Democracia e voto electrónico

Democracia e voto electrónico

Paseniñamente, sen presa, pero sen pausa, estase a introducir o voto electrónico nos procesos electorais na Galiza e no Estado. En cada proceso electoral de ámbito galego ou estatal os medios de comunicación infórmannos de que en tal colexio ou tal cidade pódese votar electronicamente, prescindindo das tradicionais papeletas. Así, se ninguén o remedia -xa entenderedes por que digo isto- de aquí a pouco votar, introducir na urna o voto da nosa organización política favorita, pasará á historia substituída pola "modernidade" (no sentido máis pexorativo do termo, como diría Rosa Díez) do voto electrónico, isto é, votar consistirá en marcar ou elixir o noso voto nun dispositivo electrónico.

En primeiro lugar o voto electrónico non resolve nada; o sistema actual de voto en urna non está en cuestión, xa que este funciona razoabelmente ben. Precisamente as acusación de fraude ou a ilegalidades denunciadas por todas as organizacións políticas galegas sobre o voto dos nosos emigrantes dánse precisamente por non votar en urna, unha esixencia que sempre demandou o BNG para garantir a limpeza do proceso. Sen embargo, os defensores do mesmo aluden á rapidez do escrutinio, á seguridade, aos custes... mais a realidade indica que isto é xusto ao contrario. Vexamos por que.

Rapidez no escrutinio? Nas últimas Eleccións Galegas os primeiros datos empezaron a coñecerse ás 10 da noite, 2 horas máis tarde de pechar os colexios. É iso un retraso que xustifique un cambio no sistema de votacións? Coido que non.

O voto electrónico é máis seguro? Non. No proceso de elección do Presidente dos Estados Unidos de 2000 déronse casos de fraude electoral precisamente nos colexios onde se instalaran máquinas electrónicas para votar. Un sistema de votación debe ser auditábel por calquera persoa. Co voto en urna, no momento do escrutinio, calquera persoa sabe poñer en distintos montóns os votos e contar; non se necesita ningún coñecemento máis. Co voto electrónico temos que confiar na máquina, e sabemos que as máquinas, os dispositivos electrónicos, fallan por múltiples razóns: un problema técnico, polo subministro eléctrico, un fallo do software, fallo do hardware, etc. Ou poden fallar intencionadamente, isto é, se son manipuladas para escrutar un resultado determinado e polo tanto fraudulento. En definitiva, que non está da man dos membros da mesa electoral, nin dos interventores e apoderados dos partidos auditar un dispositivo electrónico, e ter a completa seguridade de que a máquina non falla nin fallará; en todo caso este proceso de auditoría só está da man dun cos coñecementos técnicos acaídos. Ademais, ao non ser facilmente auditábeis por calquera persoa, con relativa facilidade se pode botar enriba a acusación de fraude, aínda que non o houbera. Por exemplo, isto mesmo aconteceu nas últimas eleccións presidenciais venezolanas, os detractores de Hugo Chávez acusaron ao goberno de fraude no proceso electoral, que, alimentado polos medios de comunicación deste país e dos de fóra, crearon un clima de tensión e desestabilización moi perigoso para un pobo.

É máis barato? Mentira. A cabina e a urna poden reutilizarse en moitos comicios. Os votos, evidentemente, hai que imprimilos para cada ocasión, pero a súa impresión é relativamente barata, xa que utilizan un papel de pouca calidade e a unha tinta. En cambio, un dispositivo electrónico hai que renovalo cada certo tempo, ben porque se avariou ou porque hai que actualizar o software e o hardware para novas funcionalidades.

É máis ecolóxico? Certo é que ver ciscados polo chan unha morea de papeis non é nin ecolóxico nin hixiénico, alén de todo o proceso de fabricación da pasta de papel que non se caracteriza precisamente pola súa limpeza. Mais un dispositivo electrónico está feito cunha morea de plásticos e compoñentes altamente contaminantes. Iso sen ter en conta que os dispositivos electrónicos están feitos, entre outros por Coltan, un mineral, cuxas reservas máis importantes se atopan na República Democrática do Congo, un país azoutado nos últimos anos por guerras e todo tipo de matanzas, cuxo cerne é precisamente a loita polo control deste material altamente demando no mundo occidental. Sería realmente terríbel que a nosa democracia se sustentara na miseria e na desgraza doutro pobo, e na morte de miles de persoas.

O voto electrónico é para todas as idades? Dubido moito. Seguramente a xente máis nova ou de mediana idade non teña dificultades en utilizar estes aparellos electrónicos de voto. Mais non se pode dicir o mesmo das persoas maiores, que teñen verdadeiros problemas para utilizar un aparello tan simple como pode ser un caixeiro automático, que leva entre nós seguramente máis de 30 anos, e sen embargo o seu uso non é masivo, todo o contrario. Un sistema de votación non pode ser excluínte.

Temos garantida a confidencialidade do noso voto? En informática todo é posíbel. Partindo da base de que todo software contén miles de liñas de código, cuxa comprensión non está ao alcance de calquera mortal, en absoluto temos garantido que non quede rexistrado que nós votamos a un partido determinado. O voto ten que ser segredo.

En definitiva, o voto electrónico non ofrece ningunha garantía nin vantaxe fronte ao voto tradicional en urna. É máis, e o que é máis perigoso, co voto electrónico estaremos deixando a nosa democracia en mans dunha ou dunhas poucas empresas privadas, cuns intereses moi determinados, que desde logo nada coincidentes cos dunha forza política transformadora como pode ser o BNG e cun país como pode ser Galiza.

Xa o dixo Richard Stallman, máximo defensor do software libre a nivel mundial, a tecnoloxía non é neutral e "o único sistema de confianza é votar con papel", isto é, en urna.