Castrelo de Miño


Había tempo que non viña a Castrelo. A Castrelo de Miño, claro. Aquel Castrum Minei, onde morou don Pedro Froilaz, Conde de Traba, nos tempos medievais do 1110. O aio do rei Alfonso VII, o bispo Xelmírez, dona Urraca e outros persoeiros protagonizaron importantes episodios, conflitivos todos eles, neste Castrelo de Miño da miña infancia.

Un das últimas veces que viñera a Castrelo fora na compaña de Manuel María e Saleta onde en varias xornadas visitamos as terras do Miño, do Avia e do norte de Portugal, tendo como residencia a casa patrucial de meus avós en Noallo de Abaixo. Recordamos como non os importantes acontecementos provocados pola construción do encoro nos anos sesenta do século pasado, onde outro conde tamén chamado Pedro coa axuda fundamental do ditador asulagou un dos vales máis fértiles do país. Era o feudalismo eléctrico de FENOSA que diría moi acertadamente don Ramón Otero Pedrayo. Teño comentado neutros lugares a importancia histórica na loita antifranquista , democrática, progresista e galeguista que supuxo o conflito de Castrelo de Miño. Singularmente para a Unión do Pobo Galego (UPG) e o Partido Comunista (PCE).

Nesta mesma mesa na que estou agora, corenta e cinco anos despois, véñenme a memoria aqueles acontecementos moi sufridos na casa pois meus avós tiñan nove fillos e roubábanlle as mellores terras pagándolle uns patacóns a cambio. Meu avó moi alporizado non deixou de batallar en ningún momento. Mandábanos aos netos escribir cartas de protesta a moitos lugares. Dende o concello ao xuíz ou mesmo a Franco. Lembro unha desas misivas que comezaba: Yo, José Rodríguez López, con DNI tal, denuncio que entre el Ayuntamiento y FENOSA me han robado...

Os meus ollos de neno enchíanse de bágoas e de lóstregos, que diría Celso Emilio Ferreiro, que por certo tamén foi protagonista importante nesta loita antifranquista. Recordo agora, nesta mesma mesa, como camiñaba dende Noallo ata as ribeiras do río en Barral, coa tarteira do almorzo para a familia que estaba a traballar nas fincas que alí tiñamos. Fincas como a Amieira, A Raña de Arriba e de Abaixo, a do Camiño do Barco... Lembranzas de neno na Cabreira ou na Illa dos soños. Soños asulagados pola barbarie capitalista.

Temos falado tamén moito co amigo Miro Casabella sobre aqueles feitos os que el tan ben soubo pór letra e música:

Romance de cego (Castrelo de Miño)

Miren, señores, que historia
dun pobo do noso Ourense,
que ten xuez, secretario
e tamén señor forense.

Cheio de uva e amor,
era un val tan fermosiño,
era en Galicia unha flor,
era Castrelo de Miño.

Astra que chegou o día,
nunha mañá moi fermosa,
en que chegou a Castrelo
o conde señor Fenosa.

Ademiraba aquil conde,
non as ringleiras do viño,
senón o embalse futuro
do meu Castrelo de Miño.

Cando en Castrelo se soupo
as intencións daquil conde,
o pobo en irmandade
ante a infamia responde.

Estas verbas dixo o conde:
-Si les jodo que más dá,
a mí lo que me interesa
es la electricidá.

O rei todopoderoso,
Paco o executador,
era amigo daquil conde,
Pedro o Inundador.

-Que el embalse se construya,
dixo Paco entusiasmado,
alí mandou cabaleiros
para impoñer o mandado.

Pedradas mandou o pobo,
que lles foron de perilla
pros que enchen de auga a Castrelo
e dan luz a Castilla.

Fíxose logo o embalse,
pagaron a patacón,
a vila un pedregallo
e a xente na emigración.

Ista foi a triste historia
dun pobo do noso Ourense
que ten xuez, secretario
e tamén señor forense.

Letra e música: Miro Casabella

Corenta e cinco anos despois sería bo que o Concello de Castrelo de Miño, agora con alcalde democrático e nacionalista, rendera homenaxe as persoas que sacrificaron parte da súa vida nesta loita e perpetuar na memoria colectiva o que supuxo Castrelo de Miño.