Alternativa democrática e de futuro para a mocidade
A mocidade galega organizada ten un papel clave e activo no fortalecemento das ferramentas ideolóxicas e organizativas que se foi quen de construír historicamente como expresión política de defensa do que somos como pobo e de construción do futuro, capaz de artellar unha rede social activa e comprometida que se identifique co noso discurso e posicionamentos.
Tradicionalmente, o nacionalismo galego tivo, e segue a ter, unha incidencia importante na mocidade, isto é, capacidade de xerar respostas e alternativas, capacidade de mobilización da mocidade e de incorporación de nova militancia. Nestes momentos de tanta confusión, de desacreditación da participación política, de ataques constantes ás bases materiais da nación galega e de auxe de posicións reaccionarias cómpre estarmos inmersos na dinámica xuvenil, en todos os ámbitos, redobrarndo os esforzos por nos explicar, para pór de relevo a necesidade de exercermos como pobo o poder político para desenvolver as nosas potencialidades económicas, culturais e de calquera tipo. Axustarmos os nosos métodos de introdución social e emitirmos unha mensaxe pedagóxica en sintonía cos principais problemas da xente nova que propicie o seu achegamento ao nacionalismo.
Os últimos procesos electorais deron pé en parte da base social do nacionalismo a un sentimento de desánimo e desencanto que precisamos tornar nun maior compromiso coa alternativa que defendemos: afondamento na democracia e na participación, intervención pública nos sectores estratéxicos, mecanismos de control do capital financeiro e capacidade das nacións para orientar as súas políticas económicas. Fóra disto, non hai máis que resignación ou, directamente, rendición aos mercados, renuncia a exercer o poder político en favor de quen nunca se presentou ás eleccións, darlle aínda unha maior protección ao poder financeiro, mentres que se lle retira ao pobo, prestarse a reducir as competencias das nacións sen Estado e mesmo dos Estados soberanos para favorecer a globalización dos mercados...
Porén, a crise presenta un escenario de posibilidades para as alternativas políticas transformadoras como a que representa o nacionalismo galego. Hoxe podemos afirmar que o grande capital está completamente desacreditado perante a opinión pública e que conceptos que semellaban incuestionábeis comezan a ser claramente cuestionados pola maioría social. É por isto que o sistema combate con todas as armas ao seu dispor a loita do nacionalismo e de toda aquela persoa ou colectivo que cuestione o status quo imperante, así como a propia autoorganización da sociedade. Forma parte desa estratexia a despolitización da sociedade, criminalización e desacreditación das estruturas de participación políticas. Detrás dos que promoven a espontaneidade dos movementos sociais hai unha estratexia para provocar a división do conflito e a disociación entre a teoría e a praxe para desorientar os movementos sociais e así restarlles a súa orientación estratéxica. O sistema pódese permitir prescindir das organizacións políticas e sociais, nós non.
Vivimos, pois, nun momento moi feble socialmente pero tamén tremendamente importante, é tempo de reforzar o sentido que ten a participación política pois o seu descrédito non fai senón afondar na crise social e dificultar o éxito da alternativa. Fuxir dunha colonización tamén no plano ideolóxico, dos complexos e do desprezo ou minusvalorización do propio.