Dignidade


Saído de ningures naceu o movemento cidadán Democracia Real Ya. Imitando a movementos de presión creados noutros países, algúns de dubidosa creación (CIA, MOSSAD, FMI), e outros realmente espontáneos (Islandia, Londres...) tomaron as rúas co obxectivo primeiro de mobilizar a unha poboación que descontenta semellaba estar durmida. Por un lado comezou por criticar as políticas antisociais utilizadas polo goberno para saír desta crise e para denunciar que esta saída estaba a pasar por riba do estado do benestar e das persoas, coa intención única de salvar a unha banca despiadada.

Basicamente o que leva facendo o nacionalismo galego dende o ano 2007.

Pero este discurso "apolítico", "transformador", "innovador" e "asindical" calou nunha parte da sociedade á que non chega o nacionalismo galego ou a unha parte da sociedade que é contraria ao propio nacionalismo.

Os que durante anos levan combatendo e mobilizándose en defensa dos salarios, do emprego, en contra dos privilexios das grandes fortunas, contra o
plus dos altos cargos, contra a corrupción e o transfuguismo, contra a colonización tanto ideolóxica como cultural e a pasividade da sociedade,
sorprendéronse. Sorprendémonos.

Xa transcorreu un mes e dese movemento (DRY) xurdiron outros como as acampadas, os indignados/as, etc. Entendo que é momento de facer unha pequena análise.

É sorprendente que tras este discurso se agochen particulares e movementos tan contrarios como pode ser UPyD, falange española, izquierda unida, o PCE... É estraño ou soprendente que os seus ideólogos (porque dalgún lado ten que saír un movemento político, sexa cal sexa) sexan persoeiros ligados á Fundación Everis (Think tank neoliberal onde os haxa) ou Enrique Dans entre outros.

Sorprende ver nas asembleas das acampadas a militantes do PP, xente de Primeira Liña, moita xente de Izquierda Unida, membros da CNT...

Sorprende que se é un movemento que defende consignas de esquerdas se obvie elaborar un discurso e que o PP, partido neoliberal e conservador por excelencia, subira nas eleccións municipais e autonómicas, xusto cando este movemento máis presión exerceu.

Os que levamos anos loitando organizados vemos con certo escepticismo que conflúan estas circunstancias.

A nivel galego, este movemento conseguiu facer algo que nos tempos que vivimos semellaba case imposíbel: mobilizar a mocidade, cun amplo poder de convocatoria. Dun tempo a esta parte vivíanse os recortes e o embate do poder cunha pasividade pasmosa. Hai que ter en conta que os institutos e especialmente as universidades aquí en Galiza sempre foron contestatarias, un xerme de revolucións e de organizacións políticas. Botábase en falta esa mocidade nas rúas manifestándose con toda a que está caendo.

A propia organización (DRY) desvinculouse das acampadas quedando estas como entes case autónomos. Aquí en Galiza hai acampadas que están completamente españolizadas, porque para ser neutrais prefírese empregar nas comunicacións o español (xa que é un movemento "apolítico", que só emprega o "sentido común"). É unha mágoa que non se teña en conta que o estado español é un estado plurinacional. Mais non é estraño se temos en conta quen conforma as asembleas maioritariamente: particulares sen ideoloxía definida (ou iso é o que din). Hai acampadas nas que se organiza un discurso no que todo vale, que mestura liberdade con distrito único, legalización das persoas, dereitos humanos... nun pupurri anti-político co que practicamente todo o mundo pode estar máis ou menos de acordo. Hai outras que defenden a nosa realidade e por poñer un exemplo rexeitan a consigna de DRY con respecto o tema do distrito único.

A nivel galego non ten a cobertura mediática que ten a nivel de estado. Será porque no estado este movemento desgasta ao PSOE e aquí "desgastaría" ao PP, e iso os medios "galegos" non o poden permitir. Pola contra empregan ao seu antollo a este movemento denominándoo os indignados para evitar dar cobertura ás críticas directas ao PPdG (ben sexan concentracións de mestres, protestas parlamentarias...)

Afortunadamente dentro do movemento hai quen emprega a análise crítica e percibe que por unha banda está a loitar contra a inxustiza e un sistema que nos aperta cada vez con máis forza e ao mesmo tempo que non poden ser utilizado polo inimigo, feito que desgrazadamente está a acontecer. Hai cidadáns que grazas ao colectivo dos indignados/as non só conseguiron erguer os seus pasivos cus do sofá, senón que ao mesmo tempo non queren facerlle o xogo ao poder.

Dende a esquerda nacionalista a estratexia, a análise política e a experiencia fainos estar moi pendentes de que as nosas actuacións non sexan empregadas polos nosos inimigos políticos (aínda que hai ocasións nas que isto é inevitábel). Nós que levamos anos desexando que a cidadanía esperte e se mobilice, valoramos moi positivamente que se abra o debate, que a poboación se organice para loitar contra este capitalismo feroz, pero entendemos que debe ter un fin determinado e non abstracto. Dende unha oposición continua pódense resistir os embates en maior ou menor medida, facer propostas que outros poidan apoiar ou non, pero só dende un goberno comprometido co seu pobo se poden facer políticas sociais, políticas que beneficien as maiorías sociais.

Detrás do discurso xeral de DRY hai un obxectivo de desprestixio da política que semella saír da dereita e non da extrema-esquerda como aparenta. Aquí en Galiza ao igual que en Catalunya non acepta que nos discursos se consensúe o dereito de autodeterminación dos pobos. E non só non o acepta senón que nega cos seus actos a nosa realidade de nación sen estado. Nós propomos propostas claras que coinciden no discurso: Pago coa vivenda da débeda hipotecaria, derrogación do plus dos altos cargos, lei anti-transfuguismo, control dos mercados, creación dunha banca pública galega e constitución dunha caixa de aforros galega, recuperación do imposto patrimonial, reforma fiscal que mellore a equidade, loita contra o fraude fiscal, creación dun imposto para as grandes fortunas, incremento do gasto social: sanidade, ensino, vivenda; rechazo da reforma laboral e das pensións, en defensa do traballo, implementación de políticas activas de protección do desemprego, mellora dos salarios, seguridade social e saúde laboral, formación para o emprego,etc.

A pesar de facer estas propostas con honestidade tamén somos atacados directamente por parte de determinados sectores deste movemento. Nós atacamos a quen lexisla e privatiza e somos atacados por igual.

Agora temos convocada unha marcha galega polo emprego que saíu das cidades o día 29 para o día 3 rematar en Santiago cunha manifestación. A cobertura mediática é practicamente nula, e perfectamente manipulada, da media para calquera mobilización organizada polo nacionalismo: 20 segundo na televisión pública de Galicia.

E a xente seguirá nas súas casas pensando que o noso presidente non ten a culpa da crise, agardando co voto popular entre os dentes a que cheguen as xerais para botar por fin fóra a Zapatero.

Iso é algo que os indignados/as non poden permitir: ser utilizados en beneficio do maior inimigo do ser humano, a dereita neoliberal española. Non poden consentir que o seu tempo e os seus esforzos honestos sirvan para facerlle aquí en Galiza a cama ao PP. Porque mentres as mobilizacións seguen a maquinaria mediática utilízaa no seu beneficio e mentres isto acontece as políticas privatizadoras do PP seguen en marcha, as leis retrógradas (lei de convivencia, lei de familia...) seguirán en marcha. A pasividade total do señor Feijoo e do seu goberno para crear emprego continuará. E o peor de todo é que as críticas serán desviadas cara movementos de confrontación real. O voto dos descontentos non irá para a esquerda mentres o voto de dereita permanecerá e o ciclo non se fechará. Non se pode cambiar o sistema cando o propio sistema estate a usar como unha arma.

Eu, que levo indignado dende os 16 anos, que formei parte de movementos asemblearios, que padecín con conciencia o caciquismo neofascista do goberno Fraga, as políticas privatizadoras de Felipe González, a falta de liberdades, de opinión e réplica de José María Aznar; sei que só podemos dar resposta real aos recortes e as privatizacións do goberno Zapatero e de Alberto Núñez Feijoó a través dunha organización política constante no tempo e nas súas accións. A eficacia na resposta contra esta globalización política e económica só se consegue a través da resistencia local e nacional organizada. Tamén, por outra banda, son perfectamente consciente de que movementos socias deste tipo axudan e algúns moito.

Pola nosa dignidade e a do noso pobo os esforzos transformadores terán que confluír en máis dunha ocasión e servir para derrocar os nosos inimigo comúns. Sigo crendo que DRY non é a nosa revolución e que lle falta moito para ser real, pero quero crer que dese movemento, de moitos outros e do nacionalismo de esquerdas organizado nacerá o xerme dunha revolución real. Sigamos regando con ilusión e forza esta idea porque a historia nos agarda impaciente.

Pola nosa dignidade.