Brais Pinto, o afiador revolucionario

Brais Pinto, o afiador revolucionario

A casa de Casares Quiroga da cidade herculina acolleu no pasado mes de febreiro, unha exposición impulsada pola Delegación de Cultura do Concello da Coruña na que se facía un percorrido pola historia do colectivo Brais Pinto. A Fundación Bautista Álvarez quere achegar a través da súa fototeca unha mostra dela, convencida da necesidade de facer presente unha parte substantiva da nosa historia, introducindo claves que nos permitan coñecer e comprender ese grupo, na perspectiva de presentar unha realidade non deformada que non deixe portas abertas á mitificación e á manipulación.

Brais Pinto é máis que Bautista, que Patiño, que Arias, que Ferrín, que Lourenzo, que Bernardino, que Herminio, que Cribeiro. Brais Pinto é Don Ramón, dignidade galega, fronte ao Fraga franquista que determina o fin das viúvas dos vivos. Brais Pinto é Ben-Cho-Shey, teimosía patriótica, de quen se sentía mozo porque a loita seguía. Brais Pinto é Seoane, lenzo e patria, a debuxar o cadro que sempre quixera pintar. Brais Pinto e Velo e Soto, saúdos sempre na terra, de quen alén mar vían no horizonte o rumbo do barco no que sempre quixeron faenar. Brais Pinto é entrega propia da mocidade, valentía galega acreditada pola policía armada, inocencia sen prexuízos do pan que se está a enfornar, rebeldía contra os que predicaban apoliticismo co ABC baixo o brazo. Brais Pinto era, é amor de fillo.

O Grupo Brais Pinto creado en 1958 por estudantes e traballadores galegos residentes en Madrid vai ser unha realidade heteroxénea tanto na súa composición social como polas motivacións diversas que levaron á súa incorporación dos seus membros.

Así é todo, é a expresión dunha xeración que quer continuar co legado do Partido Galeguista, hipotecado polos dirixentes de Galaxia, se ben a súa actividade quede limitado ao campo cultural onde destaca a posta marcha dunha colección de poesía, xénero literario que non cubría Galaxia, na que Otero publicará o seu único poemario. Pensamos que non é casual que Otero se prestase a apadriñar esta aventura editorial, nin tampouco as relacións que mantería cos nacionalistas madrileños nos anos sucesivos pola contra é unha mostra da incomodidade coa que don Ramón se atopaba diante da orientación que os galaxiáns lle imprimiran ao nacionalismo e do que dan conta diversos escritos do de Trasalba.

Son moitos os que tenden a estabelecer unha relación causal, buscando en Brais Pinto mesmamente as orixes, entre a desaparición deste grupo e a creación da UPG. Se ben é certo que algúns dos Brais Pinto aparecen na constitución da UPG, Brais Pinto pola contra xoga ao noso entender un papel retardatario na súa constitución pola influencia do piñeirismo nalgúns membros do grupo madrileño.

Isto non quita que este grupo supón xa a expresión da contestación á inhibición imposta polo piñeirismo, a práctica política no campo do nacionalismo por parte dos sectores mozos, da reivindicación do corpo doutrinal de Castelao e nomeadamente da súa dimensión política e tamén ponte entre o exilio e interior. Ou se se quere doutro xeito, evidencia xa a existencia de dúas posicións contrapostas. Por unha banda, o proxecto de Galaxia, que na tradición risquiana pretendía limitar a actuación do galeguismo ao campo cultural con certo bafo da filosofía alemá máis reaccionaria; pola outra, o proxecto histórico do nacionalismo galego sistematizado no Sempre en Galiza e anovado cos folgos das loitas de liberación nacional que se vivían nos países en proceso de descolonización.

Afirmaba Carlos Velo, nas páxinas de Vieiros, que Galiza tiña dúas opcións: parir unha xeración como Brais Pinto ou morrer. O parto foi doloroso, porén a semente do proxecto do colectivo xurdido na capital da metrópole, que antecedía ao Fato Castelao e precedía ao Clube de Amigos da Unesco, deu froitos. En definitiva a realidade e o tempo que son teimosos, deron a razón ás propostas dos nacionalistas galegos en Madrid, fronte a outras alternativas que só deixaron pouso no xeito de facer ou de operar dalgúns dos seus confesionais por moito que renegaran delas.