As Eleccións Municipais son unha oportunidade fronte a crise

As Eleccións Municipais son unha oportunidade fronte a crise

Cando faltan 5 meses para a celebración das Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011, o país vive unha dura situación, por mor da crise e das medidas regresivas dos gobernos do PP e do PSOE, que colocan a clase traballadora nunha situación dramática. O nacionalismo ten que centrar os seus esforzos en sacar o mellor resultado posíbel nestas eleccións, xa que somos os únicos que podemos atenuar os efectos e pór os piares para, desde os concellos, facer políticas a prol das maiorías sociais.

Os recortes sociais e as privatizacións anunciadas polo PSOE en Madrid, coa eliminación dos 426 € de axuda aos é ás desempregas que xa non tiñan dereito a prestación por desemprego, a intención de eliminar os réximes especiais da Seguridade Social ou as novas privatizacións de Lotarías do Estado ou dos Aeroportos máis rendíbeis, que veñen a adelgazar aínda máis o sector público e así as súas fontes de financiamento, só teñen como finalidade deixar aínda máis a economía do Estado español nas mans do mercado.

Mais no noso país, as consecuencias de todas estas medidas antisociais, terán un impacto maior, pola desprotección social a que nos somete a Xunta de Feixóo, cos seus recortes na sanidade, educación e políticas públicas de protección social.

Mentres, Galiza alcanza un total de 231.721 desempregados fronte os 223.900 do mes anterior, o que supón un aumento total de 7.827 persoas que representa un incremento do 3,5%. Estes dados reflicten tamén a desigual situación de homes e mulleres no noso país, cando a Xunta de Galiza está a desmantelar as políticas a prol das mulleres; o número de mulleres desempregadas incrementouse en 4.079 fronte aos 3.748 homes. Así o total de mulleres desempregadas sitúase en 125.680 fronte as 121.601 do mes de outubro, mentres que os homes suman 106.041 fronte os 102.293 do mes anterior.

Á lacra do desemprego hai que engadir o importante crecemento do número de persoas en situación de pobreza por mor da actual crise económica. En Galiza 580.000 persoas viven con 7.000 € ao ano. Sen esquecernos do noso precario mercado laboral, que se ceba nos máis novos. Unha consecuencia desta falta de futuro laboral na terra, dos mozos e mozas galegos, é a arrepiante cifra de mortos galegos en Afganistán. Dos 28 membros do exercito español mortos neste país, case a metade, 12 eran da Galiza. Unha cifra que tamén nos pode recordar o peso que a poboación hispana ten no exercito dos EUA, pola súa dificultade para acceder a un posto de traballo.

O BNG ten a oportunidade de presentarse como a única forza que pode pór freo a esta situación e facer políticas desde os concellos, que atendan aos problemas reais da xente. Somos unha organización de base popular, polo que a actuación e comportamento dos nosos cargos públicos, como a campaña electoral, deben ser coherentes sempre e máxime nun momento de crise.

O funcionamento democrático do BNG, no que toda a militancia decide desde as candidaturas até o programa electoral, co que se presentará o BNG no seu concello, é unha das nosas fortalezas fronte as outras forzas políticas.

Sabemos que nos non imos poder competir cos orzamentos de campaña do PP e do PSOE, porque eles representan un modelo e uns intereses diferentes aos nosos. Pola contra, nos temos a forza da nosa militancia. Estou convencida de que os resultados dependerán da capacidade que teñamos de activala.

A precariedade laboral lévanos a ter cada día menos tempo libre, para poder participar nas actividades que o BNG desenvolve. Mais debemos reparar en que hai moitos xeitos de participar nunha campaña. Desde distribuíndo as publicacións da túa localidade, no teu entorno máis próximo, intervindo nos medios de comunicación, chamando aos programas de radio, cando piden opinión sobre un tema de actualidade, escribindo cartas aos xornais ou participando nas edicións web dos medios de comunicación. As campañas 2.0 teñen cada día máis influencia nas cidades e nas vilas ás que internet chega con algo de calidade. As redes sociais poden ser un xeito de coñecer a opinión de moita xente, divulgar a actividade do BNG e as nosas opinións nos lugares máis urbanos do noso país.

Na medida das posibilidades de cada quen, debemos de asumir, que esta grave situación só se vai corrixir coa mobilización e o traballo de todos e todas. O BNG é a única ferramenta política que ten o país para saír con xustiza social da crise. Se actuamos con responsabilidade Galiza -e a maioría social que aspira a representar- sairá gañando.