Consorcios, convenios e contratos de xestión pública: a privatización da xestión dos montes veciñais arranca

Consorcios, convenios e contratos de xestión pública: a privatización da xestión dos montes veciñais arranca

Os consorcios e a súa transformación en convenios son figuras de xestión dos montes veciñais en man común procedentes do franquismo, cando os montes veciñais estaban usurpados a favor dos concellos e das deputacións. Esta xestión era levada adiante polo que se coñecía popularmente como "os da forestal". Xestión que, ademais de antipopular e colonial, foi tamén un desastre económico para os lexítimos titulares dos montes veciñais: os veciños e veciñas comuneiros; e polo tanto, para o medio rural (monocultivo, abandono, lumes).

Cando os montes veciñais en man común foron recuperados pola veciñanza comuneira, estes viñeron con débedas. Débedas cuantificadas pola Administración Pública, que se convertía deste xeito en xuíz e parte, e xa que logo, arbitrarias e falsas. Débedas que, en teoría, viñan ser a resultante da diferenza entre o investido no monte e recuperado a través das cortas de madeira, mais que sempre daban saldo negativo para a veciñanza comuneira e quemesmo chegaban a cifras desorbitantes (houbo montes veciñais en man común que foron recuperados con débedas de mais de 100 millóns de pesetas, pesetas da década dos 70/80 do século pasado).

Os montes veciñais en man común, recuperados pola veciñanza comuneira viñeron con hipotecas. Para rachar estes convenios e/ou consorcios; para poder xestiónalos directamente, había que pagar esas débedas irreais. Moitas comunidades de montes fixeron un tremendo esforzo e racharon os consorcios e/os convenios. Mais, outras moitas comunidades de montes non puideron facerlle fronte ás débedas e tiveron que apandar con elas. Con estas hipotecas e cunha Lei de Montes de Galiza, aprobada en solitario polo Partido Popular e sen consenso social, chegamos a día de hoxe.

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Mán Común (ORGACCMM), sempre manifestou que desde o ano 1975 (Congreso de montes veciñais celebrado en Ponteareas e Mondariz), o Partido Popular, sectores económicos, especulativos e urbanísticos e algunha que outra asociación forestal, tiveron como obxectivo a privatización dos montes veciñais. A unidade organizativa das comunidades de montes e o apoio da Alianza por un medio rural galego vivo (Adega, CIG ,FRUGA e ORGACCMM) impediu, unha vez máis, que na Lei de Montes de Galiza, aprobada en solitario polo Partido Popular e, sen consenso social, se procedese a privatizar os montes veciñais.

Mais si que o Partido Popular, na lei de montes recentemente aprobada, foi quén de preparar o terreo para entregarlle monte veciñal ás empresas privadas para privatizar a xestión dos montes veciñais. Isto faise no que se denomina na lei, os contratos voluntarios de xestión pública (artigo 123). O primeiro que chama a atención deste artigo da lei é a linguaxe perversa que utiliza a dereita económica (nomear un termo co significado contrario do que é), pensando que a cidadanía somos abofés. Porque estes contratos, nin son voluntarios, nin son de xestión pública.

Non son contratos voluntarios xa que a disposición transitoria novena da Lei de Montes de Galiza, recentemente aprobada, obriga aos montes veciñais consorciados ou conveniados (máis da metade do monte veciñal galego, o que veñen sendo máis de 200.00 has), nun prazo máximo de 4 anos, a asinar eses chamados contratos de xestión pública senón liquidan as débedas. Mais, esta obriga, non leva aparellada a condonación das falsas débedas. Estas convértense na primeira parte do anticipo reintegrábel. Por estas razóns, a Consellería de Medio Rural non aceptou a achega da ORGACCMM, que solicitaba a condonación das débedas dos consorcios e dos convenios.

Non son contratos de xestión pública, porque no artigo que fala deles (o artigo 123), di claramente que a xestión ou a execución dos contratos de xestión pública poden ser entregados a terceiras persoas físicas ou xurídicas. Non hai que ser moi espabilados para saber que estas terras veciñais usurpadas lle van ser entregadas ás Sociedades de Fomento Forestal (as SOFOR). É dicir, van ser entregadas ás entidades empresariais creadas nesta lexislatura política polo Partido Popular para xestionar monte veciñal .Por certo as Sociedades de fomento forestal (as SOFOR), idea "estrela" do Partido Popular foron aprobadas ao principio da lexislatura e aínda, por falta de terras, aínda non se conformou, nin a primeira. Agora o Partido Popular róuballe as terras (poden ser máis de 200.00 has) á veciñanza comuneira para entregarllas ás sociedades de fomento forestal (SOFOR).

É un roubo tan descarado que mesmo teñan a valentía de plasmar na Lei de Montes de Galiza, recen aprobada, que antes de entregarlle os montes veciñais ás empresas privadas, a Administración Pública elaborará o instrumento de xestión dos montes. É dicir, cos cartos de todos e todas, beneficiaranse as empresas privadas. Viva a austeridade do Presidente da Xunta de Galiza, o Sr Núñez Feixóo.

Estamos, xa que logo, ante un roubo, con todas as palabras, dos montes veciñais (titularidades comunitarias e singulares da nosa nación), para entregarllas ao capital. A defensa do monte veciñal faise con unidade, organización, xestións ante os Parlamentos e outras institucións, manifestacións... Mais, tamén se ten, se debe facer nos procesos electorais. Porque as eleccións tamén son unha ferramenta a utilizar para a defensa do monte veciñal. A veciñanza comuneira, como o resto do pobo galego, estamos ás urnas o día 21 de outubro.,Se cadra, fai anos, manifestar que outra política de montes diferente a do Partido Popular podería ser considerado un pouco falar para a feira. Mais, logo da xestión do BNG na Consellería do Medio Rural do goberno bipartito, a veciñanza comuneira puidemos comprobar que outra política de montes é posible. Que unha política que aposte por un monte veciñal multifuncional e sustentábel, que unha política que defenda a xestión comunitaria, veciñal dos recursos é posíbel. Esta comparación real de políticas de montes diferentes debe ser reflexada nas vindeiras eleccións do 21 de outubro.
A veciñanza comuneira se queremos defender o monte veciñal, non podemos caer no pesimismo, no fatalismo. Non se pode dicir que como a lei de montes xa está aprobada, on hai nada que facer. As leis apróbanas os Parlamentos, mais tamén as derogan os parlamentos. Cómpre pois reflexionar e o día 21 de outubro ir votar. Ir votar para que o Parlamento Galego teña unha composición de deputados e deputadas que fagan posíbel unha política de montes que defenda estas terras comunitarias. A dia de hoxe, a única forza política que, na teoría e na practica defende o monte veciñal é o BNG.

Evidentemente o escrito é unha opinión persoal Mesmo se pode alegar que é soamente referido a un sector do País. Mais é unha opinión contrastada polos feitos. Feitos que, como dirían os mariñeiros, están na patela.