Causas e efectos


Hai fundamentos sociais que deben ser tidos en conta a hora de planificar os pasos elixidos para ser a proxección política na cidadanía, ou sexa, a praxes na vida real superando dunha vez esas barreiras que sempre temos para coa xente, coa realidade do noso país.

Nunha conversa que tiven fai pouco alguén comentaba que o BNG nos tempos que estamos vivindo tiña que ser a vangarda, a bandeira izada ao vento da rebelión, da loita social e de clase, da defensa básica e inescusable dos sectores produtivos. Toda vez que chegábamos a un mínimo acordo sobre este fondo en certo modo transcendental comezou a discrepancia ou, por dicilo doutra forma, a posta en valor da tese que viñamos mantendo. Efectivamente esta persoa comentábame que o BNG non estaba a recoller todos eses debates ou cando menos non os debates senón os resultados que se podían dar. Está claro que a presenza do BNG na sociedade ou nos conflitos laborais existentes, nos conflitos económicos etc, non se corresponde con ese liderazgo que se correspondería, sobre todo nos sectores obreiros. Evidentemente temos que afrontar coa máxima realidade o futuro e presente do noso país, como forza política mais tamén como integrantes, cidadáns dun país por veces desmaiado. A sucesión de feitos que supoñen un risco importante na integridade ou na estabilidade da xente conduce a varios camiños, non un só e iso é o que debemos ter en conta. A refracción que a crise actual ten na sociedade galega non é precisamente de rebelión ou loita senón que amence na suavidade mais plácida (absurda se o analizáramos con intensidade) facendo que toda problemática se dilúa nun debate público no que todos son iguais e os político só van mirar polo seu e o debate privado (que non transcende fora do contorno mais íntimo) que deriva nun manso e submiso proceder para non molestar e conquerir algunha das esmolas que se distribúen como piruetas na porta dun colexio, como a peaxe menos acaída ou cálida que se pode mostrar. Os movementos que se veñen executando demostran a importancia destes feitos, plans de emprego ridículos, anuncios de novas contratacións e moitos milagres mais fan que o proceso de mobilización sexa unha quimera nos contos de mil e unha noites, unha historia para cada día, que acumula no cerebro da xente esa dose suficiente para inhibirse de protestar, de reclamar, de esixir, polo que poda pasar. Fomos carne de canón durante moitos anos, de laboratorio para experimentar esa fatídica frase de "dáme o mesmo" que nos acompañou por onde foramos e hoxe que podíamos ser avance na conquista doutro futuro menos acomplexado tropezamos coa dura inxesta dun capital e dunha clase política carente de escrúpulo e que acaba comerciando coas vontades e coas vidas da xente dun xeito totalmente anárquico e cavernícola. Hoxe que o pequeno ou mediano empresariado podería compoñer ese émbolo decidido que mantivera un pulso de modernización mental e social, económico tamén, pérdese na indecisión ou no medo como non facía tempo. E todo para nada, para soñar coas esmolas que o único que producen son dependencias como a mellor das drogas, e así volvemos a ter un tecido social á antiga, como no feudal, baixo a tutela dos señores do escuro cabalgando ás súas anchas na terra ancha da pobreza.

Deberemos ter en conta todo isto se a nosa perspectiva é menos electoral e mais social como forma acaída para loitar por unha terra mellor. Tampouco, que conste, debe servir como escusa para salpicar de medo ou de obxectivos os límites programáticos que como organización política debemos ter e manter, non somos un banco ou unha caixa somos e debemos ser a cabeza visible da esperanza dun mañá sen dúbidas, cando menos na transparencia da forma de actuar.