As políticas de austeridade do PP
O Partido Popular nas semanas previas ás eleccións municipais manifestou reiteradamente que naqueles concellos nos que tivesen a oportunidade de gobernar habían impulsar as mesmas medidas e políticas de austeridade que viña realizando o autoproclamado Alberto I, O Austero, desde a súa chegada á Xunta de Galiza.
Cando fai xusto un mes da constitución dos novos gobernos municipais xa puidemos ver diversas mostras do cumprimento de tal compromiso.
Na maior das cidades que goberna o Partido Popular puidemos ver como a política de austeridade do seu alcalde, o Sr. Negreira, se concreta en fixarse un salario case idéntico ao do Presidente da Xunta de Galiza, ben en honor á verdade hai que dicir que é inferior en dezanove euros ao ano. Estamos ante unha gran achega para a redución do gasto corrente e improdutivo.
Nun pequeno concello do interior, de apenas 10.000 habitantes o mesmo Partido Popular, aínda que da pola baltarista, que ademais prometera que este ía ser o mandato no que se ían centrar nas persoas e no seu benestar, as dúas primeiras decisións tamén levan a mesma orientación.
Ao mesmo tempo que a cinco dos seis concelleiras e concelleiros do grupo de goberno se lles asignan xenerosos salarios pola súa adicación ao concello propoñen a aprobación de novas taxas pola utilización de todo tipo de servizos municipais, algunhas establecidas ex novo como no caso das actividades extraescolares dos centros de ensino público ou o servizo de atención ao alumnado antes do inicio da actividade escolar, e outras como as diferentes actividades deportivas, musicais, teatrais, etc. ofertadas desde o concello que sofren incrementos de máis do 80%.
Velaí dous exemplos ben elocuentes da austeridade concibida polo Partido Popular e das consecuencias que ten para a cidadanía que o PP se centre nela, no seu benestar.
Cando os gobernos populares se centran no benestar é para facerlle pagar cos seus recortes a crise aos servizos públicos, é para introducir toda caste de taxas que na práctica supoñen o copago de servizos complementares básicos no ensino público, para rematar con calquera caste de criterio de redistribución de riqueza cos que estes deberían cumprir, tratando por igual a quen ten e a quen non, a quen pode pagar e a quen non.
Taxas que provocan a exclusión do acceso a actividades culturais, deportivas, de lecer a importantes estratos de poboación que non teñen recursos para poder custear os gastos que estas comportan, provocando polo tanto que desde as administracións públicas se promovan e costeen actividades só dirixidas a unha parte da cidadanía, a quen pode pagalas, nunha especie de "privatización" ou programación para as elites.
Estas políticas que afectan ao cotiá de moitas persoas son unha proba irrefutábel da exactitude na caracterización que o Bloque Nacionalista Galego ven facendo da política de Núñez Feixóo e poñen ante os ollos de moitos e moitas cidadás as verdadeiras consecuencias prácticas das políticas inspiradas na ideoloxía neoliberal.
As consecuencias do catecismo do control do déficit público, de fixar, mesmo por lei como acaba de facer o goberno galego, a prohibición de endebedamento das administracións públicas incluso para costear servizos públicos esenciais. As consecuencias da idea común, compartida mesmo polos que se din progresistas, de que a única solución en tempos de crise é o de recortar gastos, sociais e produtivos, no canto de tentar recadar máis pola vía dunha reforma fiscal que grave as rendas do capital, que recupere o imposto de patrimonio, de transmisións patrimoniais, que sexa máis progresivo establecendo tipos máis altos para as rendas superiores aos 100.000 euros anuais, que estableza impostos sobre as transaccións dos capitais financeiros. As consecuencias de mirar cara outro lado no canto de atacar a fraude e os paraísos fiscais.
Tamén son un caso práctico ben elocuente do que significa seguir de forma acrítica as orientacións emanadas desta Unión europea ao servizo dos chamados "mercados", esas receitas coas que din querer salvarnos dunha futura bancarrota.