Centro de decisión galego ou obediencia estatal

Centro de decisión galego ou obediencia estatal

Somos unha nación politicamente dependente. En termos de marxismo clásico, diríamos que somos unha colonia. Desde Robert Lafont, poderíamos dicir que somos unha colonia interior. Estes enunciados non son pura abstracción. Concretízanse acotío, moito máis acotío do que pensamos. Levados pola vertixe da democracia mediática -o espazo en que a velocidade dos acontecimentos contrasta paradoxalmente coa quietude de fundo, co inmobilismo do establishment-, esquecemos moitas veces que non é posíbel entender nada se non nos tomamos distancia para contemplar o que pasa cunha certa perspectiva dialéctica. Se así fixermos, ollaríamos todo con moita clareza. Quizá con demasiada. Quizá o que vísemos mesmo nos produciría certo noxo. Mais é un exercicio necesario. O caos mediático inducido polos amos da información o que persegue é o barullo, o ruído, a confusión, que ninguén entenda. Ás veces mesmo nós nas nosas fileiras somos vítimas del. Ás veces as árbores do incendio diario -o titular a catro columnas, o artigo do columnista reputado- non nos permite ver o bosque -o que hai detrás do pano do cenario, as relacións de dominación.

Como somos unha nación politicamente dependente, os partidos políticos maioritarios non son máis que correas de transmisión do poder político metropolitano. Isto é unha evidencia, mais non sempre é unha evidencia que se perciba claramente polo noso pobo. A relación de dominación é tan nidia como que a noite sucede ao día, porén os aparatos de poder real -en mans dos que xestionan directa ou vicariamente a colonia- teñen suficientes mecanismos para, desde a propaganda, apresentar os factos de maneira retorta, desviar a atención cando fixer falta ou mesmo mentir aleivosamente. Todo vale para manter a ficción de que aquí existe o PSdeG ou o PPdeG, emboscados baixo o disfrace catch-all party do galeguismo (sic).

As ficcións do PSdeG e o PPdeG

E, porén, PSdeG e PPdeG son ficcións. Non teñen entidade real. Os partidos do bipartidismo estatal en Galiza son simples apéndices dos seus respectivos aparatos centrais. Madrid ordena, a organización española en Galiza obedece. Todo o máis que fan é algo de teatro -da pior especie, o sainete castizo- para que no patio de butacas non se ouzan demasiados apupos. Teatro necesario para combater o inimigo real do bipartidismo español. Iso que en Madrid consideran unha anomalía e que o Estado aínda soña con destruír. Iso chamado nacionalismo.

Na comedia das caixas de aforro, o PSdeG finxiu ao principio -o seu secretario xeral non tivo máis remedio que acudir á reunión de líderes proposta polo portavoz nacional do BNG-, mais conforme avanzaba a trama a carauta findou por esvarar e por caírselle da face. O Rei ficou nú ante a platea. Como bon xestor da dependencia política de Galiza -ese é o seu proxecto, como tamén é o do PP-, o PSdeG apresenta dúas tachas inherentes a súa condición: a) nen sequer é un partido rexionalista galego, é máis ben unha confederación de organizacións municipais e b) a súa obediencia estatal é estrita, dogmática, e nela non cabe nen sequer pactar teatralmente as discrepancias, como moi habelenciosamente fai o PSC do capitán Montilla.

Non vaiamos a descolonizarnos

Fai ben Guillerme Vázquez cando na controversia pública imputa ao PSdeG un comportamento que no PSC sería inconcebíbel. Este actúa como actúa porque Catalunya é unha nación sen Estado, pero en franco proceso de descolonización. Aquel axe como axe porque o seu proxecto é manter a relación de dominación tal cal, non vaiamos a descolonizarnos.

E o PPdeG? É evidente que no debate das caixas axiu sempre a reboque do BNG e non cómpre ser un ávido leitor de novela negra para sospeitar que o seu comportamento sería moi distinto se neste momento fose el quen gobernase en Madrid. É normal que o presidente da Xunta non tome el a iniciativa e a deixe en mans da terceira forza política galega? É lóxico que até agora o único líder galego que se teña entrevistado con Zapatero sexa Guillerme? Como é posíbel que durante case un mes os conselleiros Rueda e Currás aceptasen como interlocutor a un personaxe grotesco cuxo rango non alcanzaba sequer a condición de membro do Goberno español?

Perguntémonos tamén pola atitude dos deputados do PP galegos no Congreso. Certo é que votaron afirmativamente a moción do BNG en favor da retirada do recurso de inconstitucionalidade contra a lei de Caixas, mais tamén é verdade que a seguir apoiaron unha outra iniciativa do seu propio partido -defendida polo inefábel Montoro- nun sentido conceitualmente antitético ao da promovida polo nacionalismo galego.

Quedar ben sen gastar un peso

O oportunismo e a hipocresía debuxan a posición do PP neste drama. Como se diría coloquialmente, dá toda a impresión de que Feixóo quer quedar ben sen gastar un peso. Parecería que todo o que fai ten como obxectivo non o ben común, senón preservar o seu capital político e non ficar como o malo da película.

Se nos imos ao outro grande tema de debate estes meses, o da normalización do galego, aquí o PPdeG non se anda con tantos remilgos nen requilorios. Aquí comparece abertamente como o que é, como a terminal galega da caverna madrileña. En 2007 estaba no consenso previo ao decreto do bipartito e Manuela López Besteiro mesmo chegou a dar unha rolda de imprensa tripartita. Mais Madrid mandou parar. E o PPdeG, non por nada, senón porque é unha peza do mecano colonial, cambiou imediatamente de tocata e comezou a espallar polo país a mercadoría da imposición.

Se algo de positivo está a ter a discusión pública sobre as caixas é que paseniñamente se abre na conciencia popular a idea de que é positivo que os centros de decisión do poder financeiro estean en Galiza e non se expatrien.

O capital si ten patria

Este é un logro moi importante para o nacionalismo galego, porque racha coa tese posmoderna e cosmopolita -e terei que dicir tamén que antimarxista- de que o capital non ten patria. Claro que a ten e se o dubidamos botemos un ollo á nacionalidade das 500 maiores transnacionais do planeta e poñamos iso en relación coas desigualdades exponencialmente crecentes entre o Centro e a Periferia que caracterizan ao capitalismo na súa fase máis serodia.

De súpeto miles de galegos que quizá até agora non eran plenamente conscientes (ou vivían contaminados pola ideoloxía globalizadora) comezan a valorar que o centro de decisión sexa galego.

Temos agora que conseguir que esa mesma valoración se estenda tamén aos partidos políticos e se entenda que non é posíbel facer política galega desde Madrid e se comprenda que a expresión política das relacións de dominación que nos manteñen nunha posición de dependencia é a existencia desacomplexada das franquicias galegas do PSOE -vitoreando o recurso do Constitucional contra unha lei galega!- e do PP -rendindo tributo a Pedro Jota coa súa ofensiva contra a nosa lingua!

Apoloxía da dependencia

Para os soberanistas galegos, para os que defendemos un proxecto autodeterminista e popular, é fundamental desacreditar como contrarios a calquer hipótese de progreso de Galiza a aqueles que fan todos os días apoloxía da dependencia, da dependencia política (o que diga Madrid) e da dependencia económica (o que diga Emilio Botín e compañía).

O debate, para desalienar, é ese. Somos unha nación politicamente dependente, pero non debemos resignarnos a selo sempre. Hai responsábeis políticos con cara e ollos que viven da dependencia. Combatámolos e fagamos política para desvendar as relacións de dominación que subxacen ao balbordo mediático e que explican por que pasan as cousas que pasan.