DÍA DA PATRIA GALEGA


Aproxímase o Día da Patria Galega. É unha data de grande importancia simbólica para os nacionalistas galegos. Loxicamente é tamén unha data que lembra e resume o ideario político de todos os que estamos por unha Galiza libre, soberana, digna. Unha data que ten resonancias sobre sectores da poboación máis alá dos que temos conciencia nacional galega, porque está convidando a asumir as nosas potencialidades como pobo diferente, a termos vontade de existir como tal, a non ficar pasivos vendo como o proceso de globalización pretende anularnos política e economicamente.

Aproveitemos para debullar as consecuencias prácticas que se derivan da nosa alternativa patriótica, nacionalista, neste contexto tan crítico. Comprobemos a necesidade e utilidade do nacionalismo para enfrontar os problemas do noso país, da nosa nación. Ao pobo galego cómprelle autoorganización, vertebrar instrumentos de acción social e política que o teñen como fonte de decisión libre. A única forma é apostar por un espazo de vertebración nitidamente nacional galego, sen subordinacións a estratexias ou deseños foráneos. Velaí a única maneira de garantir que temos capacidade de decisión nosa sobre nós mesmos, de exercer a autodeterminación, de sermos libres como pobo, de termos vontade política xenuína. A soberanía política é o corolario da autodeterminación. Mais non cabe a menor dúbida de que o feito de incentivar, defender e asumir alternativas a prol das maiorías sociais galegas significa xa unha formas de pensamento e comportamento só posíbel, de forma cabal e sincera, críbel, cando son estas maiorías as que ocupan o centro da focalización. Logo pois, as posicións antinacionalistas agochan sempre unha secundarización ou marxinación da nosa realidade na esfera da acción política. Galiza pasa a ser un apéndice da política española, e só en función dela é observada e manipulada. Todos os pobos, todas as nacións, necesitan contar con ferramentas de seu, con organizacións políticas, sindicais e sociais, para defender os seus intereses, para procurar solucións aos seus problemas, para avanzar e mudar nunha dirección positiva. Moito máis que nunca, agora nesta etapa de dominancia do capital financeiro e industrial transnacionalizado; no noso caso, no contexto tan agresivo e anulador da combinación Estado Español/Unión Europea.

O Goberno da Xunta, en mans do PP, expresa unha das versións máis abafantes desa visión de Galiza subordinada aos deseños alleos, externos, que están a levar á extinción dos nosos sectores produtivos estratéxicos, alén de infrinxir con entusiasmo propio a maior agresión desde dentro á nosa lingua e á nosa cultura. Nunha palabra, son a antítese da conciencia nacional galega, do nacionalismo, dunha Galiza con vontade propia e con dereito ao futuro. Non discordan para nada da política social e económica do Goberno central; agrávana aínda máis coas súas medidas nos ámbitos competenciais que lle son propios, o ensino, a sanidade, ou outros servizos públicos, incluídos os dispositivos contra os incendios, por exemplo. A obsesión única e íntima do Presidente Feijóo é colaborar a que gañe as eleccións o PP na España e ofrecerse como voluntario novamente a ocupar un cargo en Madrid. Certamente, a subordinación e a omisión, o esquecemento do propio país, caracterizan, en maior ou menor medida, todas as forzas políticas españolas, incluídas as de esquerda, actuantes na Galiza. Velaí o grande esforzo que ten que facer o nacionalismo galego, moitas veces en solitario, para existirmos como pobo, para non nos deixar despistar sobre os nosos problemas reais, para que pesen algo na balanza do Estado. Só da nosa actuación depende que a dos outros deba contar, en certa maneira, co pobo galego, e pensar tácticas que teñan en conta, en maior ou menor medida, os nosos problemas económicos, sociais, culturais e lingüísticos, ou os nosos dereitos colectivos.

Nas actuais circunstancias, non debemos esquecer que, non por casualidade, o cultivo da confusión social irá destinado, de forma prioritaria, a destruír máis a conciencia nacional galega, a debilitar a súa autoorganización, a facernos unha sociedade máis indefensa e dependente. Non en balde o nacionalismo galego, por ser unha alternativa de verdade internacionalista, sempre tivo claro o dereito de todos os pobos do mundo a existiren con dignidade e igualdade e a conviviren en paz. Antiimperialismo e pacifismo foron dous dos seus lemas fundacionais. O Día da Patria Galega é nada menos que a expresión simbólica dunha historia e dunha tradición, que resume o esforzo do pobo galego por existir, por vivir con dignidade e en paz na propia terra, só posíbel con mudanzas sociais, económicas e políticas, xustamente na antítese do deseño globalizador, oligárquico e opresivo, que o Estado Español e a UE representan.