Déjà vu: “os do non” tiñan razón

Déjà vu: “os do non” tiñan razón

Todas e todos, algunha vez, tivemos a sensación de que o que estamos dicindo ou facendo xa o dixemos ou o fixemos antes, nunha época pasada, ou de que estamos nas mesmas circunstancias que hai tempo e sabemos, perfectamente, que vai acontecer a continuación. É o que se coñece como déjà vu. Non vou escribir neste artigo nin de neuroloxía nin de psicoloxía, vou escribir das advertencias do nacionalismo galego respecto de asuntos cruciais para os galegos e galegas que, malia as reiterar con argumentos sólidos, foron rexeitadas pola opinión pública. Sabedes que tanto o BNG como a CIG cargan con estigmas tanto por parte da dereita como da socialdemocracia polas súas propostas e análises rupturistas co capitalismo. Lonxe do “non critiques, non censures, non te queixes” como chaves máxicas do éxito, o nacionalismo galego traballou e traballa a longo prazo para mudar os males do sistema en que vivimos.

“Os do non”, así se refería, e aínda se refiren, tanto ao BNG como a CIG. E por que? Simplemente por cuestionaren o sistema, por cuestionaren o que aos poderes fácticos irrita, por navegar contra vento e maré e, impedidos polos medios de comunicación que acaban convertidos en negocio ao servizo do establishment. Porén, e por desgraza, o tempo estalle a dar a razón ao nacionalismo galego, como tamén lla dará no caso de non facermos nada por impedir os novos recortazos aprobados polo PP.

Advertencias sobre a UE

Exemplos temos abondo. Comecemos co máis representativo: a postura do nacionalismo galego sobre a Unión Europea, unha análise que custou críticas exacerbadas. Lembrades a consigna “Mercado Común Europeo, Ruína do Povo Galego”? Era ou non era a nosa ruína? Recuperemos tamén algunhas valoracións do BNG anos máis tarde, cando o Tratado da Unión Europea, no 1992. Falaba o BNG de “unha política de servidume absoluta á estratexia do grande capital transnacional”, “unha política letal para o desenvolvemento económico endóxeno dos diversos pobos europeos”, “unha política monetaria contumaz, ao servizo do capital financeiro, dirixida á creación dun Sistema Europeo de Bancos Centrais e un Banco Central Europeo reservados aos máis fortes, centrada tan só en impor uniformidades formais e nominais, e desentendida das diverxencias socioeconómicas reais que vai enxendrar ou agravar”, “unha política pseudoeuropeísta e realmente antieuropea”, “unha política antinacionalista, que practica a ignorancia expresa e intencionada dos feitos nacionais e das identidades dos pobos europeos”, “unha política profundamente antidemocrática”, “unha política policial e de xustiza represiva cara a dentro e e xenófoba e racista cara a fóra”, “unha política exterior militarista, de xendarme do imperialismo”... Penso que máis atinada a análise, improbábel.

Esta postura do BNG sobre o Tratado de Maastricht que ninguén no seu san xuízo pode hoxe negar, provocaron unha profunda ira contra o nacionalismo galego. É oportuno lembrar que mentres o BNG e a INTG facían campaña en contra, organización como CC OO e EU apoiaban a reforma, e o PSG-EG daba un si crítico, na mesma liña que a Confederación Europea de Sindicatos. A mesma ira suscitou a postura contraria do nacionalismo galego ao chamado tratado de Lisboa (ataque aos dereitos laborais, supeditación á economía de mercado, antinacionalista, antidemocrática...) ou á postura sobre a adopción do euro (o BNG alertara dos perigos dunha moeda única en países con economías e graos de desenvolvemento moi diferentes). E que aconteceu con todo o que prevían o BNG e a CIG? Pois, simplemente, que se plasmou en feitos. Velaquí temos o presente.

Advertencias sobre os nosos sectores produtivos

Poderíamos citar tamén a discriminación dos sectores produtivos estratéxicos galegos tanto pola política da Unión Europea como do Estado español. Lembrade as advertencias do BNG e da CIG sobre o sector leiteiro, sobre o naval, a pesca... Que aconteceu? Está mellor o noso agro, o mar, a industria? Obviamente, non. E recuperemos tamén a nosa postura do nacionalismo galego respecto das centrais hidroeléctricas? Que ocorreu? Espolio de terras e de recursos para beneficiar as empresas a costa dos galegos e das galegas.

Falemos agora do pequeno e do mediano comercio. Que dicían o BNG e a CIG respecto das grandes áreas comerciais en cidades como A Coruña? Non hai tanto, o ano pasado, acusaban o BNG de involucionista por amosar o seu rexeitamento á apertura de “el mayor centro comercial de España, y el tercer mayor centro comercial de Europa”, o Marineda City. Sobran os comentarios. Basta con pasear pola Rúa Real ou Santo André, con decenas de locais comerciais abandonados, e mesmo con achegarse a outro dos centros comerciais de máis sona da cidade, o Dolce Vita, coa pantasma do abandono da cadena Inditex e con decenas de estabelecementos fechados.

Advertencia sobre o espolio dos aforros

Capítulo aparte merecen as observacións sobre o proceso de bancarización das caixas. Tanto o BNG como a CIG sinalaban por activa e por pasiva os riscos da privatización e da bancarización ante os oídos xordos do PP na Xunta de Galiza e do PSOE no Goberno central. Agora hai lamentacións. E continúan os avisos sobre a máis que inminente absorción de Novagalicia Banco por unha entidade maior ou a súa venda a prezo de saldo ao capital estranxeiro. O BNG e a CIG esaxeraban, non? Pois, o tempo, volveu darlles a razón.

Advertencias sobre a reforma exprés da constitución española


Tamén é significativo o caso da reforma exprés da constitución española, pactada por PSOE e PP de costas á cidadanía. Foi tan exprés como o seus resultados, que xa podemos palpalos no presente. Que dicían o BNG e a CIG? Pois que recortaba o Estado de Benestar e que priorizaba a banca sobre as necesidades das persoa, ademais de restrinxir o déficit. Alertaban tamén de que todos os ingresos que entrasen nas Tesourerías das Administracións non serían destinados a financiar os servizos sociais, senón a pagar a débeda. E criticaban que limitaba a autonomía financeira de Galiza e facía imposíbel o autogoberno.

E tiñan ou non razón? Tristemente, si. As probas máis representativas témolas nos plans de axuste aprobados por concellos para pagar as facturas a provedores (o PP primou o pagamento da débeda á banca, hipotecando as arcas municipais até o 2022) ou cos recortes aprobados a semana pasada polo PP, en que, tamén, se primou a banca por riba das necesidades das maiorías sociais.

Advertencias sobre as reformas laborais


E, sobre as reformas laborais, tanto do PSOE como do PP? Esaxeraban o BNG e a CIG? Outra vez, non. Prevían que incrementarían o paro e que empobrecerían os traballadores e traballadoras, provocarían, en definitiva, maior precarización e afondarían na crise. Ademais, promoverían os chamados minijobs. Nada máis lonxe da realidade que sufrimos.

Quédanos ver tamén como, por desgraza, se cumpren as advertencias do BNG e da CIG sobre as privatizacións dos servizos sociais e a destrución do Estado de benestar con estas políticas ao servizo do capital ou sobre a reforma das pensións. Máis alá destas cuestións, tamén comprobaremos como con medidas como o decreto antigalego aprobado polo PP na Xunta de Galiza vai acabar coa nosa lingua ou como o AVE, sen un servizo ferroviario de proximidade, non vai ser a solución aos problemas de mobilidade que sufrimos en Galiza.

Hai que cambiar o compás dun sistema que nos arruína

Calquera persoa que non practique a miopía moral no seu grao máis narcisista pode comprobar a veracidade das análises do nacionalismo galego. Nin sequera o paquete de recortazos de Rajoy é quen de saciar a fame perpetua dos mercados, coa prima de risco polas nubes. O BNG e a CIG acreditan en que outra política é posíbel e en que hai alternativas. Por iso formulan con propostas concretas baseadas na soberanía, na democracia e no traballo. É posíbel cambiar o rumbo, cambiar o compás dun sistema que nos aboca as maiorías sociais á miseria e á ruína. Non deixemos que estas últimas advertencias se fagan realidade e esixámoslle ao PP que defenda dunha vez os intereses da clase traballadora, da maior parte da sociedade, e non das elites.

Entre todas e todos seguiremos pulando por cambiar a sociedade, porque a meta non é gobernar. A meta é a transformación social. Unha sociedade máis xusta e máis igualitaria.