Anatomías II: Prisciliano símbolo

Anatomías II: Prisciliano símbolo

Que os pobos crean símbolos e mitos de seu é un fenómeno universal. Homero, Virxilio, Camoens recolleron as arelas da sociedade. Déronlle nível literario, e devolveron á escola, á poboación, imaxes de herois mitificados que ían seren o símbolo da esperanza e das necesidades dos seus países. Outros moitos poetas épicos intentárono mais inutilmente: as súas epopeias só serven para divertemento de solitarios isolados.

A que atribuir tais diferencias? Aos autores? Á realidade histórica? Parece imprescindíbel unir á história o quentor das multitudes; á letra a música; á figura o entorno dos seguidores.

V. Pérez Prieto acaba de publicar un ensaio relevante: Prisciliano na cultura galega. Confeso a miña predisposición ao recibir o libro. Ía ser repetición de achegamento a Prisciliano sen garantías? Porque libros sobre Prisciliano abundan.

Mais en seguida superei a desconfianza. Esta obra de V. Pérez Prieto é sólida: contén a historia de Prisciliano. Nada fácil; tema cheo de lagoas documentais e de contexto moi extenso. Prisciliano vivíu nun século, o IV, de descomposición do Imperio Romano; nunha Igrexa cristiá que saíra das catacumbas ao trono dos emperadores. Que reunía no seu seo dúas tendencias, unha de rexeitamento da alianza co poder, outra de apoio mutuo. As dúas tendencias multitudinarias. Houbo virulencia no debate: monxes contra bispos, imperiais contra diferencialistas. Os textos que conservamos dan proba de situacións graves.

A relidade histórica que levou a Prisciliano a Trier, ante o tribunal dun emperador, Clemente Máximo, con aspiracións a sentar no Imperio Romano occidental; nun intre de inestabilidade máxima, de decisións de captación de aliados, explica a sentencia tan inicua como equivocada. Aquel emperador perdeu ante Teodosio e os acusadores de Prisciliano foron exiliados, desprezados polos bispos de Roma e Milán e os priscilianistas tiveron marxes de crecemento na Galecia e no resto das provincias romanas. Á anécdota de Trier hai que unir un ambiente cristián na Galecia de iniciación e desconcerto doutrinal: para aqueles cristiáns as especulacións de Nicea eran pura logomaquia. Eles crían en Cristo, vían en Prisciliano e amigos a uns mártires e aos "concilios" de Toledo do 400 e seguintes pura tramoia civicorrelixiosa sen interés. Tiñan moi claro que o cristianismo monacal de Prisiciliano era correcto, mentres os bispos aulicos eran unha pesadume.

Prisciliano foi por séculos un martir fundador do cristianismo da Galecia. Atravesou a Idade Media entre "lusco e fusco". Oficialmente dedicaronlle templos a Santiago: digno compañeiro tamén decapitado en Xerusalen como Prisciliano en Trier. Podían saudarse sen envexas os dous santos. Logo ven as reformas litúrxicas e Prisciliano decae na memoria. Recupérase só na literatura elitista. Que facer?

V. Pérez Priero trata en serio dos intentos culturais galegos de incorporaren-ou de recuperaren- un símbolo necesario do país. Desentraña os estudos uns trans outros; sublima os de Otero e os de Portela Valaldares. Lúcidos. A escola detense na análise e recepción de Prisciliano? As indagacións de VPP són pausadas, miudass, cheas de afección á figura histórica e mítica de Presciliano.

¿Qué botamos en falta? A colaboración do mass media, dos axentes sociais. Prisciliano para sernos símbolo vivo debería ter en cada cidade unha rúa, nos centros de cultura a súa imaxe; en concellos e parroquias a oferta como nome de galegos e de galegas: é un nome atractivo. Expresa moito do que todos buscamos: liberdade, autenticidade, valentía ante o poder sen rederse; encarna as culturas celta e a latinas; creador da Galiza e da quela Igrexa galega de seu, antes do corte de cabezas polos reis de Castela-Aragón que invadiron mosteiros e catedrais de abades e bispos aulicos tan alleos á Galiza como ignorantes do país, quen deixaron herdeiros galegos que viven na barriga de mulas improdutivas.

Ah, Prisciliano, sempre discutido, sempre envexado, sempre esperando sentar en Fisterra cun brazo no mar e outro na terra: a estrela azul e branca nun vermello universal.