A marca BNG


Non fai moito (xusto despois das eleccións municipais) nunha conversa mantida con algunha xente do ámbito nacionalista comentábanme que un dos problemas que lle vían ao BNG, dentro dos procesos electorais de cara á sociedade, xa non "vendía" como antano, que era unha marca caduca en canto ao proceso de "venta". Esta reflexión en voz alta introdúcenos nunhas variables que até o momento non se postulaban como importantes ou a ter en conta, pero tamén dá lugar a novas perspectivas en canto ao que se pretende trasladar e tamén en canto ao que se quere recoller da xente a quen se dirixe a mensaxe.

Obviamente, a translación das propostas políticas dunha organización deberían corresponderse ao reflexo de quen forma parte delas, de quen elabora e discute no seo destas, pero tampouco debemos ser opacos ás realidades mostradas no decorrer diario da xente. Non digo que o BNG estea xordo a estas voces mais tampouco considero a todas as voces interlocutoras válidas a hora de interpretar os feitos. Xa se sabe todo é criticable e con suficientes matices como para valorar de múltiples xeitos un mesmo feito, e dende ese punto de partida é de onde debemos comezar a sentar as bases internas de interpretar os movementos. Non considero que o BNG sexa unha "marca" que teña que vender, un produto comercial con maior ou menor vida útil, cunha data de caducidade precisada con tal exactitude que sexa capaz de xerar os suficientes beneficios e dependencia para crear nun futuro próximo esa necesidade. Se consideramos ao BNG unha organización que se debe pregar de forma directa aos designios dos mercados estaremos pervertendo as formas, as funcións e acabaremos "vendendo" un produto alleo ao seu obxectivo, lonxe da xente, das persoas. Esta esaxeración, necesaria para poder entender no que nos podemos converter, pódenos levar a facer preguntas tan sinxelas como até onde imos chegar para vender o noso produto? Cales son os límites que nos imos marcando como forza política?

O BNG ten que ser o reflexo da sociedade, non discuto iso, pero tamén ten que ter forza propia, identidade. É unha organización política e como tal as bases programáticas teñen que estar definidas, discutidas e teñen que ser o piar básico que nos una e nos faga causa común de cara ao exterior.

Ao longo dos tempos, pensemos tamén, as opinións foron mudando de tal xeito que fixéramos o que fixéramos non había acougo no noso camiño. Antes éramos uns radicais, extremistas, separatistas, etc, agora somos uns máis dentro do sistema de corruptos políticos (esa é a opinión que se traslada por parte dalgunha xente de fora), somos como todos, todos somos iguais, etc, estamos de acordo con estas afirmacións logo? A opinión da xente é tan maleable como manteiga branda, non por iso imos ter que facerlle caso a todo o que se diga, se cadra o que teríamos que facer é preocuparnos por nutrirnos da suficiente formación política, discutir, escoitar, etc para poder ter os suficientes argumentos que nos permitan camiñar coa cabeza alta e a base ben forte.

Poida que tampouco deberíamos obviar que a transformación na participación política diaria que ten sufrido o BNG dende tempos até o momento é palpable e cuantificable. A presenza nas institucións, gobernando ou co-gobernando, lévanos a ser foco de críticas e a meternos no sistema que tanto nos queima. Esta sensación que se pode albiscar dende o exterior só se pode combater con información e con traballo, e para iso non podemos contar con ninguén de fora, só fai falla que os de "dentro" sexamos o suficiente honrados, leais e coherentes, deste xeito poida que durmamos mellor, aínda que sexamos poucos.

Polo que a min respecta non quero "vender" senón "convencer" e por descontado que sempre escoitando, a única maneira de facer medrar a intelixencia.