A solución non é individual senón colectiva

A solución non é individual senón colectiva

Nestes días asáltanos desde moitos medios de comunicación e topámonos nas rúas das cidades galegas unha campaña publicitaria en letras pretas sobre fondo branco, unha campaña simple pero efectiva cun enderezo web "estoloarreglamosentretodos.org". Non asina ninguén e nunha primeira lectura poderíamos pensar nun chamamento á solidariedade propio dunha ONG. Pero o grande desenvolso de cartos que supón esta campaña será de unha entidade solidaria e comprometida ou estaremos diante dun novo negocio.

Se unha teclea o enderezo no computador apareceu rapidamente a páxina da campaña e podemos coñecer a súa suposta historia; segundo nos contan foi Jaime un publicista o pai da criatura que despois comparte con Susana, a súa parella e finalmente decide levarlla ás Cámaras de Comercio, que se ilusionan e deciden poñela en marcha creando a Fundación Confianza. Unha fundación da que participan entre outros o BBVA, CajaMadrid, ENDESA, El Corte Inglés, Telefónica, Banco Santander e Iberdrola, e ten como portavoces a Javier Gómez Navarro, Antonio Garrigues Walker Guillermo de la Dehesa e Miquel Roca i Junyent, todos homes de recoñecido prestixio, que fan un chamamento á sociedade civil para que se mobilice.

Mobilizarse para que? ou mobilizarse cara onde?

Se profundizas máis e reflexionas sobre o que che están ofrecendo descubres un discurso verdadeiramente preocupante, pois semella que a actual situación non ten culpábeis, e ademais pode sairse dela moi facilmente; só precisamos ter ilusión, pois a campaña amósanos ducias de persoas que triunfaron só polo feito de ter ilusión.

A mensaxe que nos transmiten é moi sinxela; da actual situación podemos sair sempre e cando estexamos dispostos. Non se precisan decisións políticas só iniciativa e ilusión.

Na nosa sociedade campañas deste tipo o único que pretenden é agachar a realidade e os problemas colectivos baixo o suposto éxito dos emprendedores, é decir, unha especie de soño americano hoxe tan de moda coa chegada dun home de raza negra á Casa Branca.

É a mensaxe do apoliticismo "se ti queres podes" é cuestión de entusiasmo e de optimismo, a mensaxe é clara: Si sumamos todos os éxitos individuais conseguiremos o éxito colectivo.

Arranxémolo, mais sen grandes mudanzas non vaiamos poñer en cuestión o marco económico ou institucional. Arranxémolo, máis sen que a política se meta polo medio.

Sería terribel que mensaxes coma esta tiveran acobillo na nosa sociedade, que nos convenceramos de que a superación da crise é só cuestión de esforzo individual e non da necesidade de cambiar o modelo; que é só cuestión de arrimar o hombreiro e non caer na tentación de esixir cambios.

O nacionalismo galego sempre empregou a pedagoxía para facerlle ver ao noso pobo a necesidade de unirnos para construir a nación; sendo esa unidade máis necesaria si cabe en momentos como este, cando Galiza está a sofrir unha doble crise, a crise económica global e a crise política do desgoberno.

Estou segura de que podemos arranxalo entre todos e todas; esixindo cambios, esixindo control público do sistema financieiro, esixindo que quen máis ten máis pague, esixindo que o aumento do consumo veña polo aumento dos salarios dos traballadores e traballadoras e non polo seu endebedamento.

Xa que o obxectivo da campaña é crear confianza, eu fago un chamamento a facerlles caso, porque efectivamente a solución está en ter confianza nas nosas capacidades colectivas para forzar os cambios que se precisan.