Competencias e novo Estatuto
Estamos ante unha nova ofensiva recentralizadora do Estado. Por todas as vías posíbeis, e día si e día tamén, ínzannos de mensaxes das malicias do cativo sistema competencial autonómico. Ao mesmo tempo, representantes do PSOE galego lanzan o globo sonda da necesidade dun novo Estatuto e reclaman máis competencias para o noso País. E isto acontece cando celebramos un novo Día da Patria Galega rodeados de ataques ao galego, aos servizos públicos, aos nosos sinais de identidade...
Este ano o 25 de xullo puidemos comprobar xa os cambios en Compostela, cidade agora gobernada polo Partido Popular, cambios encamiñados a recortar as liberdades dos que non pensamos coma eles. Estamos ante unha etapa de cambios, pero cambios que non son positivos para as clases populares nin para Galiza.
En días pasados escoitamos como comunidades presididas polo PP inician un proceso de desmantelamento da estrutura competencial das comunidades autónomas, nunha estratexia que aposta por destruír a capacidade de decisión dos distintos gobernos pola vía da recentralización por abandono das súas competencias. É o caso de Murcia e Castela-A Mancha que ao parecer pretenden renunciar as súas competencias en xustiza. Pero esta decisión puntual non é casual. Está plenamente inserida nunha estratexia recentralizadora do PP que introduce esta mecánica para evidenciar que non é o Estado quen recupera algunha competencia, senón que son os gobernos autónomos os que se "decatan" da súa incapacidade. Que mellor mensaxe para desmontar as xustas reivindicacións de aqueles países que como Galiza demandamos un maior autogoberno como método de afrontar os nosos problemas do día a día. Non faltará aquí tamén quen se sume a esa propostas, pensando que é mellor que todo se decida e se xestione desde un único sitio, que se gasta menos e se é máis efectivo se se "globalizan" as decisións. Eses mesmos que esquecen que as realidades sociais e políticas son moi diferentes duns territorios a outros, e esquecen tamén que esta é unha nova manobra do PP para recuperar esa idea rancia de España, sempre semioculta nos seus programas. Non nos sorprendamos de que despois das eleccións Xerais, se finalmente se cumpren as perspectivas e as enquisas, o PP acomete políticas máis recentralizadoras aínda que as aplicadas polo actual goberno do PSOE. Contará coas repetidas e masivamente estendidas escusas: a austeridade e a necesidade de que todos os cidadáns teñan os mesmos dereitos e os mesmos servizos independentemente de onde vivan. E agora unha nova: as comunidades autónomas renuncian -"por sentidiño común"-, ás súas competencias. Algo no que o PP de Galiza vai por diante. Anda tolo o Sr. Feixóo intentando convencernos de que non se pode facer nada máis na sanidade nin no ensino, nin no sector agrario, nin no forestal ou industrial, porque non temos competencias e porque o Estado non lle dá a Galiza o que lle adebeda... E levamos así dous anos, dous anos nos que o PP se nega a falar de novo Estatuto e cando se fala de compentencias insiste en dicir que non estamos tan mal. Madia leva! Para que precisa Galiza máis competencias se xa dona Esperanza Aguirre nos cede coa súa grandísima magnanimidade, a representación que lle corresponde por quenda en Bruxelas en materia de pesca. O primeiro que cabe preguntarse é por que a Comunidade de Madrid ten representación a nivel europeo en materia de pesca. Desde logo non será porque teña mar, por moi capital do reino que sexa. E o PP galego, polo visto, feliz porque xa están representados os nosos intereses en Europa.
Curiosamente e precisamente agora, algún voceiro do PSOE alza a voz para dicir que fan falta máis competencias e que hai que chegar a un acordo para reformar o Estatuto. Cansan estas falsas manobras e estes escuros xiros. Que se aclaren dunha vez PP e PSOE na Galiza e que digan se realmente queren que teñamos máis competencias ou non, e se as queren, que as reclamen xa, de inmediato, porque non podemos perder máis tempo porque o noso país non pode seguir así.
Quen pense que se o PP volve gobernar no Estado poden mellorar as cousas, é que non está neste mundo. Sabémolo ben os galegos e as galegas. Non hai máis que ver o que está pasando nas cidades galegas que gobernan. Que mellor exemplo que Compostela para darse conta do que significa este Partido Popular de Feixóo e Rajoy.