Ao final todo se reduce aos números
Estannos obrigando ás mulleres a volver ao fogar, ao privado, máis non se atoparán con anxos do fogar, senón con demos, bruxas e meigas.
A aprobación no seu día da Lei integral contra a violencia de xénero, obxecto de moitas críticas e controversias tanto polos sectores que acreditaban nela ou no seu espírito como polos seus detractores, aqueles que aspiran ao mantemento do “status quo” que non é outro que a supervivencia do sistema patriarcal tivo a virtualidade de colocar a violencia machista no debate público.
Na década do 2000 en diante o discurso feminista loitaba pola equiparación da igualdade legal(en liñas xerais que aínda quedaba bastante por alcanzar) coa igualdade real. Agora mesmo vivimos nun momento ben diferente, onde a pegada da igualdade estase a diluír.
Actualmente estanse a deseñar novas lexislacións que substituirán ás anteriores e que xa nin contemplan esa igualdade legal. Temos pendente de aprobación o Anteproxecto de Lei Orgánica pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal, a intención de lexislar en contra da actual Lei Orgánica de Saúde Sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, o novo anteproxecto de reforma do Código Civil para todo o Estado que vai regular a custodia compartida preferente entre outras… a Lei da Educación(LOMCE)que por exemplo permite a escola segregada por sexos. Todas elas contribúen ao empeoramento das condicións de vida das mulleres e a afincarnos nunha sociedade desigual e discriminatoria cara ás mulleres, mozas e nenas.Os chanzos avanzados cara superar esa situación estanse a destruír.
Foron 685 mulleres asasinadas pola violencia machista entre o 1 de xaneiro de 2003 e o 30 de xuño do 2013*. No caso de Galiza ascenden a un total de 33 mortas. Estamos perante os supostos máis graves de violencia exercitada contra ás mulleres, na punta do iceberg. A Organización Mundial da Saúde(OMS) ven de publicar o informe “ A violencia contra as mulleres é un problema global de proporcións epidémicas”, realizado con datos de 141 estudos de 81 países. Neste informe a OMS afirma que unha de cada tres mulleres maiores de 15 anos sufriron algún tipo de violencia por parte do marido, noivo, amante ou exparella e unha de cada 8 mulleres sufriron violencia sexual. O 35% das mulleres do planeta sufriron ou están a sufrer violencia. E a media dos países denominados “ ricos” é de 32,7% fronte a de América Latina que é de 36,1%.Cómo reflicte a porcentaxe pouca diferenza hai e pouca preocupación amosan os países ricos por solventar esta eternal problemática. Outra das conclusións deste informe sinala que “os homicidios son o resultado final dunha falida resposta social, sanitaria e penal á violencia de parella”. Concordo plenamente con esa conclusión. Algo está a fallar, o problema non importa, a solución tampouco. Estamos no Estado das chapuzas, das corrupción,dos contos….
Fai un par de semanas escoitábamos estupefactas a nova metodoloxía que definían como pioneira, que vai aplicar o goberno do Estado español para cuantificar os casos de violencia machista cando exista dano físico. Esa estatística resultante dese cambio racha coa definición que contempla o marco normativo actual do que é violencia de xénero, ao contemplar só a violencia física que deixe unhas secuelas para as cales precises estar ingresada aló menos 24 horas. Aqueles nos que a muller leve tal malleira que lle custe aos seus familiares identificala. Se che rompen o nariz, unha perna ou dous brazos non vas precisar un ingreso de 24 horas. Este feito que parece intranscendente, xa que ao fin e ao cabo, hai quen pasa das estatísticas porque están maqueidas, vai ter enormes repercusións. Primeiramente porque estás causando o efecto contrario do que supostamente é a finalidade, rematar coa violencia. Vaise perverter e deformar ou deturpar a realidade, os feitos definitorios da violencia de xénero. Con esta cuestión transmítese unha mensaxe subliminar na que só é violencia de xénero aquela que ten un carácter moi grave e que precise ese ingreso hospitalario. Nin o Código Penal require a hospitalización para tipificar unha lesión como grave ou moi grave. Certamente as estatísticas actuais baséanse moito nas cuestións xudiciais e no número de mulleres asasinadas, que non deixa de ser un universo relativamente pequeno obviando a dimensión e complexidade do problema.Agora ben,esta alternativa xera indicadores parciais co risgo da invisibilidade da violencia machista contra as mulleres e @s fill@s nun momento no que aumentan as mortes das crianzas como vinganza do pai cara a nai.
É unha mensaxe de desmobilización e desesperanza para quen no seu fogar, en silencio sufre día a día esta barbarie froito do patriarcado. Nos últimos anos vense producindo un descenso das denuncias porque os recursos cada vez son menores e a sensibilidade das persoas dos diferentes ámbitos (policial,sanitario,educativos e xudicial) minguou considerabelmente.De feito o primeiro trimestre do 2013 cae nas denuncias interpostas e achégase ao número das presentadas no primeiro trimestre do 2007 que foi cando comezou a recollerse ese dato na estatística xudicial. Pode observarse unha diferenza de 5,1% con respecto ás denuncias no último trimestre do 2012( 31.064 denuncias fronte ás 29.847 de 2013)*.
Manipulemos os datos e logo diremos que foi o goberno do PP o responsable en diminuír os índices de violencia de xénero. O que non sei é como van ocultar ás mortes!! Supoño que xa encontrarán o apoi que precisen en determinados medios para que as novas de violencia de xénero aparezan no apartado de sucesos (deixando de ocupar ese espazo como problema político e social que representa), a falar de crimes pasionais no canto de violencia contra ás mulleres…
A falta de información é o caldo de cultivo para manter o medo e para evadir responsabilidades, xa que a información fainos libres, obríganos a pensar, a tomar decisión, a empoderarnos. Estannos obrigando ás mulleres a volver ao fogar, ao privado, máis non se atoparán con anxos do fogar, senón con demos, bruxas e meigas.
Ao final todo se reduce aos números. Estamos tan habituadas a cuantificar todo, por iso de vivir nunha sociedade onde todo se mide polo valor económico, onde o capital decide, sen ter en conta as persoas e os dereitos humanos das mesmas. E cantos menos números haxa(mortes, denuncias, agora serán ingresos hospitalarios…) menos será o investimento público para procurar a solvencia do problema. No Estado español recortouse este ano un 27% o orzamento para a violencia de xénero. E dándolle a volta a aquela canción dos “ Rodríguez”, “ si importa o problema, importa a solución “.
*Datos extraídos do Información estatística de violencia de xénero da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. Informe Mensual – Xuño de 2013-
*Estatística do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX)