As terras fértiles: o noso gran tesouro

As terras fértiles: o noso gran tesouro

Xa Gunder Frank reflexionaba fai medio século nos intercambios desiguais que os países da periferia do sistema estabamos a realizar coas metrópoles imperiais e a dependencia que se establecía a respecto delas. As súas teses son hoxe perfectamente verificables, e de xeito moi claro no mercado da terra e dos alimentos.

Son grandes transnacionais, especialmente vinculadas a Bolsa de Chicago, as que saben que o futuro da soberanía dos países e dos estados ten moito que ver coa terra e coa alimentación. Mentres moitos "progres europeos xogan as novas tecnoloxías e os negocios emerxentes os "grandes dinosaurios" prepáranse para atar aos pobos do planeta pola boca nos próximos anos.

O mercado de terras fértiles e con acceso a auga a nivel mundial estivo nesta primeira década do século vinte e un mais puxante que nunca.

Entre outros, Estados Unidos, as potencias do Golfo -con Arabia Saudita a cabeza- e transnacionais europeas están a mercar terreos fértiles en África, Asia e Latinoamérica con fins especulativos, e coa perspectiva do aumento da poboación mundial a cincuenta anos vista.

A metade destas terras non se van a poñer en produción de inmediato e servirán aos especuladores para xogar coa fame dos pobos e coa súa soberanía. Existen fundos do mercado da bolsa dedicados exclusivamente a esta especulación.

Nalgúns países de Sudamérica e de Europa a terra fértil multiplicou o seu valor por tres e ate por catro na última década.

Este mercado de terras que funciona na maioría dos casos por fora das normas da propia legalidade capitalista está obrigando aos países de Sudamérica a poñerlle freo, agás Colombia onde campa as súas anchas. Segundo di a Federación Agraria Arxentina (FAA) os capitais estranxeiros son posuidores duns vinte millóns de Has. do total de 180 millóns de Has. produtivas con que conta o país. Esta situación obrigou ao actual goberno da Arxentina a establecer unha lei de protección e control para impedir este proceso, que queda reflectido nestas verbas da súa Presidenta: "Arxentina quere ser un país normal e serio que defende, coida e protexe o patrimonio nacional".

Dous novos conceptos de carácter contraposto están xurdindo: O de "acaparamento mundial de terras" e o de "soberanía sobre a fertilidade da terra". Outros dous fenómenos acompañan a este mercadeo: As producións que se quitan nas terras que son cultivadas son dedicadas totalmente a exportación, mentres moitos cidadáns do país pasan fame; e ademais o mercado é moito mais dinámico nos terreos públicos ou de propiedade colectiva; xa que as operacións comerciais teñen menos dificultades.

Puidera parecer que os terreos na nosa Galiza non van a ser afectados por este tipo de fenómenos. Nada mais lonxe da realidade. As políticas que o actual Goberno da Xunta está a levar co uso da terra están a preparar o terreo (nunca mellor dito) para poñer o País a venda, comezando polos montes veciñais en man común. A resposta do Director Xeral de Montes a os representantes da CGMVMC NON PUIDO SER MAIS EXPLÍCITA: "NO SE PREOCUPEN POR EL USO DE LOS MONTES YA LO DECIDIRAN LOS BANCOS CUANDO QUIERAN". Nun país colonizado os gobernantes non cociñan, so teñen que encargarse de arrapañar as viandas e poñerllas a disposición aos asaltantes, deste xeito ate a xente lles da as grazas por virnos "cociñar" a nosa economía.

Non é casual o ataque que por activa e por pasiva están a sufrir as medidas de protección e apoio ao uso e ordenación das terras que tomara a Consellería do BNG. Sería unha inxenuidade pensar que se trata simplemente de desprezo ou abandono do rural. No rural hai cousas que se poden intercambiar por diñeiro, e deso está feito o corazón e a alma do Partido Popular e mais a Santa Obra que os protexe.

Existe ademais outra razón pola que a Xunta do PP está tratando de anular as normativas de ordenación do noso rural; saben que se trata de medidas que son ben recibidas e respectadas en xeral non so polas xentes do rural senón pola poboación en xeral. Se non se pechara o BANCO DE TERRAS (que se manteña no faiado non sirve de nada) estarían realizándose moitos arrendamentos, e algo que comezou polo empuxe da Administración Pública remataría sendo practica habitual. Senón suprimiron a lei de golpe é porque saben que lles traería certos custos.

Inda que non son so as UXFOR e o BANCO DE TERRAS os únicos instrumentos deseñados no Goberno anterior para ordenación dos usos da terra e a propiedade agraria en Galiza, e aínda que quedaban novas reformas lexislativas pendentes como a da lei de Concentración Parcelaria, tíñase dado un paso de tipo sociolóxico de fundo calado político, que foi a demostración de que o apego dos galegos aos marcos e lindeiros e a negativa a ordenar os cultivos ou arrendar as terras son ideas pouco rigorosas utilizadas a cotío en beneficio político da reacción española, dun ou de outro signo, e moi danosas para as nosas xentes. Nos leiros que mais marcos vin, e mais pelexas polos marcos, foi nos lindeiros que entre categorías, escadas, niveis, destinos, postos, funcións e requetefuncións, teñen nas administracións públicas.

Non pretendo con estas reflexións dar por perdida a loita en Galiza pola "soberanía sobre a fertilidade da terra" senón todo o contrario.

Cando as forzas anti-país turran moito pola corda para un lado non se lles pode dar corda, cumpre fincar os calcaños no chan e ir resistindo cos medios dos que se dispoña. Moitos e moitas que fai algúns anos querían modernizar o BNG eliminando o que alcumaban "resistencialismo " ou "asamblearismo" xa claman por estas posicións, inda que con distintos conceptos. Dende unha cooperativa, dende un departamento da Administración pública, dende unha escola, dende unha asociación, dende un Concello pódese e debese seguir loitando pola supervivencia dun dos nosos grandes tesouros. Non é o diñeiro, que non se come, é a terra fértil. Contaba meu pai unha reflexión científica dun xornaleiro da miña parroquia duns anos antes da Guerra Civil:

A saída da misa os domingos aproveitábase para facer tratos e tomar acordos entre os veciños. Un home que traballaba a xornal foi solicitado polo que se consideraba o "rico da parroquia" para ir sachar ao millo. Cando un veciño lle comentou, de boa fe, que debería estar contento porque ía traballar para o "rico da parroquia" el contestoulle cheo de razón "ese é tan probe, tan probe que so ten cartos"....

Dentro de pouco serán publicadas as conclusións das sétimas xornadas agrarias organizadas por FRUGA e o Concello de Melide onde se verán exemplos prácticos moi útiles de agrupación de terras e posta en cultivo dentro e fora do BANCO DE TERRAS.

Dende o nacionalismo temos a responsabilidade política de seguir loitando, pola ordenación e posta en produción dos nosos terreos. Poida que algunhas persoas pensen que traballar nestes leiros da poucos votos, pero o que non é menos certo é que vai dar moitos froitos, e o País non se fai so de votos, inda que os votos axudan, e moito....