Cando toca facer de Subela...
Nun tempo en que eran comúns os alcumes sobrepostos aos nomes, tamén na familia, así, "A Subela", era chamada unha miña tía materna. Un irmán, o Xacarandas; un outro, o Mixiricas... e o mesmo pola aldea adiante. Aínda o galego tiña capacidade de reprodución fraseolóxica e enfática, aínda non padecía tanto coma hoxe a erosión e anemia inflixidas polo español. Lembrei o alcume cando, en moitas ocasións, vémonos obrigadas ou obrigados a furar na costra ou no coiro de pseudoverdades que, por conveniencia e mais por comenencia da orde de ideas dominantes, convén seguir distribuíndo e impondo.
Recentemente, nun debate televisivo, e após eu recordar que o Estatuto de Autonomía actual débese ao que Castelao resgatou, en plena guerra civil, para conseguir que tomase estado parlamentar e fose válido, por tanto, o plebiscito que o ratificara o 28 de Xuño de 1936, axiña xurdiron voces que, coa piadosa intención de xustificar o paupérrimo saldo de sufraxios que, no seu día, 1980, mereceu o Estatuto vixente, subliñaron a manipulación que sofrera a votación positiva daquel Estatuto de 1936. Falouse, mesmo, de pucherazo, como se nalgures e nalgunha edición houbese na Galiza eleicións limpas. Como, no escaso tempo concedido, quería aclarar que tipo de lei é o Estatuto vixente e, aínda, denunciar a exclusión-legalización negada do nacionalismo galego da altura (1977), mal puden, fóra dalgunha breve frase, precisar que o chamativo e digno de mención -ao menos, desde unha óptica de historia galega- será mesmamente recordar as condicións leoninas que os gobernos da 2ª República impuxeron á Galiza para o seu Estatuto de Autonomía poder existir, a demora inxustificábel con que foi autorizado o seu plebiscito e, en fin, as consecuencias desastrosas que para a mesma existencia da Galiza e das institucións republicanas nela actuantes representaron tais feitos.
Como Castelao relata, coa súa proverbial clarividencia, Cataluña foi autónoma por decreto, isto é, a recén instituída República española non ten máis remedio que legalizar a xa constituída República catalá: o goberno provisorio da primeira, a través de tres dos seus ministros, que se deslocan a Barcelona o 17 de Abril de 1931, parlamentan co goberno provisorio da segunda e, no día 21 deste mesmo mes e ano, a Gaceta de Madrid publica o decreto que recoñece a autonomía de Cataluña. É a partir deste feito cando a Generalitat elabora un proxecto de Estatuto, referendado en votación e entregado ás Cortes españolas antes de elas iniciaren a confección da Constitución española. O día 5 de Agosto de 1933, os concellos bascos aproban o Estatuto que se plebiscitaría o 5 de Novembro deste ano, mais que axiña foi boicotado polo goberno presidido por Lerroux. Resgatado en Abril de 1936, foi aprobado polo Parlamento español o 1 de Outubro de 1936, en plena guerra.
A reivindicación galega constante, nos sucesivos gobernos republicanos, para alén de urxir a celebración do plebiscito, consistía en que as dúas terceiras partes dos votos positivos ao Estatuto se computasen sobre o conxunto de votantes e non de eleitores. Eis as razóns aducidas: amplísima maioría, daquela, de eleitores do campo, con moitas máis dificuldades de votación; absoluta irregularidade dos censos (nen sequer resolvida, por certo, a día de hoxe...); emigrantes censados mais ausentes forzosos; cidadáns presentes que non o estaban, porén, no censo eleitoral... A emenda dos deputados galegos no sentido descrito (porcentaxe referida a votantes de facto e non a eleitores) foi desestimada, razón pola cal a votación do Estatuto, votado a favor por todas as forzas do Frente Popular, se realizou nas imposíbeis condicións nominais esixidas polo goberno.
Non é, xa que logo, este episodio o fotograma definitivo da secuencia histórica daquel rexime e daquel período. Si o son as seguintes datas: en 1931, Ricardo Carvalho Calero e Lois Tobío redixen o primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía para a Galiza, por certo, bastante máis avanzado e progresista do que finalmente foi aprobado. En Decembro de 1932, 256 concellos galegos (dun total de 319 e que representaban o 80% da poboación), secundan a proposta de Estatuto galego. Até o 28 de Xuño de 1936 non se pode celebrar, como xa dixemos, o plebiscito. No 15 de Xullo, dous-tres días antes do alzamento militar, é apresentado ao Presidente das Cortes e mais ao Presidente da República. Resgatado por Castelao (desaparecera da documentación parlamentar) e valéndose de Emilio González López como intermediario, por fin o Estatuto galego, con boicotes varios, socialista incluído, toma estado parlamentar nas Cortes da República reunidas en Montserrat, no 1 de Febreiro de 1938. Por fin, nas celebradas en México en 1945, aprobado definitivamente. O sangue dos mártires galegos selara, en novo plebiscito derivado do drama da guerra civil, a validade daquela consulta popular.
Galiza, como se ve, non andaba a dormir nen a esperar... Canto ao Estatuto vixente, isto é, ao que neste mes cumpre 30 anos de vida legal, só direi que do seu escasísimo apoio deberán responder os que o promoveron, cociñaron e formataron, non, obviamente, os que foron excluídos de calquer discusión previa. Igualmente, recordarei que non é unha carta legal emanada dun proceso constituínte galego, senón concedida, outorgada, desde o poder central español. Outramente: vai sendo moito horas de que se modernice e se reforme se se quer que funcione como un texto legal ao servizo da nación a que se aplica.