A linguaxe simbólica en política: as chamadas de Obama, o pano palestino de Cospedal e o artigo de Antonio Gutiérrez
É a segunda vez que Obama chama por teléfono a Zapatero nas vésperas de debates trascendentais. A primeira o 11 de maio, polo anuncio do Plan de Axuste do Goberno, e a segunda, o pasado luns 21 de xuño, vespera do debate e votación no Congreso do Decreto de Reforma Laboral.
Non creo nas casualidades na política, e moito menos se veñen do mandatario-rei do planeta. Pero si creo nos xestos calculados e medidos que van máis alá do puro simbolismo. A linguaxe xestual evoca contidos moitas veces máis contundentes que as propias palabras. Non din que os xestos en política son importantes? As chamadas de última hora de Obama a Zapatero, coidadosamente difundidas en momentos cruciais, son contidos despoxados de continente.
O emperador do mundo dá ánimos a Zapatero e lle traslada o seu respaldo ao axuste económico e ás medidas de reforma laboral. É como a palmadiña no ombreiro. Con tanto teléfono non podo evitar lembrar os "sketchs" do gran humorista xa falecido, Gila. Unha cousa é que o mandatario español sexa ben guiadiño aos dictados do FMI, da banca e ao conservador eixe franco-alemán da UE, e outra é que isto lle guste porque tivo que ter unhas tragadeiras de talla XXL. Non é prato de gusto xa que era o máis "progre" dos gobernantes europeos pero acabou cazado pola dereita. De aí a urxencia en procurar un "título de prestixio" que acredite o sentido das súas medidas anti-progres. O "certificado Obama" é o máximo galardón que pode recibir. Precisa do recoñecemento público da comprensión paternalista do líder mundial que recibiu tratamento de mito en vida, e que tamén foi revestido coas roupaxes da progresía. Con toda seguridade, Zapatero respirou tranquilo, máis unha vez, despois do "telefonazo" obamista.
Mais non podo impedir que aflore esa desconfianza intrínseca que teño cara aquelo que non vexo. Os autos de fe non son o meu e supoño que sería das que metería os dedos na chaga. Non é que guste de alimentar a teoría da conspiración propia das películas de Hollywood e tan real en moitos casos, pero non podo evitar preguntarme sobre a veracidade da noticia. Será verdade que Obama chamou? Somos produto dun engano? Existiu o feito? Será difícil descubrilo. Non poño en dúbida o respaldo entusiasta do líder norteamericano ás medidas adoptadas polo Goberno PSOE, pero empezo a cuestionar o quen chama a quen. Casualidade que as tardes previas aos anuncios e debates de recurtes socio-económicos e laborais, Obama colla o teléfono por iniciativa propia. Os xogos inocentes a tan alto nivel son pouco críbeis.
Zapatero ten que cubrir a súa falla de liderazgo cos parabéns do gran líder mundial. Supoño que todo o mundo necesita dormir ben polas noites sen ter que atacar o botiquín para buscar ansiolíticos. Obama tranquiliza as conciencias e provoca un efecto inductor do sono. Esta última chamada pre-Decreto Reforma Laboral debeu exercer un encantamento especial porque ZP parece que reviviu, tiña outro aspecto o outro día no Pleno.
O simbolismo de Cospedal
O outro caso de linguaxe simbólica que detivo a miña mirada ante o televisor foi Dolores de Cospedal, a Secretaria Xeral do PP, ataviada cun pano cuase-palestino no momento no que comparece ante os medios de comunicación para afirmar que "somos o partido dos traballadores". Admito que as fugaces imaxes do telediario me obrigaron a navegar na rede para mirar paseniñamente a imaxe de Cospedal. Estritamente, non se trata do auténtico pano palestino pero si dunha imitación. Unha das inconsciencias e banalidades da moda desta tempada é a de levar no pescozo panos de estética palestina con todo tipo de tonalidades. Conste que non está mal que a moda recorra a unha simboloxía con moito contido político se non fora que esta apropiación de símbolos fica relegada ao mundo da fría superficialidade, no que un desfile de "nenas pijas" viste panos con estética palestina como se levara un colar de perlas. Cospedal non ía ser menos aínda que o seu era de marca cara.
Deixando aparte a ironía, permanece o xesto, a linguaxe simbólica. Alguén pode crer que foi inocente a estética da Secretaria Xeral do PP o día que comparece ante os medios para dicir que son o partido dos traballadores? Por moito que ela recorra á moda, supoño que previamente se mirou ao espello e algo vería porque non levaba imaxe de "chica PP". Pero son o tipo de cousas que só os populares poden facer sen que se desintegren acto seguido por tanto cinismo e oportunismo político.
O xesto de Antonio Gutiérrez
Por último, quérome referir ao terceiro dos xestos políticos do mes. Antonio Gutiérrez, ex líder de CC.OO reciclado no PSOE, apertando o botón da abstención na votación do Decreto de Reforma Laboral. Unha decisión que veu precedida pola súa publicación no xornal "El Pais" dun artigo moi crítico coas medidas laborais do Goberno, por certo, un texto moi ben fundamentado. É o único caso que afastaría da farsa. Nun PSOE onde todos votan como clons, sen pensar nas consecuencias, sen que lles remova minimamente certa conciencia de Partido Socialista que días antes é capaz de mostrar con orgullo, e moita pompa, unha homenaxe a Pablo Iglesias, é conmovedor que un ex líder sindical non vaia en contra dos seus antigos principios. Unha mostra de linguaxe simbólica en quen podía pasar desapercibido no mar de deputados-robot do PSOE pero que decidiu a última hora seguir o ditado da súa conciencia.
Pecho o artigo e vexo outra imaxe que daría para moitos comentos: Obama e Medvédev zampando unha hamburguesa.