Curso escolar 2011-2012: máis privatización e menos educación

Curso escolar 2011-2012: máis privatización e menos educación

Todos os inicios de curso afloran, en boa medida, as insuficiencias, carencias e necesidades do sistema educativo galego, mais nunca coa gravidade do actual. O PP está aproveitando a crise económica para aplicar o seu proxecto educativo, inxerido no modelo neoliberal, que concibe a educación como un ben de consumo e non como un servizo público ao que todos e todas teñen dereito e que a administración debe garantir. Por iso, procura o desmantelamento do ensino público para avanzar na súa privatización e mercantilización. Isto é o que explica, en grande medida, os actuais recortes no ensino público que xa veñen precedidos dunha redución importante de profesorado no curso pasado. A realidade é que este curso escolar se inicia con 800 profesores/as menos na Educación Infantil e Primaria que se lle sumamos as supresións previstas para Secundaria, estariamos falando dunha redución de, aproximadamente, 2.000 profesores/as. Elimínanse máis de 3.000 postos escolares, desaparecen 156 unidades e péchanse 14 escolas unitarias. Constátase, pois, que, mentres se aplica "austeridade" e se é mesquiño co ensino público, abunda a magnanimidade co ensino privado, ampliándolle os concertos educativos para este curso en 9 unidades. O malgasto non ten límites se se trata de promover o afastamento do noso idioma do ensino, desfacerse dos libros de texto polo único delito de estaren en galego ou usar propaganda fraudulenta e partidista ao servizo da ideoloxía do Partido Popular.

A Consellaría de Educación continúa a facer uso do seu modus operandi -agardar ao período vacacional co obxecto de minorar as mobilizacións e a contestación social- para publicar toda unha batería de medidas lexislativas orientadas a minar o ensino público, atacar o idioma, desacreditar o profesorado, empeorar as súas condicións profesionais e incentivar a privatización do ensino. Durante este verán, entre outras disposicións, promulgaron a Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa, a orde de modificación do horario lectivo do profesorado, o decreto de supresión de Institutos de Educación Secundaria ou transformación en Centros Integrados, a orde que fixa os cadros de persoal dos centros de infantil e/ou primaria, a orde de concertos educativos e as ordes que desenvolven os regulamentos orgánicos das Escolas Oficiais de Idiomas, dos Conservatorios Profesionais de Música e das Escolas Superiores de Ensinanzas Artísticas. Confírmase, con este tipo de actuacións, que o actual Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, fiel representante e valedor do modelo educativo antigalego e ultraliberal do PP, atesoura un ronsel de actuacións e actitudes, nas que conflúen o autoritarismo e a impostura que, xunto coa ineficacia e irresponsabilidade e a súa visceralidade antigalega, conforman un cóctel perigoso e destrutor da educación pública en Galiza. Rexeita o diálogo, a negociación e o consenso. Infravalora e despreza todas as decisións e propostas dos órganos de negociación e de participación educativa, xa que a imposición é o seu sinal de identidade. Non dubida en ser un executor eficiente e submiso aos ditados de Feijoo e de Génova. Por iso, aproba un decreto de plurilingüismo para erradicar o noso idioma do ensino, elimina a gratuidade dos libros de texto, reduce, xerarquiza e españoliza a formación do profesorado, aplica verdadeiros ERE no ensino público; reconverte ou elimina Institutos de Educación Secundaria, rompe acordos sindicais unánimes e promulga unha lei de convivencia que comportará maiores conflitos e problemas nos centros. Esta lei, publicada o 30 de xullo de 2011, aprobada no Parlamento exclusivamente cos votos do PP, rexeitada polo Consello Escolar de Galiza e combatida pola CIG-Ensino, está motivada e promovida para dar soporte legal a futuras consultas ás familias sobre o uso do noso idioma no ensino, co fin de disfrazar o obxectivo real que é facer recuar, aínda máis, o ensino en galego. Trátase dunha lei centralista, inspirada en realidades educativas e sociais alleas a Galiza, que procura a resolución dos conflitos escolares mediante vías punitivas e coercitivas e non educativas, negando que a formación integral das persoas é a esencia da educación.

O inicio de curso realza a mercantilización, o clasismo e o reaccionarismo do actual modelo educativo, asentado nunha dobre rede, a pública e a privada concertada, que está subvencionada totalmente con diñeiro público, apropiándose do 11% (250 millóns de euros) do orzamento da Consellaría de Educación. Esta realidade tórnase aínda máis inaceptábel se temos en conta que, agás honrosas excepcións, os centros concertados pola Consellaría de Educación se nutren de idearios e proxectos educativos sexistas, segregacionistas e confesionais, onde convive o rezo coa iconografía relixiosa, e o creacionismo é a doutrina preferida para explicar a orixe do mundo. Centros que, mediante diferentes mecanismos, non teñen ningún reparo en seleccionar o alumnado, evitando, en grande medida, a escolarización do alumnado inmigrante ou con necesidades educativas especiais para así ir alimentando unha auréola de eficacia educativa e éxito escolar. Son centros herméticos, sen transparencia nin control social, carentes da máis mínima xestión democrática, onde a liberdade de cátedra é inexistente, as discrepancias están erradicadas, a opinión do profesorado secuestrada e os dereitos profesionais e laborais confiscados. Todo isto explica que non transcenda á opinión pública ningunha problemática nin conflitividade destes centros. A única voz autorizada é a da patronal do sector que, permanentemente, centra o seu discurso en demanda de máis recursos públicos para o ensino concertado. Este modelo educativo, que emana do artigo 27 da Constitución, foi reforzado e ampliado nas sucesivas leis orgánicas de educación (aprobadas todas, agás a de FP, con gobernos do PSOE), para satisfacer así a permanente insaciabilidade da cúpula da Igrexa Católica na súa pretensión de querer asegurar non só o negocio, senón tamén ampliar e garantir o control ideolóxico a través do sistema educativo. Isto explica que a escola concertada sexa hoxe maioritaria no ensino infantil e no ensino obrigatorio en cinco das sete cidades galegas e que, malia os recortes no ensino público, se continúe concertando o ensino non obrigatorio e se concerten novas unidades cada ano.

A carreira emprendida de persecución contra o noso idioma e o odio que lle profesa o actual goberno da Xunta, nomeadamente o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, condénsanse na promulgación do Decreto de Plurilingüismo, unha das maiores agresións ao noso idioma, que prohibe expresamente impartir en galego as materias do ámbito científico-tecnolóxico, desterra o ensino en galego da Educación Infantil e achanda o camiño para exterminar o noso idioma como lingua vehicular do ensino. Iníciase un novo curso co Conselleiro de Educación afirmándose como o axente máis activo da desgaleguización do ensino e converténdose no valedor, baixo a falacia do plurilingüismo, do inglés en detrimento do galego. A creación dos centros plurilingües -que non melloran a aprendizaxe dos idiomas estranxeiros, introducen factores de discriminación entre centros e favorecen o ensino concertado- pretende enredar a opinión pública para enmascarar o obxectivo real, que non é outro que desprestixiar o noso idioma para ir cara á substitución lingüística total. Hoxe, o 37% dos centros concertados que se transformaron en plurilingües imparten en inglés Coñecemento do Medio, materia de obrigada impartición en galego, sen que a cambio o galego pase a ser lingua vehicular doutra materia. O mesmo sucede co programa Abalar que ten os materiais exclusivamente en español para as materias de Matemáticas, Plástica, Tecnoloxía, Bioloxía e Educación Física, mentres que o 20% do material de Coñecemento do Medio e o 55% de Ciencias Socias e Bioloxía, materias de obrigada impartición en galego, está en español. É tal o desleixo da Consellaría para co noso idioma que só a vontade do profesorado fai posíbel que o ensino en galego non estea erradicado. O noso idioma sente unha presión abafante e a substitución lingüística avanza aceleradamente no ensino. Hoxe, o ensino en galego na Educación Infantil, nas cidades e vilas, é totalmente irrelevante e no resto dos niveis educativos non acada, nin sequera, o 20% da carga lectiva. Se a isto lle sumamos que o currículo escolar segue sendo alleo á nosa realidade social, á nosa historia, cultura, pensamento, territorio etc., a conclusión é evidente: o sistema educativo segue sendo unha ferramenta valiosísima de españolización, negándonos como galegos e atrancando así o noso futuro como nación que somos.

Este curso escolar terá menos profesorado, as aulas estarán máis masificadas, agruparase alumnado de niveis e/ou ciclos e idades diferentes nunha mesma aula, as necesidades educativas especiais non se atenderán adecuadamente e a orientación escolar será deficiente. Suprimiranse os desdobres, restrinxirase a atención á diversidade e os agrupamentos flexíbeis, suprimiranse os reforzos e apoios educativos, a atención personalizada farase imposíbel e numeroso profesorado terá que impartir materias das que non é especialista. Todo isto vai implicar non poder combater adecuadamente o fracaso escolar e o abandono temperá do sistema educativo. É dicir, a equidade educativa e a igualdade de oportunidades será unha declaración de intencións, mais non unha realidade educativa.

En definitiva, o PP, a través da Consellaría de Educación, planifica os recortes e o desmantelamento do ensino público para avanzar na privatización. Non ten límites no seu autoritarismo, intolerancia e nepotismo. Permanentemente vulnera as canles democráticas de negociación e de participación e non dúbida en usar o nepotismo para impor as súas decisións e o seu modelo educativo, sen lle importar as consecuencias negativas que comportan. Están dispostos a todo para perseguir o noso idioma e levar adiante a súa reaccionaria ideoloxía. Terxiversan, menten, ocultan información e desprestixian o profesorado co obxecto de recortar e deteriorar o ensino público, deixando desatendidas as necesidades educativas máis elementais, mentres malgastan diñeiro público para fortalecer o ensino privado e atacar o noso idioma.

Toda esta política educativa foi combatida e tivo acaída resposta con numerosas mobilizacións e accións. Agora toca intensificalas para mudar o rumbo da educación en Galiza e paralizar as continuas agresións ao ensino público, restabelecer o horario lectivo ao profesorado e incrementar os cadros de persoal nos centros. Por iso, desde a CIG-Ensino, promovemos un calendario de mobilizacións e folga xeral en todo o ensino non universitario galego para os días 21 e 27 de setembro.