Día da Terra, Día da Auga,...

Día da Terra, Día da Auga,...

Onte foi 22 de Abril e celebrouse en moitos lugares do mundo o Día da Terra. Tamén o 22 de marzo celébrase o día internacional da auga, o 5 de xuño o día mundial do medio ambiente... celebracións e máis celebracións para por en coñecemento da xente algo que todos os que vivimos nas cidades da parte "desenvolvida" deste planeta vemos todos os días: que os recursos naturais non son eternos e que debemos coidar deles.

O Día Mundial da Auga decidiuse na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente de Rio de Janeiro en 1992. O día do medio ambiente decidiuno a Asemblea Xeral das Nacións Unidas para o 1973 e o día da Terra foi promovido en conmemoración das primeiras mobilizacións ecoloxistas nos EUA en 1970. Nas Nacións Unidas soa, desde que o fixo por primeira vez para este tema no ano 71, a campá da paz o día 21 de marzo de todos os anos no momento no que se produce o equinocio de primavera/outono como lembranza da necesidade de conservar o planeta....

É sobre todo a partir dos anos 80-90 cando as manifestacións ecoloxistas se fan multitudinarias e obsérvase un paso adiante dende o conservacionismo e proteccionismo ate os movementos reivindicativos e activos posteriores.

Na Galiza fomos pioneiros no movemento ecoloxista reivindicativo coas mobilizacións dos primeiros anos 80 contra dos vertidos radiactivos na fosa atlántica e levámonos a palma das reivindicacións co movemento Nunca Máis contra a contaminación do Prestige en 2003. Na Galiza temos a desgraza de ser expertos en desastres medioambientais e, por tanto temos tamén a obriga de sermos activos na loita contra a contaminación medioambiental pois, se non somos nos os defensores da nosa terra, quen o será?

A terra ten un valor primordial na simboloxía dos galegos. Postos en comparación os habitantes do Estado español, é moi fácil falar con persoas nacidas en pequenas vilas casteláns que saíron do seu lugar de nacemento hai moitos anos e non teñen intención de volver a el máis nunca, pero non é fácil dar cun galego/a que non pense en volver á terra nalgún momento da súa vida. Os galegos/as podemos estar moi lonxe da nosa terra, pero a terra vai con nos, levámola impregnada no fondo do noso ser e sentimos os ataques contra ela como ataques a nos mesmos. A Terra é para nos o lugar que nos viu nacer, pero tamén é o lugar que queremos que nos vexa morrer. E no amor á terra propia levamos o amor a todo o planeta.

No canto de ver un desastre ecolóxico a xente responde cando ve o perigo na porta da casa. Si, a xente ten claro que non lle quere deixar aos fillos e netos unha herdanza de polución, contaminación e desfeita... pero... ¿teñen tamén esa conciencia os que provocan a contaminación? Evidentemente as grandes industrias contaminantes que promoven campañas a prol da sustentabilidade do planeta énchense a boca con grandes palabras: responsabilidade social, ecoloxía, conservación medio ambiental... ¿Pero canta credibilidade hai nesas palabras? Cada día menos. Cada día que pasa e seguimos vendo o planeta un pouco máis esnaquizado que o día anterior, temos máis claro que as campañas son só iso, campañas das grandes compañías para vender máis e durmir conciencias.

A conservación medioambiental, a loita contra a contaminación, a preservación da biodiversidade, as campañas polo uso racional dos recursos naturais son importantísimas e necesarias, a xente debe tomar conciencia da necesidade de non despilfarrarmos os recursos. Nun país coma o noso no que semella que a auga é infinita non é sinxelo concienciar as persoas das necesidades conservacionistas. Nun momento como o actual, co desastre nuclear do Xapón tan vivo, a celebración do día da Nai Terra cobra un sentido moi especial. ¿realmente é tan importante o progreso económico que compensa a posibilidade de padecer accidentes así? ¿fica por riba da vida humana e animal tan sinxelamente o progreso? Nestes días escoitase dicir en ámbitos de dereitas, que si a central nuclear do Xapón resistiu un tal terremoto/maremoto a seguridade da enerxía nuclear está garantida nun Estado como o español que non fica na rota dos terremotos. Pero os medidores atoparon contaminación vinda do Xapón en Cataluña e en Extremadura... A Terra é unha, a contaminación non entende de fronteiras, de progreso nin de países, e sofre igual por moi avanzado que sexa o país que provoca o desastre.

Segundo a declaración, o Día da Terra é unha festa que pertence á xente e non está regulada por unha soa entidade ou organismo; tampouco está relacionado con reivindicacións políticas, nacionais, relixiosas, ideolóxicas nin raciais.

Celebremos pois que aínda temos Terra, e sigamos loitando para que as grandes corporacións contaminantes entendan que os seres humanos queremos seguir vivindo nunha terra verde, co ar puro e o mar cheo de vida.