Baixarse do coche oficial
Rematou agosto con chuvia. Mais hai chuvia e tormentas máis alá da meteoroloxía. O ocaso de agosto deixa tras de si unha reforma constitucional e novos recortes sociais que profetizan un futuro ben duro para a nosa sociedade. Coa que está caendo dicir que hai déficits democráticos no estado español é un eufemismo para ocultar a veracidade das teorías que nos falan da ditadura dos mercados. A propaganda -que non información- oculta as posicións contrarias, e cando as nomeas xa as descualifica de antemán, advertindo de que "son as posicións de grupos minoritarios". A opinión da sociedade redúcese ao que pensan Rajoy e Zapatero, como se non houber un corpo social importantísimo que discrepa das medidas que se toman. Seica isto é a democracia!
Porén hai outro asunto, que aínda sendo menor, tivo a súa relevancia nestes días. Refírome a decisión adoptada pola executiva do BNG de que o membro na mesa do Parlamento renuncie ao uso de coche oficial. É curioso que ante unha medida deste tipo, os "campións da austeridade" non queiran sumarse ao carro e lle adiquen adxectivos tan gastados (polo uso que del fan) como demagóxica. Nada máis lonxe da realidade. Comparto a decisión e penso que son exemplos necesarios e edificantes nos tempos que corren. Non hai demagoxia no asunto. A cuestión non é que existan coches oficiais. Simplemente a constatación de que as responsabilidades asociadas a estar na Mesa do Parlamento non requiren dese instrumento.
En honor a verdade -e a propia historia- convén lembrar, que non é a primeira vez na historia do Parlamento que isto pasa. Xa Bautista Álvarez, cando foi membro da Mesa, declinara o uso de vehículo e chofer. Iso si, non recordo que a aquela altura existira o balbordo mediático que hai na actualidade. Seguramente, naquel momento, non interesaba falar do asunto. Sei ben, que haberá quen aproveiten este xesto para descualificar aos representantes políticos e a política mesma. Mais tamén cómpren os exemplos positivos que fagan visíbel que non somos todos e todas iguais.
Agora, fica por resolver que decisión adoptarán PP e PSOE. As primeiras sensacións non foron boas. Segundo as crónicas xornalísticas "están molestos". Reacción que causa abraio provindo de representantes de forzas políticas que están anunciando e practicando recortes para as maiorías sociais en nome da austeridade. O debate clave no futuro está na política económica e no modelo social, non no uso de coches oficiais. É certo. Tampouco o BNG pretende facer disto o eixo da vida política na Galiza. Mais algúns (sobre todo aos membros dos gobernos central e galego) ben lles cumpriría "baixarse do coche oficial", pisar terra firme e comprobar en primeira persoa, o drama e inxustizas que causan as regresivas medidas que adoptan con tanta lixeireza contra as clases traballadoras e populares.