A tola que recortaba a débeda

A tola que recortaba a débeda

María dos refaixos, alcume que herdara da súa nai, nacera en Vilalba na parroquia de S. Xoán de Alba e era filla dunha apreciada costureira que ademais foi das derradeiras tecedeiras que habitaron na comarca da Terra Cha. Era filla de solteira, dis que do crego da parroquia, e o mesmo que súa nai moi destra e habilidosa nos labores da confección. Inda que falamos en pasado María dos refaixos (María Rosa Labrada Castosa) vive e pasa os seus días como pode no centro de atención psiquiátrico de Castro Ribeiras do Lea.

Trátase dun distes casos que din que se pasou de intelixente.

Estudiou coas monxas en Lugo pero xa non rematou o bacharelato. Ao parecer tiña o defecto de poñer en dúbida todo, nuns tempos en que o mesmo que hoxe, o mais importante era a fe cega en todo o que dixeran os que tiñan os cartos e o mando.

María, como boa parte das mozas galegas dos anos sesenta, saíu polo mundo e chegou a traballar varios anos nun importante taller de confección na Suíza onde coñeceu a un italiano, Antoneti, que se dedicaba a trasladar maletas pequeniñas de diñeiro entre Suíza e moitos países, e que de vez en cando, unhas veces por obriga e outras por divertimento pasaba por importantes casinos e polas bolsas mais importantes do mundo. Antoneti e María casaron, en Venecia, non pola Igrexa; e viviron un longo romance duns seis anos no que María, a parte de compañeira sentimental, facía de secretaria de Antoneti, e observaba todo aquel mundo de luxo e gasto sen xeito, con certa sorpresa e ate admiración, que durante algún tempo lle pareceu un soño.

Antoneti, un home cultivado que estudara na Universidade Pontificia, trataba de levar a María a coñecer cidades e arte polos lugares polos que pasaban. María, que era moi observadora tiña un pequeno diario no que anotaba sempre catro cousas polos lugares que pasaba: Como vivían os mais ricos e os seus antollos. Como vivían os mais probes e as súas necesidades. Os ditos populares. As receitas de cociña. Antoneti era un devecido pola boa mesa.

Aquela relación tan estable durante cinco anos, coa residencia oficial en Roma pero moitas viaxes, comezou a deteriorarse sen que houbese por ningunha das partes outras relacións fora da parella. Simplemente que cada quen retornaba pouco a pouco cara o seu anterior mundo, cara a súa infancia, cara a súa patria.

María xa se fartara de ser rica, e xa tiña moi estudados aos ricos, e non era capaz de saber se lle daban noxo ou lle daban pena. O estudio dos probes podía seguilo facendo no futuro en calquera parte do mundo, e de receitas de cociña e de refráns xa tiña unha obra mestra.

Todo rematou un certo día en que María se opoñía a que o seu home mercara un traxe especial para un acto no que ía ver ao Papa. María empeñouse en que ela lle faría un traxe moito mais elegante que o do afamado modisto e ademais non tería mais gastos que a tea. Antoneti explicoulle que como moi ben ela sabía no mundo dos ricos non conta a realidade conta aparencia, e o importante do traxe era a marca. Aquilo colmou o vaso e fixo rematar unha interesante etapa da vida de María dos refaixos.

Pero o que lanzara anos despois a fama a María fora un programa da Televisión Galega -cando inda permitían entrevistar a persoas que pensaban- e no que contaba as súas andanzas polo mundo e comentaba en distintos idiomas a súa colección de refráns.

Sendo ela xa madura e Gaioso un rapaciño quixeron contratala para compañeira do programa. Pero nunha simple entrevista rexeitou ela o convite. Comentou que ela estaba capacitada para traballar con ricos pero que sempre se negara a traballar con aprendices de ricos, que non daban bo resultado.

Tiña e ten outra arte ou manía que era escoitar a radio de distintos países (defendese en varios idiomas) e atender a debates e polémicas referidas as súas vellas teimas: Os ricos, os probes, os ditos e as receitas culinarias.

Xa coa entrada do euro tivo varias polémicas que causaron sorpresa e na que insistía en que o euro era unha moeda sinistra ideada por uns persoeiros que ela coñecera polo mundo, onde había xudeus e tamén cardeais, e que dende uns lugares, tamén sinistros, nos que soamente había xogo e vicio, estes sinistros seres afundirían Europa e destruirían incluso boa parte do patrimonio e obras de arte que ela tanto apreciaba.

Estas obsesións que ela tiña levárona a que o taller que construíra en Vilalba cando veu da Suíza rematase sendo un parladoiro e non a casa da costureira.

Non se privaba nas emisoras de radio que lle daban ocasión, en dar, ademais de receitas de cociña, receitas económicas, e todas elas ían ao revés do que aconsellaban os expertos, pero mantendo unha coherencia que as facía dinas de creto. Estando xa no psiquiátrico entrevistárona nunha emisora local de Vilalba a continuación de Fraga (a quen ela escoitara) e fixo un discurso tan ben razoado repartindo os impostos e convertendo aos ricos en xente "normal", como dicía ela, que o Propio Fraga disque comentou: "E tola pero perigosa,está ben onde está".

Din que ela mesma rematou aceptando de boa fe choerse no "centro social" sempre que lle permitisen ter un bo aparato de radio para comunicarse co mundo exterior.

Cando fai uns meses se falou tanto da débeda pública e da caída das bolsas nunha esporádica entrevista nunha emisora lanzou unhas propostas que para algúns confirmaban a súa tolemia pero que a moita xente lle deron moito que pensar.

Seguindo co seu espírito de contradición propoñíalle ao probes amañar o mundo, e para iso comezaba dicindo que había que curar aos ricos, que disque, estaban todos tolos. Distinguía entre tolos malignos e tolos simplemente tolos. Os ricos tolos malignos aos que tamén chama "ricos porcos" di que se debería prestar moita atención porque poden acabar coa civilización.

Propoñía disolver as bolsas e deixar so bancos de préstamos públicos.

Propoñía que cada país tivera a súa moeda, incluso unha comunidade autónoma; e alcuñar cada ano no país unha cantidade de cartos e programar o seu gasto. E, o mais sorprendente, mudar de moeda tódolos anos. Di ela que os cartos débense renovar tódolos anos como a semente das patacas.

Propoñía disolver os exércitos nun período de 10 anos e eliminar os gastos militares, pasando parte dese diñeiro para os hospitais públicos para curar aos ricos, tema que ela consideraba o mais difícil de todos. Si algún país se negaba a isto non comerciar con el.

Propoñía a disolución da ONU e da OTAN, e da UE. Emparellamento libre di ela, cada quen que se case con quen queira.

Non se lle pode pedir aos ricos que paguen impostos, porque nolos quitarían coma sempre do noso lombo. Aos ricos hai que obrigalos a que nos rouben menos e a que traballen algo que lles fai ben para a saúde.

Os ricos cos cartos, eu vino cos meus ollos, fan tres faenas de artista: Malgástanos, xóganos e logo invéntanos, e vanse con eles a uns lugares que lle chaman paraísos. Eu mesma vin moitos deses paraísos e moitas desas desfeitas. Si os probes, co que nos aprendeu a vida, puideramos vivir un ano de ricos, saberíamos moito mais que os premios de economía.

Eu como son costureira sei moi ben o que quere dicir recortar. O recorte e moi doado de facer, pero compre facelo mentres non está desfeito en trapos o lenzo. E doado vestir a todo o mundo si vamos cortando a tea para que todos poidan cubrir o lombo, si uns poucos collen as pezas grandes e as poñen unhas de capas e outras as estran polo chan, andamos logo quitándolle a camisa aos que xa so teñen un farrapo raxado; iso é o que lle chaman agora as reformas, e que fai pouco lle chamaban a austeridade.

Si andamos en coiros -dívolo a costureira- non é porque non haxa lenzo, é porque lle deixamos a uns poucos que nos rouben a camisa. E os que estades cordos pensades cousas sen xeito:

-Pensades que non queda mais remedio que deixárllela roubar.

-Pensades, ¿que infelices! Que os ricos tamén teñen moito frío.

-Pensades que se tirades algo do lenzo para o voso lado que os ricos, os mercados, os paraísos e toda esa merda, vos van mandar ao inferno.

-Pensades que vos van a chamar tolos se pensades.

-Pensades que vos van a chamar políticos se pensades.Ou, o peor de todo:

-PENSADES QUE O MELLOR E NON PENSAR. PARA ESO XA TEMOS A TOLAVISION.

-PENSADES TODO O QUE VOS FAN PENSAR E PENSADES EN CONTRA VOSA.

-Pensades que vos dan de comer os ricos e dádeslle vos a eles.

-Pensades que é un perigo que se lle funda a bolsa aos ricos e vos non tendes para comezar o día.

-Pensades que estades cordos e estades moito mais tolos que a María dos farrapos.

Si todos pensaran coma min tirariamos polo farrapo para un lado e os probes que somos os que temos que facer todo, amañaríamos a crise e ate faríamos aos ricos parecidos a xente humana....

¡Claro que eu son unha costureira tola! Pro tola e todo teño unha cantiga que me aprendeu miña aboa para que pasedes os cordos ben a crise:

"Miña nai como é tan probe
Fai as papas nunha ola
E nela comemos todos
O que é rico que se foda!