A Revolución Dixital


A Revolución industrial cambiou para sempre o modelo de sociedade vixente facendo que todos os actores sociais tiveran que adaptarse aos novos tempos para sobrevivir. Atopámonos agora nunha nova Revolución, quizais en principio máis silenciosa e menos rompedora en aparencia, pero que pouco a pouco estase a revelar como todo o contrario. A Revolución Dixital está virando do revés todos e cada un dos aspectos da nosa vida e os modelos de negocio e políticos non se libran.

Asistimos a un patético esforzo por parte do Goberno do Estado e nomeadamente da ministra Sinde de poñer portas ao ceo, tentando lexislar o inlexislable, establecendo canons inxustos e ilegais, querendo pechar páxinas que inmediatamente serán abertas en outros servidores e protexendo aos maiores piratas de apetito insaciábel de nome SGAE. A súa curteza de miras impídelles ver que están a darse de cabezadas contra un muro.

O máis rechamante deste asunto foi a loita dos lobbies presionando ao Goberno cada un nunha dirección. Por un lado as grandes operadoras de telecomunicacións que pensaban que pechar portas aos piratas en potencia íalles restar clientes e por outro lado os intereses da grande industria audiovisual norteamericana unida á SGAE tirando xustamente no senso contrario.

Queiramos ou non, acabáronse os modelos de negocio baseados na venta de copias e así primeiro a música, logo o cine e despois os libros ven tocados de morte o seu xeito de negociar e solo a comprensión desta certeza coa conseguinte adopción de medidas cara a atopar un modelo diferente pode solucionarlles o problema. Isto, e non a presión cara aos gobernos para lexislar sobre políticas restritivas que fan augas por todas partes.

A clave é atopar un xeito de que piratear unha obra sexa menos rendible para un hipotético pirata, e todos os cidadáns somos piratas en potencia, que adquirila legalmente. Valores engadidos, prezos razoables, comodidade de acceso e pago, en fin poñer a traballar a imaxinación e buscar vías novas de negocio, que as hai. E para exemplo as redes sociais, o grande xigante económico que hoxe en dia é Facebook, de acceso gratuíto aos seus usuarios e sen soporte de anunciantes é unha boa referencia, aínda que teñamos moitas chatas que poñerlle en moitas outras cousas.

Vimos de celebrar o pasado 30 de marzo o día mundial da liberdade dos documentos. E aquí podemos ter un exemplo de que a propia revolución dixital devora aos seus fillos. Os modelos de formatos propietarios que enriqueceron a multinacionais como Microsoft están a ter fin, e tamén as mesmas aplicacións xigantes que ataban aos usuarios dotándolles de funcionalidades supostamente imprescindíbeis que ao final nunca chegaban a ser utilizadas.

O pulo imparábel do software de código aberto, do software libre, que ademais se está a facer co mercado das apps para dispositivos móbeis e tablets, a antepenúltima revolución, irá arrinconando pouco a pouco a Microsoft e parece que solo outro xigante Apple, grazas a súa capacidade de adaptación e aos seus deseños irresistíbeis que marcan mercado, pode manterse. Adaptarse aos novos modelos de mercado ou morrer.

A sociedade ten pois que asumir novos modelos de facer negocio, e como en todo proceso revolucionario haberá prexudicados que quedarán no camiño entre os que non quixeron ou non souberon adaptarse. O proceso non é fácil, pero pola contra aqueles que teñan a suficiente capacidade de imaxinación obterán grandes beneficios.

Outro eido que sufrirá unha grande evolución que aínda non sabemos onde levará, será o dos medios de comunicación. Agora mesmo se botamos unha ollada aos medios tradicionais de prensa, tv e un pouco menos a radio, dannos ganas de botarnos a chorar. O control da dereita máis rancia, agravado pola chegada da TDT, é case total e costa moitísimo atopar un medio medianamente acorde co xeito de pensar dun. Os grandes grupos de presión económica que impoñen as políticas neoliberais imperantes na actualidade controlan practicamente todo e aquel que se atreva a sacar os pes do testo é posto na rúa de inmediato.

Felizmente os medios dixitais dótannos da capacidade de confeccionar a nosa impresa á carta. Cada vez léense menos os xornais dixitais e cada vez máis procuramos a información en redes sociais, onde os nosos amigos e amigas subliñan as cousas interesantes, en determinados blogs, e en determinados medios dixitais. E a proba de que isto é efectivamente así témola na revolución producida en Exipto, onde con todos os medios de comunicación ao servizo do réxime, a poboación foi informada da realidade dos feitos mediante a rede, e mesmo convocada á mobilizacións que remataron coa caída do ditador.

E isto que acabamos de dicir incide directamente na posibilidade de tomar conciencia política propia dun xeito independente e menos sometida a manipulacións. E iso mesmo incide directamente no xeito de facer política. Todos os partidos falan da importancia da sociedade da información e de estar na rede, pero solo uns poucos comprenden realmente o que isto significa. Moitos ven a rede como unha ferramenta cara a apañar votos e isto é un erro fundamental.

Na política, e así se adiantaba na anterior colaboración, a revolución dixital tense que ver como o paso da democracia representativa á democracia participativa. O dixital é interactivo e a cidadanía xa non pode ser entendida como mera receptora das políticas desenroladas, senón como un actor ou coma unha actriz principais, con papel e dialogo.

O dixital ten un efecto beneficioso e é que achega en posibilidades aos que teñen menos medios cos todopoderosos Berlusconi que dispoñen de todo un entramado de medios de comunicación ao seu servizo. Así, as opcións políticas con ideas, con argumentos fundamentados, proxectos sociais coherentes e coa suficiente intelixencia e imaxinación para trasmitilas teñen unha oportunidade.

Dispón o nacionalismo dun importante capital humano con capacidades de actuación na rede. Entendamos esta, e xa se está empezando a facer, non como algo a utilizar en períodos electorais, senón como un sitio onde habitar e explotar todas as súas posibilidades de interactuación e de difusión de mensaxes en positivo.

Pensemos que nas revolucións normalmente gañan aqueles que gozan da razón e que nesta revolución pacífica hai unha oportunidade que non debemos desaproveitar. Dispoñemos de medios e aínda que o modelo neoliberal actual, imposto por aqueles cuxo único obxectivo é gañar cartos a costa do que sexa, parece invencible, torres máis altas caeron.