De-(s)-ilusión
Dándolle voltas e voltas sobre o que ía contar desta vez no meu artigo, meteuse conversa polo medio sobre como explicar a situación económica e política actual, algo que me levou a reflexionar, unha vez máis, sobre a filosofía que rexe na cidadanía e na propia xente do BNG.
Por descontado que non fun capaz de chegar a bo fin nin de concretar nada que non fose o absurdo do comportamento da humanidade, na que, por suposto, me inclúo. Alén de metáforas capciosas ou palabras cargadas de simbolismo "libertador" redunda unha consistencia inadecuada que non fai máis que incidir na frase que todo o resume: Non hai nada que facer.
Falando cun compañeiro de traballo que insiste (con bastante razón) na sutileza de promover alegría aos artigos para poder transmitir unha pequena dose de optimismo e de esperanza, acabo por recoñecer que ao mellor non son a persoa propicio para tal fin, pero tamén insisto na necesidade de escoitar e ser escoitado. Poida que aí, nestes termos, radique parte da atrofia na cadea de transmisión dunhas ideas, dunhas propostas que poidan ser beneficiosas ao conxunto da sociedade. Para iso só é preciso, tempo, traballo, paciencia e sobre todo ilusión.
Todos e todas somos coñecedores dos causantes da crise, aínda que case nunca lles poñemos cara, rostro, nome e apelidos, pero non somos capaces de frear a concadenación de feitos que nos levan á perda de dereitos, de traballo, de dignidade. O que parece claro é que a xente quere traballar, a xente traballa e produce (coas súas variables) pero resulta que non atopa o seu sitio neste mundo e, pola contra, as grandes transnacionais enriquécense máis, as entidades bancarias teñen maiores beneficios, etc, e todo co beneplácito e axuda, tanto financeira como estrutural (diñeiro que é todos e todas), dos gobernos actuais (sexan de dereitas ou socialdemócratas) que lonxe de converterse en aliados da base do pobo foxen cara diante na busca do temporal acubillo das grandes riquezas e cotas de poder. Xa fai moito tempo que escoitei por primeira vez falar dos "lobbys" pero agora é cando sei o que significan realmente. En definitiva, uns poucos gobernan, controlan a unha maioría. A clase media está a punto de desaparecer tras dos soños de grandeza que nunca verán convertidos en realidade se non se aliñan a favor de corrente. Non conto nada novo, xa o sei, pero tampouco quero calar os meus adentros nin utilizar analoxismos confusos que enturben o conxunto dos feitos.
Chegados a este punto é cando temos que pararnos a pensar como fan as demais forzas políticas para seguir enganando ou engalanado as súas actuacións para non aparecer tan retratados como deberían. E só se me ocorre unha resposta: Presenza.
Resulta evidente que o diñeiro, a posición, o poder é un bo condicionante para optar por determinada forza política, obviando as contradicións que poda ter, os medos, a corrupción, etc, só se pode soster desta maneira, só se pode artellar, e máis en tempos de crise onde todo o que reluce é ouro, dende unha proposta de promesa individual, anulando ao colectivo e subtraéndolle toda posibilidade de existencia. Sálvese quen poda.
Só nos queda ilusión, forza, traballo e isto só se pode conseguir dende unha perspectiva positiva, amable, unificada pensando no común e non no individual, senón nós seremos iguais, seremos cómplices desta desfeita. Temos que transmitirlle á xente que noutros países nos que goberna a dereita están igual ou peor (agás o reino unido, bendito euro) e tomar as rúas escoitando. Só poderemos falar coa xente si somos capaces de escoitar antes. Pero todo isto só é posible con ilusión. Compre recordarlle á xente que outros países teñen pasado por épocas peores e teremos que aprender de cómo fixeron para saír, poñamos por caso Argentina e o idilio que tivo co FMI e o rexurdimento do comercio local, das pequenas empresas que lograron fixar un sustento a familias enteiras que hoxe poden falar, e... tantos casos que non collen aquí.
Pero isto só hai unha forma de conseguilo: con ilusión.
Temos unhas eleccións en novembro, falemos, escoitemos, deixemos de lado a superficie e adentrémonos no xerme, a nosa loita, o noso traballo, a nosa esperanza, son e teñen que ser fíos condutores que prendan no espertar da xente, nunha ollada ao futuro limpa de medos e nos permita disfrutar deste mundo.
Feliz San Froilán!