A nosa non é a República española (nin a súa bandeira)

A nosa non é a República española (nin a súa bandeira)

Co gallo do 18 de xullo ou do 14 de abril observarmos galegos e galegas (tamén persoas que se definen nacionalistas) que reivindican o republicanismo español a través dunha bandeira que non é a nosa. É frecuente comprobalo nos actos sobre a memoria histórica, unha memoria que na meirande parte das ocasións revístese dunha perspectiva españolista e obvia o carácter nacional de Galiza. Tamén é frecuente escoitar falar da república española como o sistema perfecto, nunha mitificación simplista que fica lonxe do desprezo que chegaron a amosar dirixentes republicanos cara ao noso país e cara á nosa lingua. É curioso que apenas se aludan ás sombras que envolveron este réxime, que non foi quen de garantir nin unha verdadeira democracia nin xustiza social. Pouco se fala do carácter tan homoxeneizador e antinacionalista desta época.

O centralismo, defendido tamén por Casares Quiroga, atrasou o trámite do Estatuto de Autonomía nas Cortes e foi denunciado en reiteradas ocasións no Sempre en Galiza, onde Castelao advertía de que aos dirixentes republicanos "pesáballes que désemos tantas probas de firmeza republicana, tantos heroes e tantos mártires. Pesáballes mais cando vían que os galegos leais loitaban tamén pola liberdade da Galiza". Tamén temos o exemplo de Indalecio Prieto, quen se mofaba das reivindicacións de autogoberno para Galiza, á que nin se lle recoñecía o seu carácter diferencial. É curioso como só ao noso país se lle esixiran requirimentos para cumprir os trámites parlamentares do Estatuto, condicións que non lles foron requiridas nin a Catalunya nin a Euskadi. Xa o apuntaba Castelao no Sempre en Galiza, "a República non levaba máis intención que ser unitaria e centralista, agás a concesión feita aos cataláns e o temor a que se estendese aos vascos, mais xamais aos galegos".

As reticencias da República española cara á cuestión nacional son doadas de comprobar repasándomos o contexto lingüístico. Durante a República española, o castelán asimilábase co moderno, co progresista, co revolucionario, aínda que na vida privada o galego tiver máis peso. E é que a República española amosaba grandes trazos homoxeneizadores e castelanizadores. Quen quixer ascender neste sistema tiña que abandonar a considerada "lingua rústica" -a nosa lingua- para se pasar ao español. Malia o pulo que o Estatuto de Autonomía lle conferiu á lingua, houbo sectores que rexeitaron o uso do galego. Só cómpre lembrar a loita en solitario do Partido Galeguista a prol do noso idioma. Mais disto nada din as persoas que glorifican e enxalzan unha República española para a que eluden as críticas.

Castelao sinalaba que "somos republicanos porque somos galeguistas, e ben temos demostrado o noso republicanismo". E é que o nacionalismo galego foi sempre de carácter republicano, mais cómpre superar o modelo uniformizador da República española para defendermos e pularmos por unha república que atenda á cuestión nacional. Dicía Castelao que "nós dámos por ben mortas a primeira e a segunda República, e agardamos pola terceira. Esta terceira República será federal se é que quer ser definitiva". Non esquezamos que Castelao consideraba que ese modelo federal debera partir da plena soberanía de Galiza. "A nación ten dereito a federarse con outras e a separarse da federación cando lle conviñer. Unha nacionalidade, pois, ten dereito, incluso, a constituírse en Estado independente", recolle Castelao no Sempre en Galiza. En conclusión, será definitiva aquela República laica e de nacións -Estados confederados, unha República retratada na nosa bandeira, na bandeira de Galiza -que non española- coa estrela de cinco puntas.