Cartos para circo mentres ficamos sen pan

Cartos para circo mentres ficamos sen pan

A taxa de desemprego no 21%, 28.000 fogares sen ingresos, o 45% dos traballadores e traballadoras non chegan a mileuristas, e o PP gasta millón e medio de euros en festas só na Coruña: 500.000 euros nun partido de baloncesto, 500.000 euros en tres días de regata ou 90.000, en touradas.

Agosto. Época de festas por antonomasia e A Coruña, cidade con tres desafiuzamentos por día, é o exemplo máis paradigmático de dispendio nestes tempos de recortes brutais e de agresións contra os dereitos laborais e sociais das persoas. Trátase da cidade de Galiza que máis gasta en festas, con máis de millón e medio de euros e cun mes enteiro de troula. O contexto xa é coñecido por todos e todas: a pantasma dunha intervención total do Estado español –que, realmente, xa está intervido de facto– e con grandes dúbidas sobre a solvencia da economía. Lembremos os números, que se traducen en persoas que sofren as dramáticas consecuencias dunha crise provocada polo neoliberalismo: o paro, desbocado en Galiza, cunha taxa que supera o 21 por cento, 28.000 fogares do noso país non conta con ningún tipo de ingreso e o 45 por cento dos asalariados e asalariadas galegas non chega nin a mileurista. Pan, apenas. Circo, todo.

Supoño que a Dores, Fernando, Helena, Lidia, María, Hadrián, Beatriz, Carme... e as máis de 260.000 persoas que se atopan no paro en Galiza, con fillos e fillas, hipotecas a pagar, e que sufrirán a inxusta suba do IVE a partir de setembro, pareceralles unha burla que o PP promova na Coruña unha festas que en nada se asemellan ao contexto de crise que padecemos. O mesmo pensarán as persoas que, desde que goberna o PP na cidade, teñen que pagar por recibir a axuda a domicilio ou os usuarios e usuarias do autobús, que padeceron a suba do prezo do billete malia os escandalosos beneficios da Compañía de Tranvías. O absurdo chega a tal punto que o Goberno do Sr. Negreira deixou sen orzar as festas nas contas municipais de 2012 e recorreu a dous modificativos de crédito para dotar o IMCE de fondos para a troula. Nun destes modificativos, a desvergoña do PP levou a recortarlle 120.000 euros á partida de Plan de Dinamización do Comercio para destinar eses cartos a festas. Porque, como saberedes, na Coruña non hai crise para o pequeno e mediano comercio. Ou si? Trátase da cidade na que hai un centro comercial por cada tres quilómetros cadrados e onde, no último ano, fecharon máis de 6.000 comercios. E isto, sen termos aínda en conta o impacto da liberalización dos horarios e do aumento do IVE.

Sigamos coa troula. Á marxe dunha programación de festas dunha concelleira que non gosta da cultura “demasiado gallega” –só incorporou o galego aos programas grazas ás repetidas denuncias da Mesa pola Normalización Lingüística–, é significativo poñermos de manifesto os 500.000 euros públicos gastados polo Sr. Negreira nun partido amigábel da selección española de baloncesto, os 90.000 euros en dous días de touradas ou os 500.000 euros en tres días de regata. No caso do baloncesto, o retorno non existiu, ao estar a publicidade xa comprometida e ao levar a Federación Española de Baloncesto –á que houbo que pagarlle un canon para celebrar o encontro de España no Coliseum– os cartos da venda das entradas. No que respecta á corrida de touros, cómpre lembrar o escurantismo das axudas públicas outorgadas polo PP á feira taurina malia a ridícula asistencia da poboación ás touradas. En vez de outorgar subvención directa, como viña realizando o PSOE –no último goberno co voto en contra do BNG no Padroado do IMCE–, o Sr. Negreira, que prometera acabar coas axudas públicas ás corridas de touros, optou por entregar os cartos dos coruñeses e coruñesas a esta tortura pola porta de atrás.,Capítulo á marxe merece a Tall Ships Races, regata que se podería celebrar coa metade do orzamento. Denunciou o Grupo Municipal do BNG o gasto de máis de 230.000 euros en imaxe, publicidade e propaganda, ou os 30.000 euros en canapés e comidas. Estas partidas contrastan co manual mediático do PP que, cando asumiu a Alcaldía da Coruña, anunciaba que suprimiría “los saraos y canapés”, un dos seus cabalos de batalla que tanto reprochou aos anteriores gobernos. Malia as proclamas de austeridade, o PP orzou 6.500 euros para unha cea para os capitáns da regata, 12.250 euros para o cátering dunha festa para os e as participantes ou 10.000 euros no acto gastronómico Tapas del mar. O dispendio non remata aquí. Do orzamento da Tall Ships Races hai que salientar os 20.800 euros da Precampaña Coruña e os 43.600 euros para a Campaña Galicia y resto. Tamén denunciou o BNG as partidas sorprendentemente duplicadas de aluguer do recinto do Palexco, 48.800 euros, a decoración da fachada, 17.700 euros, imaxes no edificio, 7.000 euros, outros 7.000 euros para rotular a gardería, 29.500 euros para sinaléctica, puntos de información e gardería, 11.800 euros para lonas e pantallas, 10.600 euros para arcos de entrada ou 12.400 euros para bandeirolas. A estas cantidades hai que sumarlle os 35.400 euros en vídeos e outros 4.800 nun concurso de fotos.

A que responde tanta troula? A manobra vén de vello, da época dos emperadores romanos: pan e circo, é dicir, a práctica dun goberno que, para manter tranquila a poboación ou para ocultar feitos polémicos prové as masas de alimento e entretemento populista. Porén, na actualidade óbviase o pan e só se lles outorga aos e ás cidadás circo. Os propios lemas das festas de María Pita, que colgan en forma de cartaces das edificacións da praza na que se erixe o consistorio coruñés, anima a xente a comer, a beber, a divertirse, a pasear, a bailar... e, pregúntome, con que cartos? O Goberno do PP recorre á táctica do retorno para xustificar o millón e medio en festas, mais dada a conxuntura económica penosa, quen vai consumir? Canto consumirá? Non hai que ser ningunha experta para saber que dado o empobrecemento ao que o neoliberalismo está a abocar as maiorías sociais as festas non van xerar nin riqueza nin van mover os negocios como poderían facelo hai anos.

Nada é casual. Os think tank do PP non deixan nada á improvisación logo das meteduras de pata dos últimos meses, con Rajoy escapando da prensa nos corredores do Congreso, ou “vibrando” cos partidos de España na Eurocopa, in situ, no campo. Agora toca facer ver a preocupación do Goberno central pola brutal crise que padecemos. Ollo cos movementos que afecten á imaxe pública. A Rajoy xa lle avisaron: nada de touros, con puro na boca, como nos anteriores anos, nada de cafés na terraza do Náutico de Sanxenxo e nada de bailes no Casino de Pontevedra. Este ano, paseo polo Salnés cos mandatarios do PP en Galiza e paseo no “Rocío Chico”, a ver se un milagre mariano arranxa a situación. E mentres, os demais gobernos locais e autonómicos do PP con circo, moito circo, e nada de pan. Hai que distraer a poboación para que non se rebele. A xente non é parva.