A nosa historia facémola nós
Sen dúbida, unha das eivas máis graves que padece o pobo galego é a de non contar con información suficiente e axeitada sobre o seu propio pasado. É posíbel que se trate da nación europea que padece a maior ocultación, anulación e manipulación sobre a súa historia, especial e significativamente a medieval.
Esta operación consistiu en proxectar a situación actual de dependencia, secundarización e marxinalidade, o noso papel político periférico, cara atrás. Mellor dito, en facer cadrar a nosa integración e dependencia da España hoxe coa visión retroactiva da historia, como se nunca existisemos por nós mesmos, de forma diferenciada, xa que a ideoloxía española está baseada na idea de España como unha realidade política unitaria desde o tempo romano e godo, na interpretación da Idade Media coma un proceso que conduciría necesariamente á hexemonía de Castela e na concepción do Estado Español como unha unidade procedente do século XV.
Deste xeito, o noso pobo sofreu unha operación manipuladora iniciada xa hai séculos, desde o XV, mais consolidada e construída, sobre todo desde mediados do século XIX, cando realmente se artellou, contando entre outros factores poderosos, cun descurso histórico oficial e dominante monopolizado polo pensamento de Menéndez Pidal e dos seus epígonos sobre o ser español, ben reflectido en formulacións coma as de Ortega y Gasset defendendo unha idea mítica de España: “desde un principio se demuestra que Castilla sabe mandar” afanándose “por superar en su propio corazón la tendencia al hermetismo aldeano que reina en los demás pueblos ibéricos”.
Así, observamos que a recuperación da nosa memoria colectiva precisa dunha análise crítica da ideoloxía española, que tende a desvirtuar a realidade do pasado común aos pobos peninsulares e lle dá un carácter determinista á existencia do propio Estado Español na súa forma actual.
Por iso, cobra unha importancia capital a recuperación da memoria política da nación galega e así situar ao nacionalismo galego como peza chave que reivindicou a democracia, a liberdade e o desenvolvemento económico e social, que defendeu o pluralismo social, cultural e lingüístico e a liberdade política fronte a un Estado Español que no seu proceso de estruturación se identificou coa uniformización lingüística e cultural e considerou a eliminación da diversidade como un carácter necesario que garantise a creación, ou máis ben impuxese, un novo sentir colectivo: o ser español.
Se ben acabamos de trazar unha panorámica sobre a manipulación histórica da nosa nación, facendo especial fincapé en desmentir a historiografía española, tamén deberiamos deternos un bocadiño para vermos non só que se manipulou e como, senón porque este proceso de recuperación foi e vai tan devagariño e por iso farei mención ao ensino.
Coido que a ninguén pode coller por sorpresa o feito de que o ensino en Galiza non responde aos intereses do pobo galego e non potencia de ningún xeito o desenvolvemento da nosa nación, e para iso non fai falta ter sido estudante que pasou polo ensino medio e a universidade, mais si axuda a comprobar en primeira persoa como se silencia a propia historia de Galiza.
Como é posíbel que durante todo o ensino non se impartan nocións da nosa historia ou non teñamos unha materia como tal? Como é posíbel que un rapaz ou rapaza remate a ESO ou o ensino secundario e non ouvise nunca falar dos Irmandiños, de Inés de Castro, de Alexandre Bóveda...? Iso si, xa se encargan os planos de estudo de nos dar a súa benzón cunha Historia de España onde, evidentemente, non existe o noso devir histórico. Non porque para eles non teñamos que ser españois, mais ao contrario, xa que unha das funcións desa materia é actuar como catecismo patriótico e elemento colonizador, senón máis ben ese “esquecemento” da nosa historia obedece a non lle achegar aos mozos a existencia dunha historia e cultura propia ben diferenciada da española.
Así, fronte a manipulación da nosa historia que tende a un proceso de centralización política, económica e lingüística non podemos ficar de pedra xa que se se nos nega a nosa historia, négasenos a nós mesmos, ao que somos e seremos: galegos e galegas posto que como dicía Castelao “Galiza soio merecerá respeto cando abandoemos a nosa mansedume, despois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seríamos con vida independente”