A Patria en voz alta


Aproveitamos a celebración do Día da Patria Galega para poñer a vosa disposición un documento de referencia para coñecer o mundo simbólico do nacionalismo do primeiro tercio de século que con sorte desigual aínda influiría naquela nova xeración que sentaría as bases do nacionalismo actual nos primeiros sesenta. O libro "Os nosos cantos", editado en 1934 cunha tiraxe de máis de 2000 exemplares, impreso no taller de Casal e cunha portada de Castro Aríns, non é máis que un feixe de cantigas, unhas de matriz popular e outras de matiz patriótico, que como as outras publicacións dos "Ultreia" ten unha evidente vontade formativa. Non imos demorarnos no seu contido, porén agardemos que reparedes nalgúns dos temas, como o "Himno de Galiza" de Brañas que sería adoptado como himno polas mocidades do Partido, as súas pezas orgánicas como "Keltia" da autoría de Filgueira Valverde e Claudio Losada ou "O Balandro dos Ultreia" de Bouza Brei e Iglesias Vilarelle, sen esquecer cancións alleas como o himno do "Sinn Fein" que amosa as claras as súas referencias internacionais.

Os Ultreia son un organización xuvenil fundada en Febreiro de 1932, dinamizada por Álvaro das Casas, impulsada polo Partido Galeguista e que tiña como obxectivo organizar na loita patriótica e educar nos principios desta a mozos de entre 12 e 18 anos. A pesar do papel protagónico do Profesor do Instituto de Noia, na altura da fundación do movemento, membro do Comité Executivo do Partido Galeguista, a dirección da agrupación depende do Partido e responde a vontade da expresión política do nacionalismo no período republicano de autorganizar ao noso pobo e ser quen de articular un amplo proxecto de masas. Así as cousas, o inicio das diverxencias e posterior saída de "de las Casas" do Partido, a aposta particular de Bóveda de constituír a Federación de Mocidades, significará o esmorecemento da actividade dos "Ultreia" se ben a súa existencia formal manterase até 1936. Isto non quita que nas actividades do grupo sigan a participar destacados militades do Partido ou da súa organización xuvenil como del Riego, Illa Couto, Rufo Pérez, Martínez López, Xurxo Lourenzo ou López Durá.

,A orientación e as actividades desta organización non van diferir doutras estruturas xuvenís que xa viñan a operar no resto de Europa e mesmo do Estado como Palestra en Catalunya ou os Medigolatxes en Euskal Herria. Así practicarán o excursionismo como as visitas a Misión Biolóxica de Galiza, ou a viaxe en barco polas Rías Baixas galegas de recordo tan vivo e mesmo deixaran de realizar algunha como a prevista a Frouxeira para lembrar a Pardo de Cela. Non coñecemos o número de socios, aínda que nos parecen moitos os preto de 2.000 dos que falaba de las Casas a finais de 1933, iso si, consta a existencia de grupos en Noia, Vilagarcía, Vigo, Lugo, Pontevedra, Tui ou Compostela. Isto non quita para poñen en valor o feito. Conferencias en Pontevedra ou Compostela coa participación de Otero, Cuevillas, Risco ou López Durá, homenaxes a Murguía e Pondal e a moi meritoria exposición de pintura moza celebrada en Xullo de 1933 no Círculo Mercantil de Compostela onde debutaran pintores como Díaz Pardo, Granell, Castro Aríns, Xosé Sexto e Meleiro.

No Día da Patria Galega, na Carballeira de San Lourenzo, escoitaranse outra vez os seus cantos que son nosos, voces pouco afinadas pero rexas entoando o "caste dos celtas...", "o balandro dos ultreya" ou "as sete nacións celtas". Tamén estarán con nos o Rufo Pérez, o Illa, superviventes, e os que navegan no alén, camisa branca ou verde, con trisquel. E teremos presente o seu decálogo, os seus particulares dez puntos, "porque quero unha Galiza enteiramente galega, en convivio con todas as razas, en fala con todas as culturas" nos que amamos a "Galiza con toda a miña alma, dedicareille os meus mellores esforzos para tornala eternamente feliz".