A síndrome da ra fervida, ou como saltar a tempo cando o calor aperta
Cóllase unha ra e métase nunha cazola con auga a temperatura ambiente. Préndase o lume e déixese que a auga vaia quecendo moi paseniñamente. Tras un período de conforto, a ra irá adaptando o seu sistema térmico de modo que non percibirá o gradual aumento de temperatura. Cando o batracio queira reaccionar —se é que realmente quere— xa será demasiado tarde. Coa súa enerxía consumida no esforzo da autorregulación térmica, a ra será incapaz de saltar fóra da cazola. Así poderemos dispor, con ben pouco traballo, dunha ra cocida.
Non é nada orixinal aplicar esta metáfora a calquera situación humana. O máis obvio é situar a síndrome da ra no contexto da mudanza climática: a temperatura atmosférica aumenta gradualmente, e nós a gastar enerxía noutras cousas. En adaptarnos ao quecemento global, por exemplo, sen ir atallar as causas que o provocan. Chegará un momento no que non haxa nada que facer e ficaremos como a ra. Mais hoxe irei por outro camiño.
Verán: dedícome estes días ás presentacións do meu libro Lingua, poder e adolescencia, que é a versión light da tese doutoral co mesmo título. O tópico son os enormes problemas que sofren adolescentes galegos para falar a súa lingua con normalidade no seu medio. Foron, entre libro e tese, sete anos de traballo e de moita aprendizaxe. Espero que sexan, de aquí para adiante, outros catorce ou máis. En cada presentación —máis ben, no debate que a acompaña— eu non paro de aprender cousas.
Aprendo, por exemplo que as persoas galegas teñen moitas ganas de contar a súa historia lingüística, resumida nas trabas que sufriron, cada unha no seu medio, cando quixeron usar a lingua do país como normal. Todos e todas temos algo que contar, e querémolo facer en público. Isto é fascinante, un síntoma de vitalidade! Mais hai algo que me sorprende especialmente: hai pais e fillas que me contan exactamente a mesma historia sobre as reaccións (negativas) que obtiveron do seu medio cando se puxeron a falar en galego con normalidade. Con trinta ou corenta anos de diferenza. Pais e fillas. Os mesmos factos, a mesma historia.
Estamos como nos oitenta. As augas están estancas como as da ra na cazola. Só que a masa de galegofalantes vai diminuíndo e a situación complícase por momentos. Con cada perda de falantes esváese o líquido, aumenta perigosamente a temperatura e dificulta a nosa reacción. Acabaremos como a ra e cando queiramos saltar xa será demasiado tarde?
Quen sabe. Hai motivo para esperanza e o camiño váinolo ensinar a mesma ra. Resulta que a tan traída e levada síndrome da ra fervida non é certa. Non hai na creación bicho tan idiota que se deixe cocer así como así, sen mover unha anca. Cóllase unha ra, métase nunha cazola coas condicións descritas e a ra saltará fóra do recipiente cando o calor aperte. Isto non suporá un seguro de vida para a ra, porque por algo a meteron na cazola. Fóra dela os perigos serán outros, mais de momento conservará a vida.
Aplíquese a metáfora á política lingüística galega e ás súas repercusións na sociedade. Non saltar é morrer lentamente; facelo é afrontar novos perigos, porque por algo nos meteron na cazola. Collamos forzas, porque haberá que escapar dela. Algún día, quizá non moi distante, haberá que dar o salto.