Comezemos cun pouco de educación
Ao abeiro da proposta de "pacto de estado sobre a educación" que fixo o goberno español, parécenos de interese axudar a centrar o debate aportando algunhas ideas e un marco global sobre o que debe ser a educación, o papel dos gobernos e o lugar de Galiza.
QUE EDUCACIÓN.
Entendemos a Educación como formación integral, participativa e comunitaria, considerándoa unha necesidade básica alén das necesidades ligadas directamente coa supervivencia, que nos permite participar na cultura, un dereito esencial e a chave do desenvolvemento. O acceso ao coñecemento favorece a participación, a defensa dos dereitos individuais e colectivos, aumenta a calidade de vida e reduce a dependencia das persoas e dos grupos humanos respecto a diversas instancias de poder.
A educación é responsabilidade non só das aulas, senón tamén das familias, das políticas públicas e da propia sociedade. A situación sociocultural do alumnado e nomeadamente o seu contorno familiar tamén son decisivos. E tamén as novas estruturas familiares, que debemos asumir todos, pero de xeito moi salientábel a escola.
É na Ilustración cando o individuo se configura como suxeito de dereitos dentro da orde social establecida. A educación deixa de considerarse como un asunto individual, familiar e sectorial e se converte nunha cuestión social, nunha cuestión de estado. Debe consolidar os principios do novo estado liberal revolucionario, debe transformar as conciencias. A escola -escola de cidadanía- debía contribuír ao cambio social, baseada nunha educación racional, laica, artífice do cidadán. O ilustrado Condorcet dicía que "a relixión non ten cabida no ensino común". Para as mulleres, o acceso á educación e ao coñecemento non tivo lugar realmente até hai cincoenta anos.
"Sería realmente unha ilusión que os oprimidos puideran esperar que as elites de poder estimulasen un tipo de educación que as desenmascare máis aínda do que xa o fan as contradicións sociais en que se achan envoltas" dicía Paulo Freire, posibelmente un dos últimos pedagogos en analizar a educación de xeito integral. Freire entende o proceso educativo non como un mero depósito de coñecementos, senón como un acto cognoscente que serve á liberación crebando a contradición entre educador e educando. Orientada cara a acción e a reflexión das persoas sobre a realidade, destrúe a pasividade do educando que propicia a adaptación a unha situación opresiva. Isto tradúcese na procura da transformación da realidade, na que opresor e oprimido atoparán a liberdade humanizándose.
Á hora de facer unha reforma priorízase primeiro que o sistema educativo siga a ser unha máquina de etiquetaxe social, como dicía Marx: "A reprodución dos coñecementos escolares é a reprodución das desigualdades sociais". No estado español, isto pasa polo debate entre escola pública e privada. En segundo lugar, están os intereses corporativos dos diferentes colectivos que forman a comunidade escolar, e por último -e lonxe dos dous anteriores- está o que debemos transmitir, o que debemos ensinar. É de sentido dicir que isto último debería ser o primeiro e fundamental.
Outro factor necesario para unha mellora notábel da educación é a necesidade de mudar o modelo cultural masculino. Cómpre introducir, revalorizar todos os aspectos que se consideran tradicionalmente propios das mulleres, como o coidado e o diálogo, e rebaixar os niveis de violencia e competitividade.
A escola pública non debe ser un lugar asocial onde se prepara aos individuos para a competición laboral. Á hora de entender a función social da educación, debemos procurar que os que van vivir xuntos se eduquen xuntos. Os pais non poden marcar o currículo escolar.
GALIZA.
Galiza precisa un sistema educativo plenamente galego, planificado e ordenado en función das nosas necesidades, inserido na nosa realidade social, económica e cultural e ao servizo de todos os galegos e as galegas. Entendemos que para que haxa calidade e equidade educativa é preciso reafirmar a nosa identidade como pobo e galeguizar o ensino.
Con respecto á lingua -ao contrario do que se nos quere facer crer debido ás manipulacións de grupos minoritarios que procuran a desaparición do noso idioma- o galego sofre unha situación deficitaria no ensino e desproporcionada no seu uso respecto do español, cun estatus inferior ao castelán -xurídico, educativo e social- e ainda así poñemos boa cara e seguimos a procurar convencer a quen quere oir das virtudes de falarmos a lingua propia de Galiza, o noso legado cultural máis valioso.
A Núñez Feijoo "a imposición do galego" parécelle o problema máis urxente do pais. "Acaso non podemos aunar a liberdade individual e a normalización?", di Feijoo. Palabras baleiras. No sistema educativo, a "liberdade das familias" non consiste en determinar como vai ser a aprendizaxe, ou como se vai conseguir que o alumnado teña a mesma competencia nas dúas linguas oficiais do pais -porque isto querémolo todos, non?-. Separarán ao alumnado -"cando haxa cartos"- en función dos que queiran aprender a multiplicar pero non a restar? Ou haberá que preguntarlle aos pais se lles parece ben que a capital de Franza sexa París? (Por certo, podían preguntarlles pola gratuidade dos libros de texto ou polas horas de relixión). Ten dereito un alumno ou alumna a chegar ao final da súa escolarización e non ser quen de falar e escribir en galego ou esixirlle porque lle peta ("liberdade individual") ao profesor que fale en castelán?
O Pacto Educativo proposto polo Ministerio non debe en ningún caso reforzar o modelo centralista de PP e PSOE, sen ter en conta a realidade plurinacional e plurilingüística do estado español, nin facer concesións á patronal do ensino concertado, vinculado á Conferencia Episcopal, o que pode supor un aumento na privatización do ensino. Debe pola contra abordar con medidas concretas solucións para atallar o fracaso escolar e valorizar a profesión docente.
Un pouco de educación necesitamos para que os nosos nenos e nenas saian do sistema educativo sen parecerse a personaxes como Juán Cotino, John Cobra, Aznarou Rosa Díez, que estes días nos deron algunhas pinceladas do que non debe ser unha persoa educada.
Que terán estes personaxes en común? Irían á escola pública? Terían unha educación laica? Serían educados no respecto e na solidariedade, no recoñecemento dos outros?