Coa familia a voltas


Andamos de novo coa familia a voltas. Esta vez, polo proxecto de lei de familia que vén de aprobar o Goberno de Feixóo. Coincido con moitas das opinións que se teñen expresado, sobre todo, co contundente informe do Consello Económico e Social que resume esta lei como "regresiva, xa que leva implícitos graves recortes dos dereitos das mulleres". Asunto que me preocupa fondamente e me impulsou a escribir sobre este tema. Sobre todo, porque considero que debemos afinar ben ás nosas mensaxes para gañarmos a batalla das ideas, nun terreo que ten a súa complexidade e que pode ser confuso e distorsionador.

Se son sincera, recoñezo que penso que nos levan vantaxe. Contan cun potente aparato mediático ao seu servizo e levan décadas abonando o terreo. O goberno de Aznar foi unha peza clave nese proceso ideoloxizador. Mais non era unha illa. En Europa e no mundo hai tempo que asistimos a unha onda conservadurista que defende valores regresivos, concretamente o reforzamento do rol da familia tradicional e un regreso das mulleres ao fogar. Que ninguén interprete nesta apreciación derrotismo. As únicas batallas que se perden son as que non se dan, e temos a oportunidade de espilirnos e dar un debate social que desenmascare o discurso de fondo, a ideoloxía que hai detrás deste proxecto de lei.

A lei de familia é ante todo, e sobre todo, ideoloxía. Os seus artigos e disposicións esconden a idealización dun modelo familiar, o tradicional. Diciamos antes que este fenómeno non se dá só no estado español, mais o certo é que aquí ten connotacións diferentes. A retórica sobre a necesidade de protección da familia, esconde estrañeza do pasado, que por saúde democrática, debían ser desterradas. Senón consultade un texto dispoñíbel na páxina web da FAES, de Julio Iglesias de Ussel, ¿Que pasa con la Familia en España? que nos deixa perolas como: "Es mas, con la desaparición del franquismo lo hace también -en sucesivos cambios- el entorno protector de la familia tradicional, que da paso al acelerado proceso de transformación de la familia." Ou "Se reclama la participación dentro y fuera del hogar de los varones y mujeres, pero eso no impide exigir, por ejemplo, que la decisión de abortar corresponda en exclusiva a la mujer." Todo un síntoma das fontes nas que bebe o Proxecto de lei que, en breve, será discutido no Parlamento de Galiza.

Mais indo ao substancial, hai moitas razóns de fondo para cuestionar esta lei, por regresiva, rancia, hipócrita e cuestionar a liberdade e os dereitos das mulleres. Tomemos como síntoma o título, fala de familia e non de familias. Pode parecer unha cuestión menor o uso ou non dunha consonante. Porén, no caso que nos ocupa, ten moita relevancia. Falar de familias é recoñecer a pluralidade existente na sociedade galega. Acotala ao concepto "familia", indica a intención de promover un modelo de familia -o tradicional-. A diferenza é substancial.

Outro aspecto que está no debate é a necesidade de protección da familia. Penso que a "familia" como concepto, non precisa protección. O que debe facerse é afianzar os dereitos sociais das persoas e os pobos. É aquí vemos a hipocrisía da dereita. Detrás da retórica proteccionista, o PP non aporta solucións ás demandas que hoxe teñen as familias, fundamentalmente ás que teñen crianzas ou persoas maiores ao seu cargo. Só dúas pinceladas, teñen vinte centros de día construídos e pechados; en dous anos non licitaron, nin iniciaron, unha soa escola infantil.

É finalmente, esta lei non defende a maternidade. Fálase da protección da maternidade, é certo. Mais non se concibe a maternidade como dereito das mulleres a decidir cando e como queren ser nais. A óptica é ben distinta. A protección da maternidade é o envoltorio que esconde unha posición claramente antiabortista, é dicir, o cuestionamento dos avances que se teñen dado nos últimos anos -que por certo, tan tarde chegaron ao Estado Español. Sirvan como exemplo as referencias que se fan á obriga da Xunta de Galiza de facer campañas de promoción do dereito á vida en formación, ou a consideración dunha muller embarazada como unha familia. Isto é, defender que a vida existe no momento mesmo da concepción, cuestionando o dereito das mulleres a poder interromper o seu embarazo.

Por se isto non fóra suficiente, recollen a obriga legal de que a Xunta promova que as mulleres dean os seus fillos en adopción. Posición difícil de dixerir nun estado que se di social e de dereito, nun país que se teña por moderno e avanzado. Porque nun estado social, as institucións deben garantir os recursos e axudas para que as mulleres que queiran ser nais podan selo, non fomentar un modelo que as priva de exercer a súa maternidade. Conviría lembrarlles aos redactores desta lei, que a maternidade é algo máis que o feito de parir. Non quero imaxinar o que pode sentir unha muller que ten que renunciar á súa crianza. Mais isto, non lle preocupa ao PP, só alimentar a súa ideoloxía.