisitivo foi da man do alarmante desprestixio mediático que callou en certa sociedade, votante de políticas turnistas. Moitos foron os berros fronte a continuos despropósitos. Non só diminución de soldo, que non cadra coa economía voraz, o aumento de horas lectivas foi unha das últimas reivindicacións que contemplamos xa desde a chegada de Feijoo no 2009 ao goberno galego. Así as 12.000 sinaturas recollidas polo 1º sindicato do sector, a CIG-Ensino, desembocaron nunha folga. Xunto con CCOO Ensino, ANPE, FeSP-UGT, STEG e CSIF no 2019 reclamaban devolver o horario de 18 horas lectivas en secundaria e 21 en primaria e melloras nas condicións de traballo. Sen resposta.

Ensino galego e de calidade

A importancia das 3 universidades galegas xeran preto de 26.000 matriculadas para as oposicións 2020 e 2021 do ensino. Só accederán 2.900 persoas a este outro potencial galego: o ensino.

Serán discípulas doutro persoal docente que nos marcou tralo aborrecible da letra con sangue entra. Estas novas xeracións han de ser máis de defender coa pluma para formar unha sociedade galega de futuro. Unha sociedade seguramente, pese ás críticas, quixeran saber como quen lles ensinou. Sabemos que nesa “doce fábrica” habitan á vez que ensinantes, escultoras, músicos, filósofos, escritoras, xornalistas, ...formando e informando mesmo cando regresas á escola. Quen nalgún momento da súa existencia non se dirixiu onda aquela persoa docente por unha dúbida, un problema; esa comunicación que viña da administración, esa bolsa para cumprimentar, ese recurso que había que facer urxente ou esa tradución para poder cobrar a pensión do estranxeiro. Son só algunhas das xestións cotiás. Outros buscan asesoramento técnico e profesional para un proxecto dunha empresa ou nunha vivenda particular, unha chanca; aquelas fórmulas do Sistema Métrico Decimal que nunca lle ías ver utilidade ata que herdas ferrados e incluso hectáreas que hai que repartir como irmáns. Co altruísmo do profesorado museos, cidades, exposicións visitadas no marco dos intercambios e excursións culturais ás que se volverá... ou non! A vida. Rexorde o aprecio e o papel de quen che ensinou.
E coma unha correa de transmisión dun coche, hai que renovar xa ás xeracións xubiladas, unhas máis xubilosas que outras, para poder presumir de ensino e de persoal motivado que sabe. Políticas decentes con máis docentes. E necesitamos que nolo transmitan para medrar en liberdade e evitar que nos desfagan o país.


Xoán Bautista Mariño Abuín. Abril 2021