Alba de Groria, lingua e crise económica

Alba de Groria, lingua e crise económica

Na sesión do martes 16 de marzo do debate sobre o estado da nación que tivo lugar no Parlamento de Galiza, Núñez Feijóo rematou a súa intervención citando en castelán un parágrafo dun dos textos máis significativos para o nacionalismo galego, o "Alba de Groria" de Castelao. Foi tamén o tradutor automático do Conselleiro de Cultura que lle xogou unha mala pasada ao Presidente da Xunta nada máis e nada menos que nun dos intres máis importantes do curso político galego? Non. O "espontáneo" salto ao castelán non foi tal. Podemos observar no video a actitude de Feijóo e como dirixe as súas miradas á oposición, nomeadamente aos parlamentarios do BNG.

Claramente buscaba a provocación, unha reacción desmedida e saída de ton sabendo que ao apropiarse dese discurso e lelo en castelán estaba a baterlle á liña de frotación do galeguismo. Aproveitaba obviamente o momento especialmente sensíbel que estamos a vivir coa nosa lingua. A tradución do "Alba de Groria" foi unha absoluta e premeditada provocación coa intención de mellorar mediaticamente a súa imaxe de perdedor no debate e a imaxe de ano de goberno perdido co bo rollo da "tolerancia" e a "liberdade" ao estilo PP e de paso que se vira a desmesura e a violencia do BNG na súa reacción intransixente, algo que fora titular e foto na prensa e que borrara ou cando menos atenuara o recoñecido bo papel que o BNG fixo como oposición neste debate.

E en definitiva, que nos fixera esquecer a mala (ou nula) xestión que neste ano fixeron Feijóo e os seus conselleiros da crise e da economía que afecta a tantos galegos e galegas.

Desviar a atención. Esa debe ser a máxima consigna dos asesores de Feijóo. Ti saca temas que encirren aos nacionalistas e fagan que eles e a poboación esquezan o mal que o facemos e os intereses de quen realmente defendemos.

Total, que lles importan ao PP e a Feijóo o futuro da nosa lingua, ou o sistema educativo público galego, ou a nosa (limitante) cultura? Para eles son asuntos menores que se poden machacar e dan moita cancha mediática, desvían a atención e así podemos pasar máis polo aire pola privatización do sistema sanitario, o desmantelamento das políticas de igualdade e dos servizos sociais, a paralización total da aplicación da lei da dependencia, e por suposto as actuacións en materia económica e de emprego.

Retomando a "Alba de Groria", a teimosía coa língua é singular. Fan dela bandeira do seu concepto de liberdade e equilibrio. Mostra evidente do que lles importa a nosa lingua e de como están a utilizala estratexicamente para dividir á sociedade galega empregando perversa e demagoxicamente a palabra "liberdade". E sobre todo, desviar a atención sobre a situación económica, da que son responsábeis a nivel nacional pero tamén a nivel mundial, ao defenderen o actual modelo económico. Defenden políticas neoliberais de mercado e de emprego. Lembremos ao Conselleiro de Industria que ten a produción das súas empresas en Portugal ou a Directora Xeral de Traballo que despide ilegalmente a unha traballadora que tiña sen contrato e sen seguro.

Nestes tempos de profunda crise, que se prolonga no tempo logo do que puido ser o seu momento máis duro no ano 2009, cómpre unha análise reflexiva e holística, que poña ás persoas no centro do debate. A Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao de Filosofía, volta de novo a Pontevedra do 5 ao 9 de abril para abordar a necesaria crítica á economía de mercado como actual sistema mundial, ao afianzamento globalizador do capital monopolista cun dominio crecente das multinacionais ou transnacionais, que non repercute na mellora das condicións de vida da humanidade, senón que opera dun xeito imperialista entendendo o territorio e ás persoas como ao seu servizo.

Os intereses dominantes que existen a nivel global e local son obvios ollando as solucións que se lle deron e se lle están a dar á crise: por unha banda, flexibilización do mercado laboral, conxelación de salarios, eliminación de coberturas sociais e sanitarias, debilitamento do sistema de pensións, e pola contra, afortalamento das entidades financieiras responsábeis e socialización das súas perdas (socializaron os seus beneficios anteriores? vanno facer cos futuros?). Non se quere aprender nada que mellore a vida das persoas e a saúde do planeta, e todo leva e recuperar a situación anterior, seguir abandonando as economías produtivas a prol das especulativo-financieiras, preparando de novo o escenario para un novo estourido da burbulla dentro duns anos.

A XXVII Semana Galega de Filosofía (www.aulacastelao.com) durante cinco días situará Galiza no centro do pensamento crítico e alternativo dividindo as sesións en tres bloques: análise crítica da economía, a situación socioeconómica de Galiza e a mundialización. Aproveitemos esta días para enchernos de argumentos, manifestar e compartir os nosos e desfrutar deste punto de encontro e foro de compromiso co noso país, coa nosa lingua e na procura dunha cidadanía máis xusta, solidaria e ceibe.