As voces comprometidas
Resulta sorprendente comprobar como se pode ilusionar un sector da poboación con propostas estereotipadas, inxenuas e contraditorias, se o envoltorio e as formas aparecen como novas e inmaculadas. Tan abraiante como constatar a fe nunha mudanza colectiva a base de subliñar o individualismo, o ego e a suposta capacidade das novas tecnoloxías -as redes sociais- para superar e suplantar as organizacións colectivas actuantes na sociedade de forma constante e con obxectivos definidos, chámense partidos ou sindicatos. Non serei eu quen negue a esclerose de determinadas alternativas e actuacións, a burocracia doutras e o abafante colaboracionismo da maioría delas co sistema corrupto e as súas medidas antisociais, contra a maioría, nunha situación tan crítica como a que vivimos. Pode parecer paradoxal que se tomen mesmo co aval de maiorías parlamentares, logradas grazas a maiorías sociais electorais. Unha das perversidades dos actuais réximes democráticos occidentais é a relativa facilidade con que conseguen enlear a poboación nas receitas cuxas consecuencias a mesma sociedade desaproba máis tarde. Algo terá que ver esta dinámica coa crenza colectiva de que, fóra deste marco e deseño, non existe posibilidade de vida, polo que, ao cabo, a resignación sadomasoquista e o medo nos aferrollan. Tampouco sería obxectivo esquecernos do importante papel conformador de opinión, de actitudes, crenzas e lexitimidades, que teñen os medios de comunicación, afanados nun impacto masivo a prol do sistema vixente como o mellor dos mundos imaxinábeis. A falta de debate e contraste real é a norma: a despolitización masiva, politizada en forma de descrédito e deslexitimación da política, de toda política, vén estreitar a espiral infernal de acomodación ao poder existente, dominante.
Afortunadamente, e como non podía ser menos, xa temos as opinións, análises e propostas, todas por escrito, dos que se autoproclaman "voces comprometidas do 15-M". En particular, de quen recoñece estar organizado na rede social e na relación persoal e presencial, con reunións ad hoc, baixo a denominación Democracia real ya! Cun título de pretensión abusiva, Nosotros los indignados (edicións Destino, Barcelona, xullo, 2011), algúns dos que actuaron, en maior ou menor medida, como portavoces do movemento, unha en Barcelona, Klaudia Álvarez, e outros tres, Pablo Gallego, Fabio Gándara e Óscar Rivas, en Madrid, manifestan, mal que lles pese, a súa ideoloxía, de forma inevitábel e lexítima, como non podía ser menos. Os seus escritos, con todos os requisitos da mercadotecnia política, revelan algúns "principios" (?), por respectarmos a súa terminoloxía de raíz moralista, sintomáticos. Dos silencios indicativos e do evanxelismo laico, epigonal respecto da ideoloxía burguesa revolucionaria dos séculos XVIII e XIX, non falaremos. Si o faremos dos seus medos refractarios a eventuais desenvolvementos da historia e a determinadas saídas democráticas dos pobos tamén.
Hai tres denominadores básicos, comúns a estas voces "comprometidas". O primeiro é a aceptación da globalización política, económica e cultural como algo positivo, da que se induce unha globalización da cidadanía, dos dereitos políticos do individuo, un ente abstracto sen condicionantes nacionais, de cultura, de lingua, de clase, de historia. A tarefa consiste en democratizar, nun sentido "liberal", a globalización, segundo eles. As redes sociais servirían para esta aparente superación individual das condicións de espazo, tempo, realidade concreta, dialéctica colectiva na que o individuo, a persoa, está inmerso, e da que, en certa maneira, é produto, queira ou non. Non é casual que as voces "comprometidas" correspondan todas a persoas con estudos universitarios, con previa experiencia egocéntrica en internet, e con aspiracións dentro do sistema que, coa actual crise, ven perigar seriamente. Alén da ambición individual polo ascenso económico e social, é tamén significativo que estean vinculados ao mundo das comunicacións e das transnacionais, con másteres acumulativos. Unha tipoloxía que, na súa especificidades, se cre universal. A súa aparente desnacionalización non consegue agochar, en moitos dos seus tics, a españolidade que rexe os seus "principios" e as súas propostas, sempre adornadas de universalismo cosmopolita e de europeísmo. Naturalmente, o seu país, a súa referencia próxima e nacional é España.
O segundo denominador común, corolario do primeiro, é a identificación da Unión Europea como un espazo político e económico privilexiado desta globalización. A esperanza de Pablo Gallego, gaditano, que traballa nunha transnacional alemá en Madrid, por exemplo, consiste en que a Unión dea un paso máis na perspectiva das súas expectativas, que el converte nas da súa xeración. Cais son? Tomaren as rendas dunha Europa Unida, máis competitiva, un espazo político cheo de oportunidades e con boa calidade de vida, proclama. Xa ven o optimismo, a fe radical na evolución do sistema capitalista global. Unha esperanza que reproduce os clixés propagandísticos da Unión Europea realmente existente. A fe europeísta destes indignados concretos, tan característica do réxime español vixente, maniféstase nunha medida só comparábel á aversión contra o nacionalismo dentro do Estado español. Ningunha novidade baixo o sol: son fillos políticos da política que din deostar. Para o noso galego, Fabio Gándara, o máis crítico coa UE, en vista de que non se pode obviar xa que é "un instrumento de los servicios financieros y de las grandes corporaciones" (p. 46), só necesita unha reorientación. Non hai problema: os cambios reais nas nosas vidas, din, virán dunha UE dos cidadáns, obxectivo desta cidadanía global europea que eles queren representar. O malo é que as mudanzas, colectivas e individuais, non digamos no caso galego, veñen, desde hai moitos anos, de alí, co beneplácito de España, non precisamente para ben. Cambiará de rumbo a UE verbo da Galiza, se non existe nen decisión nen vontade política nen capacidade do pobo galego para esixila en defensa dos seus intereses e dos seus dereitos? Serán os galegos e galegas de mente globalizada e transnacionalizada os que se preocupen desta mudanza? Será unha política fundamentada no cidadán abstracto, xeral, global da UE, que sempre acaba por tomar corpo nunha versión tanxíbel e interesada, a que oriente a UE nunha dirección ao servizo de todos os pobos e nacións por igual, con dereitos inalienábeis, precisamente para un desenvolvemento equilibrado e harmónico do mundo, en todas as ordes?
O terceiro denominador é central, vertebrador, principio nucleador do fundamentalismo individualista, manifestación confesional dun liberalismo, hoxe non sei se cínico ou simplemente idílico e romántico. Algo así como o catolicismo que profesan moitos: Cristo existiu, a súa obra evanxélica tamén; a vida debe estar nel fundamentada. Mais a concreción eclesial, tan distante e antagónica, non se pode combater e a ela debemos acatamento práctico. Esta dualidade, que se traduce na aceptación do realmente existente, resulta pouco romántica e inxenua. Quen traballa para unha multinacional alemá, país ao que considera dun nivel competitivo superior, fronte á periferia europea con gobernos "corruptos", como opina o indignado Pablo, é o encargado de lanzar a frecha e dar na diana, no principio reitor. Non me podo resistir a transcribir o seu evanxeo: "Yo planteo que el marcado debe ser realmente libre, y que sólo así conseguiremos una democracia real" (p. 31). Deus meu, máis de dous séculos de capitalismo para isto!!! Versículo seguinte: "El Estado no debe ser el creador de puestos de trabajo, eso debe hacerlo la iniciativa privada" (ibidem). Virxe dos Desamparados, coa que está a caer, cumpría que o catecismo antisocial, non digo xa o antisocialismo real, o propalase un mozo indignado? Agardo que o noso Fabio, afanado nunha oposición a funcionario nivel A, exprese a súa crítica indignada. Mais non hai de que se preocupar. A catequese liberal ten a súa consolación: a iniciativa privada son os pequenos empresarios e os emprendedores. Os outros, aos que hai que meter en cintura, aplicarémoslle unha regulación máis rigorosa; no caso da Banca, ¡un código ético!
Destes elementos vertebradores do discurso ideolóxico e político destas voces comprometidas, despréndense uns medos a esconxurar nesta aspiración de democracia global: o islamismo cos seus líderes integristas; a saída do euro de países como Grecia e o perigo de que o 15M se converta nunha ideoloxía "excluínte". Os prexuízos eurocéntricos e unha concepción da democracia limitada a certos parámetros teñen moito a ver co deseño imperial dominante. Sobre o 15M non sei se queren o seu continuo camuflaxe para facer política sen asumilo, ou se temen unha definición teórica e práctica que o conduza a un combate contra o sistema. Malia toda a retórica xusticeira e crítica co "neocapitalismo", así o chaman para salvar o capitalismo ideal que profesan, estas voces comprometidas sacralizan os mitos que deron lugar ao sistema realmente existente, co individualismo competitivo e o mercado libre como bandeiras. Aspiran a rexenerar o modelo vixente para que lles dea saída ás súas aspiracións individuais. A reforma da Lei Electoral, desde os elementos vertebradores que sustentan os seus discursos, favorecerá maiorías estatais ou globais, incentivará protagonismos personalistas en minorías atomizadas e dificultará a presenza da diversidade nacional do Estado...
Sorprende que, nun mundo tan duro e de poderes tan descarados, concentrados e xerarquizados, se nos intente convencer de que é difícil sinalar un inimigo claro e unívoco, como opina Fabio Gándara, o máis crítico co sistema. Será por iso polo que, ao final, o inimigo principal do 15M parecían ser os políticos, a política, os partidos e os sindicatos, moi por enriba dos banqueiros e da banca, das corporacións transnacionais ou do FMI, o BCE, a Comisión Europea ou a OTAN...Quero pensar que a inxenuidade existe, malia vaia acompañada de certa soberbia individualista. O máis vello, Óscar Rivas, é o único que detecta a dificultade para lograr consensos de mínimos nas Asembleas Xerais e recoñece o bo trato dado polos medios ao movemento do 15M. Por algo será, pois teñen propietarios ben definidos e comprometidos co sistema. Como a editorial que publica este libro de "indignados" (Destino). Ben está que non renuncien a organizárense. Lexítimo é que recorran a técnicas de mercadotecnia para gañaren adeptos ("Y tú, ¿nos acompañas?", remata Pablo o gaditano; "Cooperar nos hace más felices. ¿Lo has notado?", conclúe Óscar, acabando o libro).
Sei que os "indignados" constitúen un colectivo máis plural, como plural é o mundo das organizacións políticas e sindicais. Mais o interesante e importante é recoñecermos que estas voces comprometidas e organizadas fan tamén política, como todos os que intentan concretar, pór negro sobre branco, definirse para actuar. Inevitabelmente. É unha grande manipulación, aproveitándose da confusión e frustración existente concretamente na mocidade, conducila, en nome da liberdade do individuo e co recurso ao protagonismo mediático, en primeiro lugar, o das redes sociais, a unha ilusión que a desoriente aínda máis. Cómpre recoñecer as cousas polo seu nome: organizarse e actuar socialmente é facer política. É imposíbel actuar sen unha guía orientadora. A pregunta de a onde conduce é crucial.