Cal é o significado de "abrirse á sociedade"?
Sempre se veu dicindo, desde que existe concorrencia partidaria a procesos electorais após a ditadura franquista, que o nacionalismo galego tiña de se abrir á sociedade. Moitas veces este era un discurso propio de medios de comunicación e comentaristas políticos nada partidarios do nacionalismo, que combatían teimosamente. Por que sería, entón, que os declarados inimigos desa opción política pedían a súa apertura á sociedade? Nun principio cabe pensar que non sería precisamente para lle botar unha man e fortalecer así a súa presenza social, como moito ben se acaba de demostrar nas últimas eleccións de 2009. Mais a verdade é que tamén non se viu nunca con moita clareza que era o que se quería dicir con 'abrirse á sociedade', ou cando menos un non o deu entendido ben. Aínda hai nisto unha cuestión máis de fondo: dise que o PP é o partido político que máis se parece á Galiza real e que por iso costuma gañar as eleccións; por consecuencia, cabería deducir que un partido nacionalista que aspirase ao triunfo electoral debería imitar o que fai o PP. Porén, sería así realmente? Ese último proceso electoral autonómico tamén pode orientar algo a resposta a esta pregunta.
Semella ben discutíbel o principio de que os partidos políticos deban parecerse o máis posíbel á maioría social que aspiran a representar e mesmo a gobernaren, pois desta forma eliminaríase a posibilidade de realizaren profundas e necesarias transformacións na sociedade. Se esta for, por razóns histórico-políticas, unha sociedade maioritariamente submisa, caciquil, con baixa autoestima, que despreza ou minusvalora o seu propio patrimonio e os seus principais sinais de identidade, deberá un partido político -nacionalista ou non, mais nomeadamente nacionalista- asumir eses valores sociais dominantes para conseguir o suceso nas urnas? En primeiro lugar, parece que non porque tal forza política carecería de utilidade ou funcionalidade social e perdería a súa razón de ser; en segundo lugar, porque con certeza tampouco obtería máis apoio social por existiren xa outras opcións partidarias que representan eses valores e, en troca, perdería o que ten. En resumo, un acha que os partidos políticos, embora manteñan unha forte conexión coa realidade social, non deben pretender ser como a propia sociedade. Deben ser instrumentos para a transformación desa sociedade e para a mellora das condicións de vida da xente. E, no caso dun partido nacionalista galego, debe tamén loitar pola defensa dos dereitos colectivos da nación e pola preservación dos seus sinais de identidade, a lingua o primeiro, aínda que esa non fose unha reclamación maioritaria da sociedade galega.
De lingua é do que aquí quería falar, aínda que para iso fose preciso dar unha volta pola política e dela continuarmos a falar máis un bocado, pois nada hai máis político que a propia lingua. Vén isto a conto de que non son só persoas contrarias á ideoloxía nacionalista as que demandan unha apertura do nacionalismo galego á sociedade; tamén desde dentro deste se vén reclamando hai moito tempo iso mesmo. Agora foi un grupo de alcaldes do BNG, saídos das urnas neste verán de 2011, o que voltou a facelo nun manifesto público. Mais neste non se achan, a meu ver, elementos concretos que orienten o que tal grupo entende por 'abrirse á sociedade'. Nun principio, isto soa ben. Un partido político debe estar en contacto coa sociedade, pulsar o seu sentir e as súas necesidades, coñecer ben as correntes de pensamento que a atravesan etc., para así poder axir adecuadamente. Isto parece obvio e pouco discutíbel, por conseguinte. No entanto, un gostaría de que se concretasen as propostas para tal apertura, para así poder saber que é o que realmente se propón, pois leva tempo coa mosca detrás da orella ao respecto.
El non será que cando se fala de que un partido político -ou unha fronte- nacionalista se abra á sociedade o que realmente se está a propor, sen o chegar a verbalizar con clareza, é que asuma o comportamento lingüístico da propia sociedade tanto na súa relación con esta como internamente? Porque se a sociedade usa o galego e o castelán, e mesmo este en exclusiva nuns determinados contextos, abrirse á sociedade pode querer significar facer como ela fai e unhas veces falar ou escribir nunha lingua e outras noutra. Se isto fose así, debería explicitarse ben para podermos saber de que se trata. E un di isto porque, por un lado, sempre tivo a impresión de se referiren á lingua os que facían tan inconcreta proposta, mais, por outro, porque leu recentemente nun medio de comunicación unhas declaracións dun alcalde que falaba como voceiro daquel grupo e, após as habituais e xenéricas manifestacións sobre a necesidade de apertura á sociedade -que supoño que ninguén discute nin impide-, cando o xornalista lle pediu concreción, o único exemplo que deu foi o da lingua, embora de forma igualmente imprecisa. Eis, pois, a confirmación da sospeita que un tiña. O nacionalismo galego debe abrirse á sociedade, nomeadamente no tema da lingua. E como se fai iso?
Toda a aclaración que realizou este alcalde é que os seus fillos falaban galego, mais tamén castelán e cada vez mellor o inglés, o cal viría a ser un exemplo persoal desa apertura social. Dito isto nese determinado contexto e facendo as precisas 'implicaturas', como nos ensina Grice, o que realmente parece querer dicir, ou o que podemos deducir desas palabras -a diferenza entre le dire e le dit de Ducrot-, son dúas cousas fundamentalmente: primeiro, que o BNG actual é un obstáculo para que as nosas crianzas aprendan o español e o inglés, e segundo, que abrirse á sociedade implica que o BNG utilice tamén o español na súa relación coa sociedade, e mesmo o inglés se for o caso, e que por tanto os seus dirixentes, militantes ou simpatizantes, tradicionalmente monolingües en galego como norma xeral de comportamento lingüístico, abandonen esta práctica e asuman con naturalidade tamén o uso do español; ou, dito con outras palabras e adoptando a argumentación dos que tradicionalmente se veñen opondo á normalización do galego, que o nacionalismo galego recoñeza formalmente que o español tamén é lingua propia da Galiza. Se iso é o que na realidade se propón, e tal parece ser acudindo mesmo á axuda da teoría da relevancia de Sperber e Wilson, o que se fai é darlle a razón ao PP e á política lingüística que está a desenvolver neste momento na Xunta, ratificando na práctica a doutrina lingüística deste partido (e tamén do PSOE, pois a diferenza entre eles é ben pequena neste e noutros temas). Mais para non termos de acudir ás técnicas, por forza inseguras, da análise do discurso, o mellor é que se dixese claramente o que se está a propor ao respecto, fornecéndolle ao alocutario as claves interpretativas da mensaxe que se pretende transmitir.
Que réditos políticos se derivarían de o BNG renunciar á práctica monolingüe? Chegaría mellor a súa mensaxe á sociedade e por tanto conectaría mellor con ela, isto é, sería máis escoitado e entendido, gañando por consecuencia máis apoio electoral? Un persoalmente está plenamente convencido de todo o contrario: non só non gañaría nada como perdería moito do que ten. De entrada, a lingua galega xa perdería un dos seus poucos puntos fortes, como sinalan todos os estudos sociolingüísticos: posuír unha sólida base de militantes resistentes e comprometidos no seu uso consciente. Mais perdería tamén o BNG, que se é votado por unha faixa máis ou menos ampla do electorado galego é precisamente por ter uns comportamentos e unha oferta política diferentes dos dous grandes partidos estatais. Facendo como eles fan non pode competir, pois teñen moitos máis medios e sempre sairán gañadores, alén de perder a súa credibilidade e mesmo a razón de ser como forza política nacionalista. Unha persoa galega pode estar en contra do galego, por antinatural que isto sexa, mais dificilmente vai entender que o BNG utilice o español ou renuncie á primacía social do galego.
A experiencia nacionalista no anterior goberno bipartido deixounos algunhas ensinanzas que conviría termos en conta. É claro que a política lingüística levada a cabo, baixo responsabilidade directa do PSOE se callar por falta de insistencia nacionalista, non foi nada agresiva nin especialmente decidida, mais non por iso deixou de ser munición electoral de groso calibre, convenientemente manipulada polos medios de comunicación e polo PP. O BNG, o único que perdeu representación parlamentar en marzo de 2009, puido ser castigado tanto pola política lingüística que fixo o PSOE e que socialmente se lle atribuíu a el, como nomeadamente pola que deixou de facer e que unha parte da sociedade quería que fixese ou esperaba que fixese. A modo de exemplo, nun colexio privado concertado, onde as aulas de lingua galega eran dadas de calquera maneira por persoal da orde relixiosa que o rexentaba e onde non se cumpría a norma de uso do galego noutras materias, o profesorado agardaba que a Administración axise e corrixise a situación, coas correspondentes sancións, e ao non ser así, sentiuse decepcionado e culpou diso o BNG, embora a responsabilidade directa fose dunha consellaría socialista.
Como máis outro exemplo, e seguindo as noticias dos xornais na altura, o daquela vicepresidente nacionalista da Xunta fora convidado a facer parte dun selecto clube financeiro (Iñás, A Coruña) e polas declaracións á imprensa dun 'persoeiro' asistente ao acto de recepción parece ser que o político nacionalista realizou o seu discurso de ingreso en español; esa mesma persoa, ben coñecida polas súas ideas conservadoras e antinacionalistas, lamentaba tal feito nas mesmas declaracións, aducindo que xa nin os nacionalistas defendían valores tradicionais como a lingua galega; isto foi dito por quen apoiou sempre na cidade da Coruña a política lingüística do vazquismo. Con seguranza, poucos votos debeu conseguir naquel foro o líder frontista a pesar dese xesto de apertura á sociedade. Este mesmo ex-dirixente nacionalista, a quen persoalmente lle teño un grande respecto, admiración e agradecemento pola súa entrega e dedicación á defensa da nación, igual que ás demais persoas que tiveron ou teñen responsabilidades similares, levou a cabo outros moitos xestos diso que tan vagamente poderiamos chamar 'abrirse á sociedade'. Cal foi o resultado? En 2009 o BNG perdeu máis de 40.000 votos e un escano no Parlamento galego, o cal supuxo a súa saída do goberno. Ben sabemos que nisto puideron influír moitos factores, mais se algo fica en claro, a meu ver, é que todas aquelas persoas que desde fóra do nacionalismo, e mesmo en oposición a el, lle reclaman determinadas aperturas e transformacións, cando estas se producen non só non o votan como mesmo llas acaban criticando; e, en troca, algúns votantes nacionalistas de sempre deixan de o seren.
Tampouco parecía este mesmo dirixente nacionalista, tanto por algunha declaración como pola súa propia praxe lingüística, especialmente refractario á idea de que os gobernantes deben falar como fala o pobo e que por tanto non é particularmente interesante ou mesmo conveniente esforzarse por falar un galego auténtico e de calidade. Será esta máis outra forma de 'abrirse á sociedade'? Con seguranza, unha parte importante da sociedade que fala en galego faino nun modelo deturpado pola progresiva e intensa castelanización, frecuentemente en castrapo, mais non semella que ese sexa un modelo adecuado para as persoas que dirixen ou representan o nacionalismo galego o imitaren. Mutatis mutandis, con todos os matices que se quixer, sería como realizaren actos corruptos desde o poder porque tamén na sociedade existe un alto grao de corrupción. É evidente que as clases dirixentes deben marcar unha liña de conduta exemplarizante, mesmo lingüisticamente. Ou é que tamén o nacionalismo debe renunciar, por exemplo, á auténtica e histórica denominación do país, 'Galiza', porque maioritariamente se impuxo a forma castelanizada? O pobo nin demanda nin precisa gobernantes que fagan como o común da xente. Precisa pautas de conduta e actuación que contribúan para a mellora ética, cultural, política e económica da sociedade.
En definitivo, 'abrirse á sociedade' non é imitar o peor dela, mais coñecela ben para a transformar en positivo. Os partidos políticos non se implantan socialmente a base de renunciaren ao que son e representan, todo o contrario. E unha organización política nacionalista que non faga da lingua galega a súa principal bandeira está condenada ao fracaso. Dito isto, que o nacionalismo se abra á sociedade todo canto for posíbel. E oxalá que ese grupo de alcaldes consiga que a maioría social dos seus concellos abrace o ideario nacionalista. Porque se supón que é diso do que se trata: que naqueles concellos onde gobernaren os nacionalistas aumente o benestar da cidadanía e, como consecuencia, a súa confianza no nacionalismo, non que os dirixentes nacionalistas locais renuncien ao seu ideario político ou o rebaixen para se adecuaren á suposta maioría social.