Apoloxía do terrorismo

WALLPAPER - CHUCK NORRIS

Por razóns que agora non veñen ao caso, cadroume nestes días pasados aturar unha dose de televisión superior á escasa que "inxiro" (ás veces, nula) diariamente. Nunha noite, cansa de non ter nada atractivo ou interesante que ver, facendo parvo zapping, batín cun filme xa mediado. Era na Sexta. Pouca atención me fixo falta para reconstruír o que non vira: un avión de pasaxeiros norteamericanos secuestrado por "radicais islamistas" que van ser resgatados pola "Delta Force" (así se titulaba a bazofia), após innúmeros lances de combate contra o perverso inimigo. Había tempo que non contemplaba semellante apoteose terrorista de xustificación do xenocidio. Chámenme inxenua, se quixeren; díganme, con razón, que quen me mandou aguantar até o final semellante espectáculo de destrución e morte imperial, mais quixen comprobar até que ponto o sistema fabrica excrecencias épicas autoxustificatorias da real politik que os USA están a perpetrar no Afganistán, no Iraque ou en tantos outros lugares do mundo. Porque - cuase crónica en tempo real- esta cinematografía protagonizada polos Chuck Norris, Lee Marvin e outros coñecidos actores non é exaltación nazista dun pasado que liquidou indios, povos inteiros, indíxenas do continente americano, negros escravos... e que se construiu sobre alicerces de violencia extrema, senón complemento heroico e glorificado da xesta imperial actual: o control de medio mundo e dos seus recursos, a destrución correlativa de povos inteiros, a hexemonía militar... e, como sempre, a xustificación en nome da civilización, os dereitos humanos e a invocación á relixión verdadeira.

No filme mencionado, asistimos con toda a naturalidade á morte violenta de todo tipo de nativos, no seu proprio país, incendiados, arrasados, esmagados como cabichas, mentres o heroi, montado na súa moto, reparte fogo e sangue por toda a parte. O avión, unha vez liberado, parte, como non, a Israel, onde, entre o público, unhas risoñas freiras saúdan entusiasmadas ao padre polo que agardaban, un dos viaxeiros que asistira, claro está, a todo aquel recital de morte. O ponto culminante do cinismo e do noxo sitúase na lamentación e emoción que a todos eles embarga cando choran a morte de Pete, un valente militar norteamericano: hai vidas de vidas! A súa non ten comparanza coas dos centos de "árabes" aniquilados. Na viaxe de volta, todos cantan: "¡América, América, que Dios te ilumine con su gracia!". Pornografía pura.

Nun ensaio de hai xa ben anos, o escritor cubano Roberto Fernández Retamar chamaba a atención para o feito de que os mesmos europeos que se escandalizaban dos horrores cometidos polo nazismo admitían con toda a naturalidade -ou negaban, ou ignoraban- as barbaridades inflixidas por eles mesmos na colonización americana, ou na africana ou na asiática. O proverbial narcisismo europeo desbota, xaora, todo o que poda recordar como e sobre que se montou a prosperidade de cidades e Estados do seu continente. O que nos cabe padecer e aturar agora é exaltación pura e dura do xenocidio, do terrorismo de Estado, da maior campaña imaxinábel de morte e destrución e, como non, a xustificación da xenofobia máis extrema.

Unha grande parte da programación televisiva, canto a filmes e series, é de matriz norteamericana (o Imperio obriga!). Mesmo as que podan ter unha calidade narrativa ou estilística mínima, coinciden nun feito fatal(ista): o mundo é violento; a obriga dos USA e de todos os seus habitantes é precavérense e dispórense a atacar antes de seren agredidos; o resto do planeta non os comprende; a razón, a forza e Deus están da súa parte; quen actúa antes, actúa mellor e sae vencedor... Mesmo no envurullo eufemístico, a repetición de certas frases (que, por certo, as series españolas e, como non, as galegas, repiten estupidamente) é ben elocuente do espírito que as anima e da intención que as alimenta. Reparen, por favor, na reiteración das seguintes: "Bon traballo!" (pode ser proferida tranquilamente após liquidar un individuo); "dáme unha segunda oportunidade" (despois dunha actuación cínica a non dar máis: convén, por exemplo, salvar a sagrada institución do matrimonio); e, sobre todo, "déixame que che axude". Esta última é particularmente delatora. Extrapolémola á política internacional: "Déixame explotar os teus recursos, o teu petróleo; a cambio, móntoche un goberno títere que o garanta e envíoche uns cantos lotes de produtos caducados; por suposto, axudareiche tamén na reconstrución do teu país derivada da arrasadura que che producín; compréndeo: hai moita voraz multinacional do noso Señor que precisa expander o negocio e ampliar mercado de consumo; se te negares, xa tentarei derrocar o teu goberno: teño ampla experiencia: Vietnam, Chile, Panamá, Granada, Afganistán, Iraque etc.".

Mesmo dispóndomos dunha(s) óptima(s) programación(s) televisivas, a sensatez aconsellaría taxar severamente a súa contemplación, en ben das neuronas e do equilibrio cognitivo-emocional. Sendo a inversa a situación actual, onde tantas e tantas veces non hai literalmente nada que contemplar, non sendo para nos maleducar aínda máis do que estamos, só cabe proclamar a necesidade dun APAGÓN MASIVO, en lexítimo acto de desobediencia civil ante tanta porcaría e tanta pornografía (no sentido etimolóxico da palabra) como nos oferecen. Mágoa que un magnífico instrumento cultural, sociopedagóxico e cívico como a TVG non estexa á altura das circunstancias e sexa tantas veces mimética da banalidade reinante. Banalidade, si, mais non exenta de inoculación ideolóxica explícita ou implícita. Para cando, por exemplo, os-as responsábeis televisivos se decatarán da excelente canteira que oferece a literatura galega para múltiplos guións, series, programas e, por suposto, informativos? ¿Cando se van modernizar de vez?